sábado, 13 de xullo de 2024

Ébora

Seguimos avanzando cara ao final, xa cercano, da Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e acabo de pasar o último Tourmalet. Eu penso que darei rematado con ela no que falta de 2024 ou comezos de 2025. Acabo de ler o volume 110, seguramente o máis extenso de toda a colección. Foi a novela "Ébora" de Xosé Carlos Caneiro, con máis de 500 páxinas. Porque de feito na narrativa galega non é habitual ver novelas tan longas.

Este escritor, con talento bastante recoñecido en premios, ten agora uns 60 anos e segue publicando, aínda que creo que a súa fama pública non é tanta como a que tiña antes. Esta novela é do ano 2000, e creo recordar que tivo bastante éxito no seu momento. Se non me equivoco, é a última parte dunha pentaloxía, aínda que penso que pode lerse independente das outras, eu non botei nada en falta na historia, aparentemente.

Non é doado explicar de que trata, basicamente poderíamos dicir que fala dalgúns dos moitos personaxes curiosos dunha vila ou aldea chamada Ébora, que semella estar en Galicia. Xuraría que nalgún momento insinúan que está cerca da raia con Portugal, pero dende logo a referencia é moi breve. Pero como sei que o autor é de Verín, non se descarta algunha conexión por esa vía. Se unimos o anterior a máis de 500 páxinas, alguén podería pensar que é unha novela difícil de ler. E non é así, resultoume bastante amena e entretida, eu tamén tiña un certo medo ao contrario.

Outra cousa diferente é que me tocara ler esta novela nesta parte da miña vida, agora que escoito ao autor como colaborador na Radio Galega, sempre opinando exactamente o mesmo que di o Partido Popular. Non sei se é militante, pero dende logo, ideoloxicamente é moi fiel. Tamén lembro que hai xa anos (15 ou 20 facilmente) o vin na Casa Museo Emilia Pardo Bazán dando unha charla distendida (na época na que esa institución o facía con regularidade, agora creo que xa non é así). E non sabería dicir moi ben por que, pero non me caeu demasiado ben. Cousas que pasan.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...