domingo, 28 de setembro de 2025

Go home

Onte fun ao Teatro Rosalía da Coruña a ver a obra de teatro "Go home", que xa leva algún tempo de xira por Galicia, seguramente máis dun ano. Xa actuaron na cidade algunha vez, pero non me foi posible vela, e esta vez non a deixei escapar. O teatro estaba case cheo, e houbo sesións en dous días consecutivos.

O autor da obra é José Luis Prieto Roca, que xa leva décadas ofrecendo obras moi interesantes, pero segue sen ser moi coñecido. A dirección estivo a cargo de Tito Asorey coa axuda de Melania Cruz. O elenco estaba formado polo veterano Josito Porto e por David Amor, que non o fixo nada mal, tendo en conta que el non destaca moito como actor de teatro senón como monologuista.

A historia trata do encontro de dúas persoas nun lugar estraño. Un turista perdido aparece de madrugada nunha casa afastada na que o recibe un anfitrión bastante hostil. Resulta que o anfitrión é un tipo que odia aos turistas e que xa viviu en varios lugares, como Combarro e Compostela, dos que di que tivo que fuxir pola invasión turística. Decidiu afastarse e irse a unha aldea illada para non ter que soportalos máis, e a pesar diso, aínda lle aparece algún despistado na súa mesma casa.

A relación é moi tirante, obviamente, e coa axuda dunha escopeta, maltrata e humilla ao turista que chegou alí. Incluso obrígalle a gravar un vídeo avisando de que deben irse todos os turistas de Galicia, xa que ten secuestrado ao seu visitante.

O final é bastante sorprendente, así que non o vou destripar, porque aínda poderíades vela nos vindeiros tempos. Déixase ver bastante ben.

Saúdos.



xoves, 25 de setembro de 2025

Lúas de outono 2025

Onte puidemos asistir a unha edición máis de "Lúas de outono", a gala de homenaxe a Manuel María que se celebra no Teatro Rosalía de Castro da Coruña todos os anos por estas datas, máis ou menos cando se produciu a súa morte, hai xa máis de 20 anos. Non van tantas edicións desta festa, que comezou a celebrarse varios anos máis tarde. Dende hai varios anos, tampouco pode asistir Saleta, a súa viúva, que morreu no 2022.

Cada ano dáselle unha temática cultural determinada. Unhas veces é música, outras audiovisual, teatro, maxia, cada ano unha cousa. Pero este ano tocou repetirse. O ano pasado fora música, coa actuación dos Carunchos, e este ano tamén foi música, pero estaba moi xustificado.

Aproveitando que o Día das Letras Galegas estivo dedicado ás cantareiras e pandereteiras, e aproveitando tamén que a obra de Manuel María bebeu moito da lírica popular, xuntaron ao acordeonista Fran Barcia e a Richi Casás, cantante, pandereteiro, saxofonista, e que tamén tocou o pandeiro nunha canción, para tocar unhas pezas.

Richi Casás é neto e afillado de dúas das cantareiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas (que puideron ter sido moitas máis, pero o centraron en seis figuras), e contou historias sobre como cantaban na súa casa da Vila da Igrexa, en Cerceda, e como a musicóloga suíza Dorothé Schubarth veu a finais dos anos 70 e comezos dos 80 a gravalas á súa casa.

O que máis me gustou foi que unha das cancións que tocaron foi unha que me gusta moito, titulada "Sara Sariña", que eu coñecín da man do magnífico grupo ferrolán Os Cempés, canción da que vos poño un vídeo en directo.

Saúdos.



martes, 23 de setembro de 2025

Poesía popular galega

Xa estou a piques de rematar a hercúlea tarefa de ler os 120 volumes da Biblioteca Galega 120, que a Voz de Galicia editou no ano 2002 (cando se cumprían 120 anos de vida do xornal). Estouno facendo ademais por orde de numeración dos volumes, e xa rematei hoxe o 118.

A verdade é que estes últimos non destacan demasiado, pero o esforzo hai que facelo igual. Este foi sobre poesía popular galega, e os dous que quedan son sobre refraneiro popular e sobre contos tradicionais.

Como é poesía popular, obviamente non hai un autor ou autora consignado, pero si alguén que compilou, e despois de moito buscar, pareceume ver o nome dun tal Domingo Blanco.

