mércores, 24 de febreiro de 2021

Nunca digas nunca xamais

Xa leríades por aquí unhas cantas veces que no espazo de cine clásico da 2 dos luns pola noite levan un mes botando películas de Sean Connery no seu papel de James Bond. E un día destes botaban "Nunca digas nunca xamais", título que me soaba bastante. O que non sabía era que esta película era tan peculiar e diferente ás outras en tantos aspectos. Agora o explico.

A película foi dirixida por Irvin Kershner (famoso por "O imperio contrataca") en 1983, e o elenco non estivo nada mal: Sean Connery, Kim Bassinger, Klaus María Brandauer, Bárbara Carrera, Max von Sydow, Rowan Atkinson.... Connery protagonizou as primeiras películas da saga a comezos dos 60, cando tiña pouco máis de 30 anos, pero a comezos dos 70 fartouse e dixo que "nunca xamais" volvería representar ese papel. Pero algo debeu pasar porque volveu cando xa pasaba dos 50, e iso nótase. Por outra banda, a película pareceume moi frouxa e disparatada.

De que trata? Buf, teoricamente un esbirro de Spectre, como sempre, dun xeito moi intelixente, consegue roubar dúas cabezas nucleares (ou algo así) dos Estados Unidos, e con iso intenta extorsionar á OTAN. A partir diso, Bond ponse a perseguir a outros dos líderes de Spectre, que é un tipo moi rico que vive nun iate moi luxoso, e obviamente consegue o seu obxectivo e bírlalle a moza, protagonizada por Kim Bassinger. 

Pero xa vos digo, todo moi retorcido e inxustificable. A min normalmente me divirten as tramas desta saga, e resultan apetecibles, pero esta foi indixesta, e pareceume que non tiña nin pés nin cabeza.

Saúdos.



Unha historia do Bronx

O outro día, case de casualidade, decateime a tempo de que botaban na televisión "Unha historia do Bronx", a primeira película dirixida por Robert De Niro, en 1993. Os principais papeis foron para Robert De Niro, aínda que o seu pasa algo desapercibido, Chazz Palminteri e Lillo Brancato, que non o fai nada mal. Con respecto á tradución do título, non sei moito máis, pero o título que triunfou en español é unha boa tradución do orixinal, pero semella que nalgún lugar (pero non especifican onde), deberon titulala "Unha luz no inferno" (vaia delirio...).

A historia non está mal de todo, pero por se acaso xa aviso que sucede no Bronx, en zonas que están cheas de italianos, non poucos relacionados coa mafia, e tamén algo en zonas de negros, e os choques entre eses dous colectivos, que non parecen levarse moi ben. Dígoo porque xa sabedes que os estadounidenses de procedencias diversas teñen tendencia a crer e propagar que as súas historias son máis cosmopolitas que as demais, cando son tan normais ou vulgares como as doutros lugares, simplemente eles fan máis propaganda por un certo sentimento de superioridade, aparentemente.

Un rapaz que vive no barrio italiano do Bronx, e que é fillo dun honrado e modesto condutor de autobús, idolatra a Sonny, un mafioso italiano do seu mesmo barrio que está sempre merodeando por un bar que hai a carón da casa do rapaz. Un determinado día, sendo visible para moitos dos veciños, ese mafioso mata pistola en man a un rival diante do rapaz, pero el non o delata, e o mafioso agradécelle o xesto.

Uns anos máis tarde, de adolescente, comeza a facer traballos e a ter certa amizade con Sonny, el tenlle moita lei. O rapaz namórase dunha rapaza negra. O mafioso dálle consellos de todo tipo, e realmente hai que recoñecer que resulta ser un tipo bastante máis nobre do que podería parecer inicialmente. Por non desvelar o que pasa ao final, pois iso, basicamente a historia trata da relación entre eles dous, algo diferente ao que podería preverse.

Saúdos.



