venres, 19 de xullo de 2024

Dersu Uzala

Xa a vira hai moitos anos, pero me deixara unha moi grata impresión. Sabía que estaba visible en Youtube pero tamén que é algo longa (case dúas horas e media) así que non se podía ver en calquera momento. Tamén lembraba que o ritmo é moi lento. É unha magnífica exaltación da bondade e da amizade. Así que, se sodes persoas que vos gusta o ritmo rápido no mundo audiovisual e ides sempre buscando conflito e violencia, é mellor que non vexades esta película, pode facervos moito mal.

"Dersu Uzala" foi dirixida en 1975 por Akira Kurosawa. É unha produción soviético-xaponesa (curiosa combinación) e a primeira deste director fóra do Xapón. Aínda que actúan máis persoas, obviamente o protagonismo é para os dous personaxes principais, interpretados por Maxim Munzuk e Yuri Solomin.

A película trata basicamente da amizade entre o capitán topógrafo soviético Vladimir Arseniev e o cazador Dersú Uzalá, pertencente á etnia nanai, unha minoría étnica que habita entre o extremo oriental de Siberia e o nordeste de China, pola zona do río Ussuri. Son os comezos do século XX e o exército soviético está explorando esa zona para topografiala.

O pequeno grupo que lidera Arseniev atópase co curioso cazador, que ao comezo lles parece algo excéntrico, pero acaba conquistando a todos pola súa bondade e solidariedade. Despois dalgún tempo xuntos, os seus camiños sepáranse. Uns anos máis tarde, o mesmo Arseniev, con outros soldados, volve á mesma zona, e de casualidade, atópase con Dersú de novo. Os soldados non entenden ao principio por que razón o seu capitán apreza tanto ao cazador, pero ao final todos o entenden.

Nestas dúas expedicións suceden varias aventuras, e en varias sálvanse a vida mutuamente. Na primeira Dersú salva a vida do capitán, xa que se perden nunha lagoa xeada, e conseguen facer duramente un refuxio para pasar a noite, formado por unhas cordas, un bo feixe de plantas da vexetación e utilizando o trípode do teodolito como base da "tenda de campaña". Na seguinte expedición cruzan un río nunha balsa e Dersu está a piques de ser levado pola corrente, pero os soldados soviéticos, talando unha árbore e facendo un grande esforzo, conseguen sacalo do río.

Ao final da segunda expedición, aparéceselles un tigre, que é un dos grandes perigos da taiga, e Dersú asegura que lle feriu pero non o matou. Nese momento comeza a percibir que está perdendo a súa prodixiosa vista, que lle permitía non fallar ningún tiro, e considera que a súa vida como cazador na taiga está chegando á súa fin.

O capitán ofrécelle vir a vivir á súa casa na cidade, pero Dersú non se adapta. Despois dalgún tempo, descubre que non ten ningunha liberdade e que lle falta o aire. Non pode disparar, non pode montar unha tenda ou cabaña na rúa, séntese moi maniatado, e pídelle ao capitán permiso para marchar ao bosque, onde el é feliz. Dálle como agasallo o seu rifle máis moderno e lixeiro, que suplirá a falta de vista de Dersú. Pero pouco despois recibe a noticia da morte do cazador, que foi asasinado no bosque, seguramente para roubarlle o moderno rifle.

Hai que ter en conta que esta historia non é ficción, está baseada nas crónicas que publicou o explorador Vladimir Arseniev (personaxe real) sobre ese cazador ao que coñeceu en persoa.

Saúdos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...