sábado, 10 de agosto de 2024

Os fidalgos de Monforte


Benito Vicetto foi un escritor que naceu en 1824, e que polo tanto, neste 2024 cúmprense 200 anos do seu nacemento. Oín falar del xa hai moito tempo pero nunca tivo moito éxito nin na literatura galega nin na castelá. Tratou bastantes temas galegos pero creo que escribiu sempre en castelán. É famoso en Galicia sobre todo por unha "Historia de Galicia" que non está moi ben vista, porque creo que é bastante fantasiosa e pouco científica. Polo que me pareceu entender, era máis ben novelista e non tiña formación como historiador, e debeu mesturar estilos. Tamén se dedicou ao xornalismo, pero tamén foi militar e ganouse a vida moito tempo como funcionario de prisións (creo que incluso dirixiu unhas cantas).

Pero o caso é que eu lin unha das súas novelas máis coñecidas, titulada "Os fidalgos de Monforte", que foi o volume número 1 da colección que a Voz de Galicia sacou hai 20 anos co título de "Biblioteca Galega de Autores en Castelán". É unha novela do estilo cabaleiresco, ambientada na Galicia de finais do século XV. Debe ser dese tipo das que se criticaban ao comezo do Quixote, pero esta escribiuse varios séculos despois. Penso que o tema daba para máis, pero acaboume parecendo bastante mediocre.

Todo xira en torno ao conde Alonso de Lemos e o seu castelo de Monforte en torno a 1480. Como ve a rebelión dos irmandiños (realmente a segunda, porque a primeira xa fora uns anos antes), asina un pacto cos doce principais señores da zona que son fidalgos, para que axuden a defender a ameazada praza da horda dos irmandiños, dirixida polo Mariscal Pardo de Cela.

Pero a parte da novela que trata desta guerra entre señores feudais e sublevados (que a min me interesaba bastante máis) é pequena, non creo que chegue á cuarta ou quinta parte da extensión. De que fala entón? Pois principalmente de cuitas amorosas entre os fidalgos, as súas familias, e os condes, ou por mellor dicir, das súas esposas as condesas, xa que vén de visita o conde de Monterrei coa súa esposa. Ildara, a condesa de Monforte, e Maret, a condesa de Monterrei, son amadas por algúns dos fidalgos, de forma máis ou menos evidente, e iso provoca a ira dos condes, que non son xente demasiado comprensiva en xeral.

Inicialmente os fidalgos de Monforte eran doce, e ao final de todo, entre unhas cousas e outras, coido que só quedan sete, porque cinco acaban morrendo por feitos que teñen que ver, en parte, coa rebelión irmandiña, e en parte, con amores imprudentes.

Saúdos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...