A familia Trelles, de Galicia a Cuba

No Entroido tiven algo máis de tempo libre e dediqueime a ler un pouco. E recoñezo que, de todo o que tiña pola casa pendente, decidinme por un libro que non esperaba, que xa levaba 13 anos durmindo no andel, que vira moitas veces, e que non lle agoiraba eu moito éxito, pero algo pasou, e deille unha oportunidade. E saíu máis airoso do que eu pensaba.

O libro titúlase "A familia Trelles. De Galicia a Cuba". Foi escrito por Benito Paz Trelles, primeiro profesor e despois compañeiro no colexio no que eu, primeiro estudei, e agora traballo. Cando estaba pola idade da súa xubilación, puido dedicarse a un desexo que lle proía dende pequeno, investigar a orixe do seu apelido materno Trelles. El é de Moaña e naquela zona o apelido Paz é bastante común, pero Trelles non. Sempre lle chamou a atención, e cando puido, púxose a pescudar. E iso coincidiu con que o seu fillo, un día, de casualidade, descubriu unha maleta con vellas cartas na súa casa de Moaña.

Esas investigacións levárono a Marín, a Portonovo, e finalmente a Asturias, Cuba, Porto Rico, Estados Unidos. E sobre o ano 2006 conseguiu rematar o libro e incluso fixo unha xuntanza de moitos Trelles en Moaña, que viñeron de diferentes partes do mundo. O libro está bastante máis entretido do que eu pensaba inicialmente. A parte final xa se fai algo máis farragosa, con moitas árbores xenealóxicas da parte americana, sobre todo. Pero en calquera caso, ten moito mérito o seu esforzo.

Saúdos.



martes, 23 de febreiro de 2021

Goldfinger

Podemos comezar co título, para variar. Creo que o título orixinal era "Goldfinger" a secas. En España e boa parte de Hispanoamérica utilizaron variantes como "James Bond contra Goldfinger" ou "007 contra Goldfinger". E en Arxentina fixeron seguramente a tradución perfecta: "Dedos de ouro". O que pasa é que, despois de ver a película, non teño nin idea que pintaban os "dedos". A película trata de ouro, e o malo da mesma apelídase Goldfinger, pero nada xira en torno a uns dedos, nin os seus nin os ninguén máis, que eu recorde.

Foi a terceira da saga, foi dirixida en 1964 por Guy Hamilton. O director das dúas primeiras fora Terence Young, e parece que non dirixiu esta por desencontros económicos, pero si algunhas posteriores, e Hamilton ao final tamén dirixiu varias máis. A estrela total é Sean Connery, obviamente, e dos demais non me soaba ninguén. Por dicir algún, Gert Frobe, un actor alemán que debía ser famoso nos 60 facía de Goldfinger, pero a min non me soaba de nada.

Como sempre, a trama é moi retorcida. Pero axiña se percibe que a cousa ten que ver co ouro, e que o malo é Goldfinger, un ricachón que xa é moi rico, pero que quere selo máis, como sempre. Para desvelar xa o meollo, diremos que o obxectivo final dos malos é asaltar Fort Knox, o complexo do estado de Kentucky onde se atopa a reserva de ouro dos Estados Unidos. Pero a idea non é levalo, senón facer estallar unha bomba nuclear xusto alí, para que ese ouro quede contaminado e xa non poida significar nada durante décadas. Hai que recoñecer que non está mal pensado.

Aínda que o tema é algo raro, debo recoñecer que esta película xa me pareceu algo mellor que as anteriores de James Bond.

Saúdos.



Godzilla

Os poucos lectores que ten este blog seguramente alucinarán cando lean que vin unha das versións cinematográficas de "Godzilla". E seguramente non lles falte razón. Pero recoñezo que tiña certa curiosidade por saber de que vai a historia dese monstro orixinario da cultura xaponesa. Non houbo razón máis profunda que esa. Estivo ben, pasouse o rato, e a curiosidade xa está saciada.

