sábado, 23 de setembro de 2023

Desaparecido

Vin esta película hai moitos anos, e xa me gustara daquela. Eu, que teño unha ideoloxía máis ou menos ben definida e non a escondo, e que non me gustan nada as dictaduras, sentinme moi a gusto vendo unha película que poñía bastante podre e amosaba as vergoñas do golpe de estado e dictadura de Pinochet. O director tamén debe ser bastante "rojeras" e déixanos moi satisfeitos. Iso si, alégrame ver que agora en España agora lle poñen o título en castelán (tampouco era tan difícil de traducir, e segue sendo tan representativo como antes), porque antes era máis ben coñecida como "Missing".

Foi dirixida en 1982 (só 11 anos despois do golpe e aínda coa dictadura chilena no poder) polo director franco-grego (pero xa dirixindo en Hollywood) Costa-Gavras. O principal do elenco está formado por Jack Lemmon, Sissy Spacek, e tamén un pouco por John Shea, que interpreta á persoa "desaparecida". Por certo, está baseado na historia real do xornalista estadounidense Charles Horman.

Pois iso, Charlie Horman é un xornalista estadounidense, que se atopa en Chile coa súa muller Beth. Non queda moi claro, pero semella que están alí porque queren vivir nun lugar no que estean a gusto, e semella que o Chile de Salvador Allende cumpre as súas expectativas. Pero como todos sabedes, o 11 de setembro de 1973 (botaron esta película na 2 xustamente cando se cumprían 50 anos do golpe) o Exército, comandado por Augusto Pinochet, dá un golpe de estado (a dictadura rematou a comezos de 1990). Por certo, na película non se menciona o nome de Chile en ningún momento, pero si se menciona algunha vez Santiago e moito máis Viña del Mar, que parece que é onde comezou o golpe, semella que con axuda e asesoramento estadounidense.

Pois iso, hai toque de queda, Charlie e Beth estanse movendo polo país, e o golpe cólleos de casualidade en Viña del Mar, e alí ven cousas moi estrañas, e teñen conversas moi estrañas con militares estadounidenses que están alí para "facer un traballiño que saíu ben". Cóstalles moito volver a Santiago, onde vivían, e comproban que as cousas axiña se volven moi complicadas, sobre todo se son xornalistas, pero o feito de ser estadounidenses os libra dalgún outro problema.

Pero nun determinado momento, deteñen a Charlie por causas descoñecidas. A súa muller atopa a casa patas arriba un día que volve pola tarde. Os veciños cóntanlle versións lixeiramente distintas da detención. Comeza a súa busca, pero a embaixada estadounidense, aparentando interese polo caso, realmente non fai máis que molestar. 

Así que Beth decide chamar  a Ed, o seu sogro e pai de Charlie, para que lle axude a buscalo. Ed é un empresario, e como é previsible, un tanto conservador, e considera que o seu fillo e parella son uns perroflautas idealistas que se andan metendo en líos sen necesidade. Está convencido de que o seu fillo aparecerá axiña porque o embaixador fará todo o posible para conseguilo. Pero, aos poucos, el tamén se vai convencendo de que a embaixada non fai realmente nada, e de que é posible que colaboraran no golpe de estado. 

Ao final, acaba chegándolles o rumor por unha vía secundaria de que Charlie foi executado hai xa semanas no Estadio Nacional, que agora é unha xigantesca cárcere. Volven para Estados Unidos con esa información confirmada, e din que lles enviarán o cadáver (que estaba nunha foxa común) en cuestión de días, pero realmente tardou sete meses en chegar.

Así son as dictaduras militares apoiadas polos Estados Unidos. Como se Chile fora a única.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...