domingo, 15 de setembro de 2024

Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, pero parece notarse a súa man), puidemos disfrutar da Romería de Santa Margarita no parque do mesmo nome. Houbo actividades variadas, case todas relacionadas coa música e o baile, en diferentes espazos do parque, pero principalmente no auditorio, onde caben varios milleiros de persoas nos concertos máis populosos.

As actuacións foron de xoves a domingo. Eu só puiden ir o sábado e domingo, pero comentarei brevemente o que houbo os dous días anteriores. O xoves houbo un concerto de pago, con PanSenFron de teloneiros e o asturiano Rodrigo Cuevas. O venres tocaba Trilitrate (creo que no planetario) e pola noite había noite de baile tradicional co grupo Bailador e as agrupacións folklóricas da cidade como Xacarandaina, Donaire ou Son D'aquí.

O sábado xa puiden asistir. Tocaron primeiro De Ninghures, que están collendo moita fama, e que presentaron hai pouco a canción "Morena", que levou algún premio nos últimos tempos. Despois tocaron os clásicos coruñeses Tiruleque, que seguen na súa liña e xa deben levar uns 25 anos de carreira. E rematamos a noite con Xurxo Fernandes e a súa banda, que estaba acompañada polos deslumbrantes PanSenFron (ou sexa, Pandereiteiras sen Fronteiros), que son un grupo de persoas das agrupacións folklóricas coruñesas que reivindican a música de raíz. Isto non tería nada de particular, pero son un grupo moi numeroso e impactante, porque a súa presenza no escenario o enche todo e son moi "teatrais", nada académicos. Cando estaban todos xuntos, eran como 25 persoas no escenario. Por certo, Xurxo é o líder e fundador de PanSenFron, así que a alianza é do máis natural.




O domingo tocaron en primeiro lugar os burgaleses de Fetén Fetén, que realmente son dous dos antigos integrantes de La Musgaña. Tocaron unhas cantas pezas nas que presentaron instrumentos insólitos e despois tamén tocaron cancións de grupos como La Musgaña ou Kepa Junkera. Despois tocaron Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, presentando o seu novo disco "Axúdame a sentir", pero dos discos anteriores xa teñen moitos éxitos aprezados polo público. E remataron os bretóns de Startijenn. Entre as dúas últimas actuacións botaron os fogos de artificio. Houbo ameaza de choiva toda a noite, pero por sorte, comezou a chover na penúltima canción dos bretóns, e non de forma moi copiosa (media hora máis tarde si que chovía a mares), así que tivemos sorte.

Saúdos.








sábado, 14 de setembro de 2024

M, o vampiro de Dusseldorf

Nas últimas semanas seguín vendo clásicos en branco e negro que están dispoñibles en Youtube. Esta vez tocoulle a esta película, que eu xa vira hai moitos anos. O título orixinal foi "M", pero en Hispanoamérica foron tamén moi creativos e optaron por "M, o maldito" ou "O vampiro negro" (a película é en branco e negro e ten un expresionismo moi escuro, pero o personaxe é claramente branco).

Foi dirixida en 1931 por Fritz Lang (a súa primeira pelicula sonora) e no elenco destacaban Peter Lorre (que despois tamén triunfou en Hollywood), Otto Wernicke e Gustaf Gründgens.

A historia ten unha trama bastante curiosa. Na cidade de Dusseldorf, nos últimos meses, morreron unhas cantas nenas que foron raptadas por un pedófilo. Hai un claro clima de terror na mesma e prodúcese outra morte dese tipo. A última vez que se ve con vida á nena, un señor mércalle un globo a un vendedor cego, e mentres o fai, canta unha melodía moi doada de recoñecer (de Edvard Grieg). Se digo isto, será por algo.

A policía monta un tremendo dispositivo para intentar apresar ao asasino, con redadas nos locais habituais. Ou sexa, o de sempre, pero esta vez moito máis. Os criminais da cidade están moi preocupados porque as súas actividades habituais non poden desenvolverse debido ao estado de crispación da cidade. Póñense a pensar e deciden mobilizar ao numerosísimo grupo de mendigos para vixiar toda a cidade.

O asasino volve pasar por diante do vendedor cego silbando a melodía, e iso fai que o cego o recoñeza. Avisa a un dos mendigos cercanos, e comezan a seguilo con discreción. Un deles decide tropezar con el a propósito coa man manchada de xiz, e faille a marca dun M nas costas, para que todos poidan localizalo con facilidade.

A persecución segue ata un gran edificio de oficinas onde o asasino se esconde, xusto antes de que os seus moitos traballadores saian da súa xornada laboral. Entón o grupo de delincuentes da cidade, moi ben organizados, entran no edificio e conseguen atopar o asasino. Fanlle un "consello de guerra" no que xa tiñan decidido matalo, pero finalmente aparece a policía, que torturara a un dos delincuentes apresados no edificio, e que revelou onde estaba o asasino recluido, e salva ao asasino para levalo a un xuízo de verdade.

Se non entendín mal, pareceume ler nalgures que a historia estaba inspirada nun caso real que sucedeu en Alemaña pouco tempo antes: o do asasino, o controvertido duelo entre policía e delincuentes por apresalo xa me parece algo máis creativo, pero tampouco podo aseguralo.

Saúdos.



Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...