Foi dirixida en 1998 por Roland Emmerich, que sempre está dispoñible para estas pirotecnias. Os actores máis recoñecibles, polo menos para min, son Matthew Broderick e Jean Reno, que tampouco son actores de moita calidade en xeral, así que xa se ve o que pode saír de aí.

A historia parece ir do seguinte: en décadas anteriores, os franceses estiveron facendo probas nucleares na Polinesia. Por avatares do destino, semella que esas radiacións afectaron a algún lagarto da zona, que cando creceu se converteu nun bo bigardo. A película comeza véndose como ese super-lagarto ataca un gran barco mercante xaponés nalgún lugar do Pacífico. Nese momento van buscar ao personaxe supostamente principal da película (quitando ao lagarto, claro), un científico especializado en radiación, que estaba traballando en Chernobyl. El non sabe que é o que ten que facer, pero pasan por Panamá, e detectar unhas pegadas dun tamaño xigantesco. O detalle de que sexa Panamá semella importante. O seguinte que vemos é a Godzilla atacando Nova Iork. Tendo en conta que NY está no Atlántico e o lagarto viña do Pacífico, debeu cruzar por Panamá, pero todo semella algo collido polos pelos. Coido que a idea forza da película era que o lagarto destruía Nova Iork, unha cidade que se presta moito a ser destruída no cine estadounidense.

E a historia non dá moito máis de si. Vai facendo destrozos por toda a cidade, para gozo do director, que todo o que sexa destrución e explosións, o pasa en grande. E o listísimo científico parindo teorías aparentemente absurdas, pero que semellan acabar sendo intelixentes, comparadas coas dos militares que lle rodean, que queren bombardear todo. Unha das ideas que el descubre (ninguén máis o fai, obviamente), é que o lagarto é hermafrodita, está embarazad@, e que seguramente estea buscando un sito para poñer ovos e perpetuarse. Efectivamente o fai, pon uns 200 ovos no Madison Square Garden. Por suposto, iso estaba pensado para unha das escenas máis destacadas da película, con mogollón de lagartiños que acaban de saír dos seus cascaróns, que ameazan con saír do edificio, ata que o destrúen con misiles.

Saúdos.



Dende Rusia con amor

Como dixen hai pouco, no espazo de cine clásico da 2 dos luns pola noite, comezaron hai pouco a botar as primeiras películas de James Bond, protagonizadas por Sean Connery. Agora que avanza o ciclo, seguen botando películas con Sean Connery, pero xa non son das primeiras, deduzo entón que debe ser unha homenaxe ao actor recentemente falecido.

"Dende Rusia con amor" é a segunda da saga, despois do grandísimo éxito da primeira (aínda que a min a primeira pareceume un pouco frouxa). Aquí xa se comezan a ver algúns elementos comúns da saga, que na primeira non se veían. Por exemplo, hai unha escena de acción intensa xa incluso antes dos títulos de crédito iniciais. Bond comeza a viaxar algo máis polo planeta, nesta xa anda por Estambul, Venecia, e no Orient Express pasa por lugares como Zagreb. Non é ningunha marabilla, pero algo é.

Foi dirixida no ano 1963 por Terence Young. A estrela total, obviamente, é Sean Connery, pero tamén ten bastante protagonismo Robert Shaw, un actor que tivo algúns papeis relevantes en películas famosas como "O golpe" ou "Tabeirón", pero sempre en roles secundarios. Con respecto ao título, a versión española e a que se viu en case toda Hispanoamérica é totalmente fiel ao orixinal, que tampouco era ningunha marabilla. A película tiña algo que ver con Rusia, pero non demasiado, nin alí transcorría ningunha escena, que eu recorde. O delirio xa veu de varios países hispanoamericanos que decidiron traducir o título como "Regreso do axente 007".

A trama? Pois xira en torno ao intento de roubo dunha máquina para cifrar mensaxes chamada Lektor. Supostamente unha desertora rusa quere ofrecerlla ao servizo secreto inglés, pero realmente é a organización SPECTRA quen se atopa detrás dese interese. Participan espías rusas que non saben que outras ex-compañeiras xa desertaron e agora pertencen a esa organización. Pero vaia, en xeral, como en todas as películas de espías, a trama é moi retorcida, e en ningún momento podes fiarte de ningún personaxe, porque todos poden enganar aos demais nalgún intre.

