sábado, 1 de xullo de 2023

O bo patrón

É un dos grandes éxitos do cine español dos últimos anos, a volta ao cine español de Javier Bardem, que creo que levaba algúns anos sen caer por aquí, e apeteciume vela cando vin que a botaban en TVE (agora xa non lembro se foi na 1 ou na 2).

Foi dirixida en 2021 por Fernando León de Aranoa (que normalmente ten grandes ideas para as súas películas). No elenco destacan Javier Bardem, obviamente, pero está moi ben secundado por Manolo Solo, Almudena Amor, Fernando Albizu, Celso Bugallo ou Francesc Orella.

Julio Blanco é o propietario dunha empresa de básculas industriais chamada Balanzas Blanco. Pretende ser un xefe xusto e bondadoso, que se preocupa polos problemas dos seus empregados e intenta botar unha man para resolvelos, na medida das súas posibilidades. Teoricamente, iso é mellor que o papel de moitos empresarios (sobre todo en España), que non se preocupan pola súa plantilla e só pretenden exprimila o máximo posible para maximizar os beneficios. Pero neste caso, realmente utiliza tácticas case mafiosas, por momentos, para intentar resolver os problemas dos seus empregados, e os seus propios, sempre co obxectivo de maximizar os seus beneficios, e os da empresa, e que ao mesmo tempo pareza que se preocupa por eles.

Todo isto crúzase co feito de que Balanzas Blanco é unha das empresas finalistas nun premio a boas prácticas empresariais que, no caso de ganalo, daralle moi boa proxeción e publicidade, e ese pasa a ser un obxectivo estratéxico. Saben que a comisión avaliadora chegará nos vindeiros días, pero obviamente, non saben exactamente cando será. Pero entre as visitas ás outras empresas finalistas, e algún soplo que reciben (que raro que en España haxa algo de corrupción en eventos coma ese), acaban sabendo o día exacto da visita, pero só o día anterior á mesma (a película remata con ese escena).

As problemáticas son moi variadas:
- Un dos principais elementos da empresa, encargado da organización das actividades, está pasando un bache e está cometendo últimamente erros que nunca cometera. O xefe acaba descubrindo que a súa muller está deitándose con outro home, e incluso chega a saber quen é (o xefe, o marido nunca chega a sabelo), outro traballador árabe da empresa, que tamén ten moito prestixio na mesma.
- Outro dos traballadores, pero moito máis de base, ten problemas porque un dos seus fillos ten moi malas compañías e pode acabar no cárcere. O xefe intenta atoparlle unha ocupación algo máis digna. Finalmente acaba morrendo por un encargo que lle fai indirectamente Julio Blanco, pero este, en vez de arrepentirse, intenta sacar peito e louvar ao falecido pola súa entrega.
- Un traballador despedido da empresa que se aposentou en fronte da entrada da mesma e que fai moi mala publicidade dela, é agredido por un grupo de rapaces (un deles o morto do parágrafo anterior), porque o xefe quere que xa non estea cando a Comisión veña de visita. E ao final acaba conseguíndoo.
- Dende o primeiro día, fíxase nunha atractiva becaria que acaba de chegar, e incluso chega a deitarse con ela. Despois entérase que é a filla duns bos amigos del e a súa muller, Intenta botala, pero ela déitase con máis cargos importantes da empresa, e acaba sendo contratada cun posto importante, a pesar da oposición do xefe, pero non poder facer nada para evitalo.

En definitiva, que utiliza tácticas bastante discutibles e incluso mafiosas, para intentar que a súa empresa vaia o mellor posible pero aparentando ser un xefe moi humano. E o caso é que moitas das súas tretas acaban funcionando, dun xeito ou doutro. Unha vez máis, León de Aranoa fai un debuxo bastante fiel da sociedade española cunhas historias moi retorcidas, con moitas aristas, pero que seguramente descubren moitos aspectos sociais que non é doado desvelar habitualmente.

Saúdos. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...