mércores, 18 de febreiro de 2026

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a figura de Xoana de Vega. As autoras son Marilar Aleixandre e Emma Pedreira, que utilizan algunha técnica curiosa para escribir esta biografía, atribuíndo os parágrafos a diferentes personaxes (case como se fora unha obra de teatro), e algúns deles son atribuídos a "entidades" como a cidade da Coruña, por exemplo, outros á morte, etc.

Non sabía eu moito sobre este personaxe, agora xa sei algo máis, pero dende logo resulta fascinante, porque estivo metida en moitos fregados, e en circunstancias que o desaconsellaban completamente. As mulleres no século XIX español non eran ben vistas en moitos ámbitos que estaban reservados aos homes. Pero no século XIX en Galicia naceron Xoana de Vega, Concepción Arenal, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Non está nada mal.

Bastante de película xa resulta que con 16 anos nada máis casa con Francisco Espoz e Mina (que agora dá nome á Praza de Mina), héroe napoleónico bastante novo que inicialmente era un labrego navarro que falaba en euskera. Pero que acabou converténdose nun heroe e político español mentres tivo vida, que tampouco foi moito tempo.

Lendo esta obriña tamén lembrei que o século XIX en España foi especialmente convulso (creo que nos outros países tamén) e que non paraban de pasar cousas bastaste gordas continuamente. Pois ben, Xoana de Vega estivo metida en moitas delas. E cando volveu á Coruña, despois de ser durante varios anos a aia da futura raíña Isabel II, seguiu organizando cousas ben interesantes, naquel momento xa coa colaboración de Concepción Arenal, figura tamén moi interesante.

Saúdos.



Onte, hoxe, mañá

Intenteino outra vez pero é moi complicado. Está claro que o modo de ser italiano non me agrada. Esta película que botaron no espazo de cine clásico da 2 pintaba mellor que outras, pero non, a xestualidade e histrionismo dos italianos supérame, que lle imos facer. Nesta ocasión eran tres historias curtas protagonizadas polos mesmos actores, pero ambientadas en cidades e ambientes diferentes. Iso aportou certa frescura, pero non fun capaz de non ver os "defectos" habituais (para min) do cine italiano.

"Onte, hoxe, mañá" foi dirixida en 1963 por Vittorio de Sica. Os dous actores principais nas tres historias son Sophia Loren e Marcelo Mastroianni, que obviamente son parella en todas, pero con moi diferentes circunstancias. Xuraría que lin nalgures que todas, ou parte, das historias estaban baseadas en relatos de Alberto Moravia.

A primeira delas titúlase "Adelina" e está ambientada en Nápoles. Trátase dunha familia pobre que vive nun barrio pobre da cidade. Teñen moitas débedas, polas multas que lle poñen á muller por vender tabaco de contrabando nunha praza (na que traballan moitas outras mulleres facendo exactamente o mesmo). O seu marido parece bastante vago e mentres a súa muller teña algo de ingresos (que claramente non son suficientes) prefire non traballar, a pesar de que recibe propostas de cando en vez. Iso si, teñen fillos sen parar, aínda que cústalles moito mantelos. Ameazan a Adelina con ir ao cárcere pero conmútanlle a pena ao saber que está embarazada de novo. O marido, coa presión, xa non consegue concebir máis, e Adelina acaba no cárcere, así que haberá que buscar solucións. É a historia máis longa das tres, dura 1 hora das 2 que dura a película completa.

A segunda titúlase "Anna" e está ambientada en Milán (vese o Duomo nunha das escenas iniciais). Unha ricachona aburrida e casada ten unha aventura cun xornalista, pero vese que os seus caracteres non encaixan demasiado ben. É a historia máis curta das tres e non ten apenas percorrido.

A terceira titúlase "Mara" e está ambientada en Roma, concretamente na Piazza Navona, que se ve moitas veces dende as fiestras das vivendas onde transcorre a historia. Unha prostituta de luxo comparte terraza á praza cunha familia formada por unha parella de avós cos que vive un guapo e xoven seminarista, que claramente está deslumbrado pola beleza da prostituta. A prostituta recibe a visita do seu amante, outro vago que vive do aire. E por outra banda, a avoa do seminarista quere botar á prostituta do edificio para que non pervirta ao seu neto. Pero ao final, todos acaban levándose ben.

Saúdos.



martes, 3 de febreiro de 2026

Naves misteriosas

Levaba anos intentando ver esta película. Deberon botala na televisión nos 80, e chamáronme a atención as imaxes, os invernadoiros semiesféricos nas diferentes naves. Pero non conseguía atopala en ningún sitio. Está nunhas cantas plataformas pero hai que pagar a maiores para vela. Hoxe conseguín vela no CGAI e gustoume bastante. Por certo, o título orixinal significaría algo así como "funcionamento silencioso". Nin ese título orixinal nin o invento español teñen demasiado sentido.

"Naves misteriosas" foi dirixida en 1972 por Douglas Trumbull, que destacou principalmente como especialista en efectos especiais, en películóns como "2001: unha odisea espacial", "Blade Runner", "Encontros na terceira fase" e algunhas da saga de "Star Trek". Só hai catro actores, o principal e case único Bruce Dern, e os secundarios Cliff Potts, Ron Rifkin e Jesse Vint.

Unhas naves que marcharon da Terra preservan as últimas mostras da vizosa flora e fauna terrestre. Supostamente teñen a intención de conservala ata que poidan volver para repoblar a Terra con esas especies. Pero desafortunadamente reciben a orde, incomprensible, de desfacerse delas por medio de explosións nucleares. Esas especies están nuns invernadeiros especiais, que hai que explosionar. 

Na nave na que están hai un botánico namorado de todo iso, que quere preservalo a calquera prezo. Os outros tres compañeiros pasan totalmente do tema, e están encantados de destruir toda esa riqueza natural, porque basicamente queren volver á Terra canto antes.

Comezan a destruir os invernadeiros, pero cando chegan ao último, que era no que máis traballaba ese botánico, négase a permitir que o destrúan, e desfaise dos tres compañeiros. Comeza unha fuxida para intentar conservar ese último invernadoiro.

Saúdos.



Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...