Unha das cousas curiosas da película é o papel de Robert Shaw, que fai dun asasino letal e case invencible de Spectre, que pasa boa parte da película seguindo a Bond, para acabar finalmente atacándoo no Orient Express, pero antes diso incluso trabaron certa amizade porque se fixo pasar por outro axente secreto, que teoricamente ía axudalos. Pero o listísimo Bond se decata de todo, loitaron, estivo a punto de perder.... pero Bond sempre gana, obviamente.

Saúdos.



Piratas do Caribe: a maldición da Perla Negra

Xa dixen por aquí hai pouco que, dado que estaba vendo bastante cine na televisión, había algún tempo que tiña certo interese en ver algunha das películas da saga de "Piratas do Caribe", porque ademais se daba o caso de que botan películas desa saga con certa frecuencia. Creo que son cinco, xa vira a segunda hai un par de meses, e esta vez caeu a primeira. Creo que xa teño saciado o apetito, porque estas películas están ben e son entretidas, pero tampouco son para tanto. Esta primeira da saga é do ano 2003, está dirixida por Gore Verbinski, e as figuras que actúan son os habituais, Johnny Depp, Keira Knightley, Orlando Bloom e Geoffrey Rush.

Pois tampouco sei se merece moito máis a cousa. Un montón de granuxas, apoiándose na típica mitoloxía dos piratas caribeños do século XVII ou XVIII, cos navíos ingleses e franceses como principal víctima, e os demais facendo falcatruadas, nalgún caso bastante divertidas. Unha das cousas que máis me chamou a atención foi un efecto visual moi ben conseguido. A maldición da tripulación da Perla Negra era que estaban aparentemente mortos, pero iso só se detectaba cando se veían alumeados polo luar, se non era así a súa apariencia semellaba humana. E obviamente, nalgunha escena, estaban nunha cova na que entraba o luar por algunhas fendas. Nesa escena estaban nunha das súas típicas pelexas ou loitas con espada, e cando un deles pasaba do luar a outra zona, veíase como a súa apariencia fantasmal se convertía en carne humana, e viceversa, e cunha precisión asombrosa. Para iso si que serven os efectos visuais.

Saúdos.



domingo, 21 de febreiro de 2021

Chisum

"Chisum" é unha película do Oeste estadounidense protagonizada por John Wayne, e con iso xa non hai moito máis que dicir. Foi dirixida por Andrew McLaglen en 1970 (ou sexa, que Wayne xa ía algo maior) e polo que parece os personaxes foron reais, non só os principais, senón algúns secundarios dos que falaremos despois.

Basicamente é unha loita de egos entre dous machirulos, o gandeiro John Chisum (Wayne, obviamente), boísimo, coma sempre, e Lawrence Murphy (interpretado por Forrest Tucker). A historia está baseada na batalla do Condado de Lincoln, en Novo México. John Chisum e un novo avogado intentan montar unha tenda e un banco na zona, para darlle servizo o mellor posible a todos os gandeiros da zona. Pero Murphy ten ata ese momento o monopolio e non quere soltalo tan facilmente. No bando de Chisum chegan a estar simultáneamente Pat Garrett e Billy O Neno. Pero cara ao final, este último mata a algúns opoñentes por razóns algo estrañas e convértese nun fuxitivo. Nesta película non se ve o seu final, pero seguro que si o vistes noutras do mesmo xénero.

Saúdos.



Anna Karenina

Hai anos lin moita novela do século XIX. E cheguei a profesar unha grande admiración por aqueles autores, principalmente rusos, franceses e españois, que na miña opinión, escribían de marabilla. E non deixei de opinar iso, simplemente que agora leo outras cousas, pero cando volva, seguro que o gozarei de novo. "Anna Karenina" é unha das grandes novelas de Tolstói, agora mesmo non sei se lin algo del, pero ganas non me faltan.

