sábado, 2 de abril de 2022

Sendeiros de gloria

No espazo de cine clásico da 2 dos luns pola noite levan algún tempo botando un ciclo de cine bélico, que non me interesa demasiado. Pero acaban de darlle un xiro interesante e comezan a botar películas anti-bélicas, ou sexa, películas ambientadas na guerra que intentan convencerte do malas que son as guerras (a min non me resulta complicado chegar a esa conclusión). E fixéron proxectando unha gran película do gran Kubrick: "Sendeiros de gloria".

A película foi dirixida por Stanley Kubrick en 1956. Os actores que protagonizaron os papeis principais foron Kirk Douglas (esencial na realización da película e na contratación de Kubrick), Adolphe Menjou e George MacReady, aínda que están acompañados por un feixe de bos secundarios.

A historia é ben sinxela de entender, cáptase facilmente por que é anti-bélica e está inspirada en feitos reais, tamén da época da I Guerra Mundial, que é cando está ambietanda a película. Nun determinado lugar, o exército francés está cerca do Outeiro das Formigas, que os alemáns defenden con moita furia. Tomar esa posición podía ser unha moi boa baza para ganar a guerra, pero é moi difícil de conseguir.

Un xeneral do exército francés lémbralle esa posibilidade a outro xeneral francés, insinuándolle que conseguir ese obxectivo militar podería supoñerlle un ascenso no escalafón. Inicialmente, non o veía nada claro, pero semella que a posibilidade do ascenso faille ver máis esperanzas, e transmítelle esa orde ao coronel Dax, que é quen manda nesa posición. Este oponse á orde, por vela absurda, pero non lle queda máis remedio que obedecer.

Ao día seguinte, intentan tomar a posición, a pesar de ser case utópico. As baixas son moitas, e chegado un determinado momento, deciden retroceder porque non se ve ningunha posibilidade de avanzar. O xeneral obsesionado con esa operación para conseguir o seu ascenso está vendo a operación dende a distancia, e ao comprobar que non avanzan e que volven, dá a orde de bombardear ao seu propio exército, para que non retroceda. Pero os encargados de cumprir esa orde néganse a facelo se non hai unha orde por escrito. Obviamente, o xeneral négase a redactar esa orde. Pero convoca un Consello de Guerra contra eses batallóns.

Son tres os batallóns encausados, e nun xuízo militar absolutamente viciado (non sei quen esperaba outra cousa), a resolución é fusilar a unha persoa de cada batallón, que pode ser elixida ao chou ou usando o método que o coronel crea conveniente. Finalmente se escolle a tres soldados para os que se intenta pedir clemencia e que son fusilados. E a guerra segue, porque no exército pasan estas cousas en tempo de guerra.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...