Dividiu as coplas (case sempre cuartetos) en tres épocas:
- Textos do século XVIII
- Textos do século XIX ata 1865
- Textos do século XIX de 1865 a 1880

Moitos dos textos soábanme de coplas populares que cantan moitos grupos tradicionais ou de folk, e outros dos poetas do Rexurdimento, como Rosalía de Castro.

Saúdos.

domingo, 21 de setembro de 2025

Caso aberto (Cold Case)

Cheguei á conclusión de que tamén vou falar nesta sección de series de televisión que, pola súa extensión e que non seguen unha secuencia determinada (ou sexa, que os capítulos son normalmente auto-conclusivos e poden verse independentemente), non teña rematado de ver. É o caso desta, que dende hai anos é unha das máis agradables de ver da televisión, na miña opinión.

Por se non a coñecedes ou lembrades (sería raro que non vos cruzárades algunha vez con algún capítulo nalgún canal da TDT), o singular desta serie é que investigan casos de asasinatos cunha certa antigüidade (van dende uns meses ata varias décadas) que quedaron sen resolver (por iso están "abertos" ou "fríos"). Iso obriga a dobrar a moitos dos personaxes (os que seguen vivos), para representalos no presente e no pasado. Cando a distancia temporal é pouca pode simularse con maquillaxes, peiteados e todo iso, pero cando é maior (dos que eu vin, había algúns episodios ambientados había 50 ou 60 anos) é obrigatorio usar un segundo conxunto de actores e actrices, obviamente moi maiores. E a iso ía, que os actores e actrices maiores normalmente son moi bos, mellores que a xente nova, pola experiencia acumulada. Tamén vin que esta serie levou ou estivo nominada a algúns premios  de vestiario e deseño de produción.

A serie foi creada por Meredith Stiehm, unha importante guionista estadounidense. Iso e o feito de que a actriz principal faga o papel da única muller do departamento de homicidios da policía de Philadelphia fai que a serie teña unha sensibilidade moi superior á media. O produtor foi Jerry Bruckheimer, que tamén produciu series como CSI. O elenco estaba formado por Kathryn Morris, Danny Pino, John Finn, Jeremy Ratchford, Thom Barry e Tracie Thoms. Estiven vendo en Amazon Prime episodios de todas as tempadas, e chamoume a atención que ese equipo de actores e actrices se mantivo todo o tempo. Só houbo dous ou tres integrantes que estiveron pouco tempo, pero despois marcharon, pero estes seis estiveron todo o tempo, e coido que non é moi habitual nas series longas (por cansancio dos actores e actrices, supoño).

A serie tivo un total de 156 episodios en 7 tempadas. A máis curta foi de 18 episodios e a máis longa foi de 24. De cando en vez facían algún episodio dobre, sobre todo para rematar algunhas tempadas. Curioso era o protocolo de comezo e final dos capítulos, no arquivo da comisaría. Comezaban véndose algunhas imaxes antigas da situación, e a continuación, algún dos participantes aparecía morto. A continuación veíanse imaxes actuais nas que aparecía algunha proba ou personaxe que achegaba un novo indicio que permitía reabrir o caso. Baixaban ao arquivo a buscar información e sacaban a consabida caixa cúbica branca co nome da persoa morta e a data. E comezaban a investigar. Obviamente, sempre conseguían pechar os casos, e facíano gardando a caixa de novo, pero esta vez xa poñía que o caso estaba "pechado". Acabo de ver que en plataformas variadas de streaming onde se viu a serie, a nota media é dun 7,6 en todas, o cal corrobora o apoio por parte do público a esta serie.

Déixovos un vídeo de Youtube no que se ve o primeiro capítulo da serie. Aí pode verse por que razón a detective Lilly Rush comezou a investigar este tipo de casos, porque inicialmente non era así.

Saúdos.



sábado, 20 de setembro de 2025

Capercaillie

Hai unhas semanas veu de visita á Coruña, unha vez máis, o magnífico grupo escocés Capercaillie, un dos mellores da historia da música folk. Lembro que hai uns 6-8 anos tocaron no Teatro Rosalía (esta vez foi no Teatro Colón), e supoño que debín velos algunha vez máis nas décadas anteriores, pero debeu ser en festivais folk, non en teatros da miña cidade. Non hai moito que dicir, son un valor moi seguro e nunca decepcionan.