Así que botaban esta versión cinematográfica do ano 2012 dirixida por un tal Joe Wright (para min totalmente descoñecido) e animeime. Duraba pouco máis de 2 horas, e sóame que a historia é ben longa, así que podía ser un bo ensaio. Entre o numeroso elenco, só coñecía a Keira Knightley (facendo da estrela da historia), Jude Law, e en papeis moi secundarios, Alicia Vikander e Emily Watson.

Antes de ir coa historia, debo resaltar que me gustou moito a escenografía, lembraba moito ao teatro, que é unha das miñas paixóns. Moitas das escenas tiñan lugar nun teatro que estaba como baleiro. Ás veces era no escenario, ás veces no patio de butacas, que estaba baleiro, e polo tanto era un espazo moi flexible para representar todo tipo de escenas, ás veces nas bambalinas do escenario, tanto superiores como inferiores. E ademais víase claramente, pero non lle quitaba encanto, nin moito menos.

A historia vén sendo que Anna Karenina ten unha relación algo tensa co seu marido, xa maior e algo estricto, e cando fai unha viaxe de San Petersburgo a Moscú, para intentar resolver outro problema familiar de infidelidades, coñece casualmente ao Conde Vronsky, que teoricamente se ía casar cunha princesa coñecida por ela, e namórase tolamente del, e viceversa. E o resto da historia consiste en todas as familias e relacións que saltan polos aires con ese romance.

Saúdos.



martes, 16 de febreiro de 2021

A casa dos espíritos

A finais dos anos 80 e comezos dos 90 leía bastante literatura sudamericana, e os dous autores que máis me gustaban eran Gabriel García Márquez e Isabel Allende. Con esta supoño que comecei por "A casa dos espíritos", pero tampouco podo aseguralo. O que si estou seguro é que esa novela me encantou no seu momento (ao mellor un ano destes toca a relectura). E máis ou menos naquela época, no ano 1993, Bille August dirixiu unha película cun elenco extraordinario, onde destacaban Jeremy Irons, Meryl Streep, Glenn Close e Wynona Rider, pero tamén inclúe a secundarios como Antonio Banderas ou Vanessa Redgrave, un luxazo.

A historia basicamente trata da saga que inaugura o terrateniente Esteban Trueba en Chile (pero a película foi rodada principalmente en Dinamarca, mira ti), un tipo moi emprendedor pero bastante déspota e conservador, que ten a sorte de verse rodeada de moitas mulleres fortes e de caracter. Todas as da familia que se vai formando en torno a el teñen nomes de cores claras: Clara, Blanca e Alba (eu xuraría que na novela tamén había unha Nívea, supoño que sería a seguinte xeración, pero xa non sae na película). Tamén está a irmá de Esteban, muller entregada pero de caracter máis escuro, e que ten unha relación moi tirante co seu irmán.

A min todas estas historias de sagas familiares que ocupan varias xeracións e nas que se ve a súa evolución normalmente me gustan bastante, pero creo que non son o único. Moitas das que chegan ás miñas mans fanno porque foron éxitos dos que incluso me enterei eu.

O momento histórico no que transcorre a historia vai dende comezos do século XX ata os finais, co golpe de estado a Allede, que Esteban apoiou como xefe do Partido Conservador, ata que descubre que os militares son moito peores e menos manexables do que el pensaba (iso non fala ben dos militares, pero tampouco del, obviamente). Por certo, Isabel Allende era familiar de Salvador Allende.

Se non vistes a película ou non lestes a novela, ou ambas, recoméndanse encarecidamente. Con respecto á novela, xa debín lela hai uns 30 anos, pero creo que aínda podo recomendala. Gustará máis ou menos, está claro, pero creo que é unha boa historia, que é o que eu lle pido á literatura.

Saúdos.



En que pensan as mulleres?

