martes, 16 de agosto de 2022

Sendeirismo na Terra de Caldelas


Levaba eu xa uns dous anos e medio sen realizar unha viaxe de pracer (porque as excursións escolares non contan, son traballo). Se non me engana a memoria, o entroido de 2020, 2 ou 3 semanas antes daquel terrible confinamento, fora a última ocasión na que fixera unha saída deste tipo. Dende hai uns cantos anos, varios dos fundadores de Viaxes O Lóstregho saímos no mes de agosto a facer algo de sendeirismo por Galicia durante 4-5 días seguidos. A última vez fora en 2019, polas Terras de Trives, e nesta ocasión seguimos circundando o Macizo Central Ourensán e fomos á Terra de Caldelas.

A Terra de Caldelas é unha comarca que se atopa entre o río Sil e o Macizo Central Ourensán, ao oeste das Terras de Trives, e polo tanto forman parte da Ribeira Sacra, pero na súa beira sur, na provincia de Ourense. Está formada por catro concellos: Castro Caldelas, A Teixeira, Parada de Sil e Montederramo (este último concello non dá ao río Sil, pero si é parte importante do macizo ourensán, coa serra de San Mamede). Nesta zona está a famosa ponte sobre o Sil, con dous embarcadeiros para o catamarán, que é das zonas máis concurridas da Ribeira Sacra, coa vertixinosa estrada que une as dúas beiras.

Nesta ocasión a excursión durou cinco días que se dedicaron ás seguintes actividades:
- Martes 9: Chegamos á zona, instalámonos no aloxamento (do que falarei despois) e case inmediatamente comezamos a ruta que nos ía ocupar o primeiro día. Chámase a "Ruta dos Bosques Máxicos" e ten uns 16 quilómetros. Facíame ilusión facela porque o punto central e un dos máis importantes da mesma son as ruínas do mosteiro de San Paio de Abeleda, que foi a motivación principal para a creación da asociación O Sorriso de Daniel, que defende o románico en Galicia. Esta ruta é case todo baixada na súa primeira parte (había bastantes árbores derribadas que había que sortear de xeitos variados) ata a zona do mosteiro. Xantamos á beira dun río pouco despois do mosteiro, e o resto da ruta é a subida. Esa tarde non estiven na miña mellor forma e costoume subir moito máis do habitual. Debeu ser a falta de práctica ou un golpe de calor, porque os días seguintes xa rendín algo mellor.
- Mércores 10: Este día choveu case sen parar en toda a zona, así que non puidemos facer sendeirismo. Aparte de que tivemos que achegarnos a Sarria para resolver uns asuntos persoais do meu compañeiro de viaxe, aproveitamos para visitar o mosteiro de Santa María de Montederramo pola mañán, e pola tarde fomos á Casa-Museo do Chocolate en Teimende (Parada de Sil) e ao Castelo de Castro Caldelas xa no serán, onde alí si, xa nos pillou a treboada, pero estabamos a 50 metros do noso hotel.
- Xoves 11: Ese día fixemos fragmentos das dúas rutas máis destacadas no concello de Parada de Sil, aproveitando que as dúas tiñan forma de 8. Na primeira fomos dende a capital do concello ao famoso mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. E pola tarde achegámonos á Fábrica da Luz para percorrer a pasarela do río Mao (que separa os concellos de Parada de Sil e A Teixeira) e aínda seguimos un pouco máis, ata Barxacova, onde hai habilitada unha zona de baño, e ata San Lourenzo, en vertixinosa e moi dura subida na montaña.
- Venres 12: Ese día fixemos a famosa ruta dende Castro Caldelas ata o miradoiro das Penas de Matacás. Tamén uns  16 quilómetros con algunha subida moi dura ao comezo, atravesando os socalcos de viticultura heroica. A parte final xa é máis levadeira, por sorte.
- Sábado 13: Por sorte, quedounos para o último día a "Ruta de A Teixeira", que fai un breve percorrido por este pequeno concello. É unha ruta circular duns 12 quilómetros, sen grandes complicacións, pero moi boas vistas sobre o Sil, sobre o Mao (vese a famosa pasarela dende máis arriba) e sobre o val de Abeleda. Esa mesma tarde, por unha casualidade do destino, aínda puiden visitar o Museo do Ferrocarril en Monforte de Lemos.

O aloxamento foi na magnífica Pousada Vicente Risco de Castro Caldelas (parece que Vicente Risco viviu alí durante un tempo). Castro Caldelas é unha pequena vila que conserva moi ben o seu casco histórico medieval en torno ao castelo. A pesar do fermosa que é, ten moi pouca hostelería. Botando contas, non creo que cheguen a 100 prazas hoteleiras, e só se pode comer de prato en 3-4 locais, o resto son cafeterías, aínda así ten unha vida moi vizosa na praza principal, porque para moito máis non dá.

Saúdos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...