Para os que non os coñezan, a formación convencional do grupo son oito persoas. Imos comezar coa parte de atrás do escenario, que non destaca tanto. Na batería, se non entendín mal, volvía estar James Mackinstosh, que foi batería do grupo en varias etapas, e semella acompañalos de novo. No baixo, podería ser Ewen Vernal, pero non podería aseguralo. E na percusión estaba unha muller, que xuraría que tiña un apelido islandés cando a presentaron, pero non o entendín demasiado ben. Estiven mirando na web e na Wikipedia, e en ningures consta unha muller islandesa (nin de ningún outro país) que toque a percusión para eles, así que non podo dicir moito máis.

A liña dianteira é case inbatible: Karen Matheson na voz; Donald Shaw no acordeón e teclados; Manus Lunny coa guitarra e o bouzouki; Charlie McKerron con violín; e Michael McGoldrick nas frautas e gaita irlandesa. Un "all star" da música folk escocesa. Agás o último, que chegou no ano 97, todos os demais comezaron no grupo a mediados dos 80 ou incorporáronse nesa década. Así que esta liña dianteira, de indubidable calidade, levan entre 30 e 40 anos tocando xuntos. Iso explica moitas cousas.

Saúdos.



mércores, 17 de setembro de 2025

Romería de Santa Margarita 2025

Este ano só puiden asistir á última xornada de concertos da Romería de Santa Margarita 2025, a que tiña lugar na tarde e noite do domingo 31 de agosto, para poñer colofón a un verán moi ben aproveitado. A xornada do venres tivo que ser suspendida pola chuvia (case toda Galicia estaba igual, seino porque fixemos un bo traxecto aquela noite volvendo da Mariña Oriental).

Os tres grupos que puidemos ver foron os seguintes:
- Os Melidaos, grupo tradicional galego do que vimos as últimas pezas
- Rura, grupo escocés de folk que gustou bastante
- El Nido, grupo burgalés que sorprendeu bastante, do que nunca oíra falar

Aí van uns vídeos deses grupos. Saúdos.





martes, 16 de setembro de 2025

Sendeirismo na Mariña Oriental

A comarca da Mariña Oriental está formada por catro concellos: os máis famosos son Ribadeo e Barreiros, na costa, e no interior están A Pontenova, polo que pasa a estrada que vai de Ribadeo a Lugo, e o máis descoñecido de todos é claramente Trabada.

Viaxes O Lóstregho decidiu saír de novo a facer sendeirismo, cun novo integrante que o ano pasado debutou en viaxes máis convencionais e exploratorias, e este ano decidiu que tamén quería facer andainas.

Só foron catro días, pero non estiveron nada mal. Andivemos 83 quilómetros neses catro días, e menos mal que o último día baixamos un pouco a media. Os percorridos foron os seguintes:
- Primeiro día: Ribadeo. Deixamos o coche a carón do faro da Illa Pancha e fomos andando pola costa lucense en dirección oeste. Deunos o tempo para chegar ata a fermosísima aldea de Rinlo e as súas cetáreas. Foron 23 quilómetros de ruta lineal (ida e volta).
- Segundo día: A Pontenova. Fixemos a ruta da Vía Verde do Eo (antiga vía de tren que ía dende A Pontenova ata a ría de Ribadeo. Interesantes os seis túneles que hai que cruzar, supostamente iluminados, pero tivemos que tirar das lanternas dos móbiles. E tamén a escala salmoneira no río Eo. Tamén fixemos un fragmento da ruta do Muiñeiro Namorado, que é perpendicular á anterior. As dúas son lineais, había que facer ida e volta e sumaron uns 28 quilómetros, iso si, case sen desnivel (como é normal nas vías verdes).
- Terceiro día: Barreiros. Deixamos o coche na zona do concello de Barreiros na que se ve xa moi cerca a vila de Foz, alén do esteiro do río Masma, e comezamos a andar pola costa lucense en dirección leste, ata chegar á Praia das Catedrais, e aínda fomos ata a praia seguinte, chamada a praia de Esteiro. A diferenza do primeiro día, que foi por pistas, este parte foi toda por paseo marítimo ou similar. Moi urbanizada e chea de turistas no verán. Foron 22 quilómetros de ruta lineal (ida e volta).
- Cuarto e último día: Trabada. O concello máis interior permitiunos facer un par de rutas pequenas, por fragas, que podían enlazarse entre sí. Foron só 10 quilómetros, pero aquí xa houbo algunhas pendentes interesantes. Ao rematar, fomos pasar a última tarde a Ribadeo, pero estivo case todo o tempo chovendo intensamente.

Saúdos.

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...