Recoñezo que esta película levaba algún tempo rondándome e tiña ganas de vela, e por fin o conseguín. O controvertido Mel Gibson, ultracatólico e superviolento, nunha comedia romántica intentando entender o caracter feminino, recoñezo que me intrigaba.

A película foi dirixida no ano 2000 por Nancy Meyers e a min paréceme que estaba pensada para o lucimento da parella protagonista, formada por Mel Gibson e Helen Hunt. Hai un longo elenco de secundarias, principalmente actrices, pero recoñezo que xa non lembro case nada da súa actuación, as dúas figuras cómense case todo.

Por se non sabedes de que vai, o protagonista masculino da historia, máis ben tirando a machista, aspira a un ascenso na empresa de publicidade na que traballa, ademais é bastante creído e prepotente. Pero por algunha razón, o seu superior, que o apreza, cando chega o momento, elixe a unha muller da competencia, moi prestixiosa, que acaba de ser despedida da súa empresa anterior. Supostamente, con ese movemento, esa axencia poderá ganar moitas clientas mulleres que estaban lonxe do seu mercado obxectivo.

Ao protagonista, como é obvio, non lle gusta nada esa medida, pero tómase a situación como un reto laboral e intenta entender esa parte feminina que lle falta por completo. E cando está na casa probando os produtos que lles entregou nunha caixa a todos os creativos a súa nova xefa, que son todos de hixiene e estética feminina, e que obviamente el nunca usara, sofre un accidente eléctrico, e a partir dese intre, comproba con espanto que é capaz de percibir os pensamentos de todas as mulleres que se cruzan con el.

Ao principio, el preocúpase moito e intenta curarse. Ata que unha das primeiras persoas ás que acude, unha psicóloga, lle recomenda que non se cure e se aproveite desa cualidade, que pode proporcionarlle moitas vantaxes. Efectivamente, el decátase de que pode ser así. A partir dese intre, intenta reunirse coa súa xefa, pero non para importunala, senón máis ben para sonsacarlle as ideas que ten e intentar apropiarse delas, e que ela o considere moi ben profesionalmente, cousa que consegue facilmente.

Ata aquí a cousa ía bastante ben. Pero cara á metade da película, coido que todo se ve eclipsado pola historia de amor que xorde entre os dous. Para min, a historia xa perde algo de forza. Todo o interesante que tiña ata ese momento, sobre a psicoloxía feminina, dilúese bastante, que mágoa. Non vou contarvos o final, basicamente porque non o lembro, para min o interesante é o plantexamento inicial.

Un último comentario para a tradución do título, que xa había tempo que non falaba disto. En Hispanoamérica a tradución do título foi "O que elas queren", que é a tradución exacta do título, así que esta vez poderían ganar eles. Pero a tradución española tampouco está nada mal, de feito a película trata principalmente sobre o que PENSAN as mulleres. O título orixinal e o hispanoaméricano supoñen que as mulleres PENSAN O QUE QUEREN, pero se cadra é moito supoñer, os pensamentos poden tratar sobre moitas cousas diferentes, non só sobre os desexos. Pero esta xa é moita filosofía para este foro.

Saúdos.



007 contra o Dr. No

Hai tempo, un día vin unha película da saga 007 e gustoume moito. Non teño nin idea de cal puido ser. E dende aquela, sempre que me cruzo cunha delas, fago o esforzo de vela, case sempre con grande gozo. No famoso espazo de cine clásico da 2 que xa comentei tantas veces, que nos últimos tempos pasou da noite dos martes á dos luns, ese cambio de día xusto coincidiu coa proxección das primeiras películas desta saga, que eu non vira nunca. Así que xa podedes imaxinar o ben que o estou pasando.

A primeira da saga foi dirixida en 1962 por Terence Young, que dirixiu 3 das 4 primeiras películas desta saga. Obviamente, o primeiro actor en facer o papel de James Bond foi Sean Connery, que puxo o listón ben alto. Cando comezou neste papel, tiña pouco máis de 30 anos. A chica Bond máis destacada desta película foi Úrsula Andress, e o malvado foi protagonizado por un actor chamado Joseph Wiseman (a min non me soa de nada), e supostamente pretendían facernos crer que era chinés, pero vaia, tampouco se luciron demasiado.

A trama non é moi complexa. Desaparece un axente en Xamaica e mandan alí a Bond para saber que pasou. Resulta que ese axente estaba investigando que estaba facendo nun illote cercano a Xamaica un tal Dr. No, que parece ser de orixe chinesa, aínda que hai moita ignorancia en torno a el. Todos saben que nese illote hai alguén facendo algo chungo, pero non se sabe moi ben que é. Resulta que teñen unha base dende a cal desvían os cohetes espaciais que lanzan os estadounidenses dende Cabo Cañaveral, que non está moi lonxe, en Florida. Obviamente, Bond conseguirá destruír as instalacións.

Pareceume bastante frouxa. Aparecen algúns dos elementos típicos da saga, como M, o xefe de Bond no servizo secreto británico, Q cos seus inventos ultramodernos (que sempre se experimentan na película), Moneypenny sempre flirteando con Bond, que por certo é un machista prepotente de manual. Por certo, Connery tampouco me pareceu que tivera unha boa actuación. Pero unha das cousas que a min máis me atraía da saga é que cada película transcorre en moitos escenarios diferentes do planeta. Xa sei que é unha tontería, pero é o que hai. E nesta primeira película da saga están todo o tempo en Xamaica. Lin nalgún sitio que a gravaron con moi poucos cartos, que tivo moito éxito, e que por iso proseguiu a saga. Si, xa vin as seguintes, e xa apuntan mellores maneiras.

Saúdos.



luns, 15 de febreiro de 2021

Sodoma e Gomorra

Recoñezo que as películas bíblicas non me desagradan. Normalmente son superproducións, hai bos actores e actrices, e as historias son bastante curiosas. Xa non me vou meter na relixiosidade de cada un, pero habitualmente son películas agradables de ver, por múltiples razóns.

Hai pouco botaban "Sodoma e Gomorra", unha película dirixida en 1962 por Robert Aldrich, cuxo nome me soa moito pero ao que non ubico demasiado. Das súas películas semella que unha das máis famosas é "Doce do patíbulo", película bélica que creo que non vin. A principal estrela da película é Stewart Granger que fai de Lot, o patriarca bíblico boísimo que guía a un grupo de hebreos polas cercanías de Sodoma e Gomorra pero consegue que non caian nos seus vicios.

Ten a mítica escea final na que os hebreos deciden marchar desas dúas cidades veciñas e viciosas, coa promesa de non mirar cara atrás, porque quen o faga se converterá en estatua de sal. Unha das cousas que máis me chamou a atención foi que fixeron unha obra máis ou menos oculta, un encoro, co que conseguiron converter en fértiles terras totalmente ermos. E tiveron que destruilo nunha batalla contra outra tribo.

Saúdos.



Frecha rota

Coido que vin esta película hai moito tempo e deixoume un recordo moi bo, así que, unha vez máis, aproveitei para vela de novo en canto tiven ocasión. Foi dirixida en 1950 por Delmer Daves, un director ao que se cadra habería que facerlle máis xustiza, porque parecía moi eficiente, con outras películas como "A árbore do aforcado", que tamén está moi ben. Os protagonistas principais da película foron James Stewart e Jeff Chandler facendo de Cochise. Polo visto, este actor era unha superfigura nos anos 50, pero morreu a comezos dos anos 60 debido a unha serie de doenzas aparentemente sinxelas que se complicaron.

O máis importante é entender que, antes desta película, a imaxe que se transmitía dos indios nas películas do Oeste americano era de salvaxes inhumanos que impedían de forma caprichosa o avance dos boísimos brancos. Porén, nesta vese que moitos xefes indios, como Cochise, son persoas razonables e cultas coas que se pode falar e negociar. A historia está moi ben e os personaxes ganan moita forza, nada que ver cos brancos bós contra indios malos. Polo que estiven lendo, a historia está bastante baseada na realidades, os personaxes existiron, chamáronse así e fixeron máis ou menos o que se conta na película. Non é pouco.

Saúdos.



A guerra dos mundos

Lembro que esta película xa a vin no cine cuns colegas, pero cando me crucei o outro día con ela, decidín probar de novo. Creo que o fixen basicamente por Herbert George Wells, o autor da obra orixinal, que me gusta moito, aínda que esta obra creo que aínda non a lin. Xuraría que hai anos vin a versión dos anos 50, aínda que me gustaría vela de novo. Todos oímos falar moitas veces da versión radiofónica de Orson Welles de finais dos anos 30. E esta, en xeral, non está mal, pero Tom Cruise paréceme un actor ben mediocre, e creo que este non é dos papeis para os que está máis preparado.

En canto á versión, está dirixida por Steven Spielberg no 2005, que resulta certa garantía, pero tanto para ben como para mal (ten as súas cousiñas), e teño a sensación que está moi centrada no personaxe de Cruise. Tamén aparecen os seus dous fillos, pero non me parece demasiado interesante o que fan. Ten unha breve intervención Tim Robbins, que non está mal. Nunha trama deste tipo, os efectos visuais son moi importantes, polo tanto, ver unha versión máis moderna non ten por que ser malo necesariamente, pero a historia pode dar moito de sí, non hai por que tratala con simpleza.

Se non coñecedes a trama, é bastante fácil de resumir. Un determinado día comezan a verse unhas estrañas treboadas no ceo (céntranse nas da costa leste estadounidense, pero parece que as hai por todo o planeta), e ao pouco tempo descúbrese que non son simples treboadas, son pulsos electromagnéticos que paralizan todos os aparatos eléctricos, e están provocadas por unha civilización extraterrestre. Os invasores son trípodes de gran altura que disparan e queiman a toda velocidade. Están invadindo o planeta a un ritmo inaudito, pero ao pouco tempo, os humanos comezan a comprobar que eses invasores van morrendo. Acaban chegando á conclusión que estaban preparados para case todo, pero non para os microorganismos do planeta como virus e bacterias (mira ti que gran moralexa para os tempos actuais).

Saúdos.



domingo, 7 de febreiro de 2021

Matrimonio á italiana

No xa moi referido espazo de Cine clásico na 2, que antes era os martes pola noite (e agora o cambiaron para os luns) hai unhas semanas botaron "Matrimonio á italiana", dirixida por Vittorio de Sica en 1964, para total lucimento de Sophia Loren e Marcello Mastroianni. En xeral, a min, o cine italiano non me chama demasiado a atención, e con esta película pasoume algo parecido. Non sei isto é o famoso neorrealismo italiano, pero creo que algo diso ten. Independentemente dese feito, a súa xestualidade, emotividade, etc., non me din nada. É curioso que é un país e unha cultura supostamente cercana, pero eu síntome bastante afastado dela.

A historia que conta é bastante dura. Unha muller (xa imaxinades quen a protagoniza) intenta ganarse a vida nun prostíbulo na Italia que acaba de rematar a Segunda Guerra Mundial. Alí coñece a un home (idem) que se preocupa por ela e que comeza algo así como unha relación, pero algo ou bastante informal, xa que non pode nin quere recoñecela oficialmente, aínda que el non está casado, pero ten unha reputación, supostamente. Co paso dos anos, ela ten varios fillos, pero vainos deixando a criar noutras casas, e case non os ve, e elas practicamente non os coñecen.

Nun determinado momento, ela finxe estar ao borde da morte, e así el accede a casar con ela, pensando que ían ser un mero trámite, porque el xa tiña outros plans de voda que lle agradaban máis. Iso fai aínda máis tirante a relación entre eles, que non pasaba polo seu mellor momento. Pero agora xa son matrimonio legal, e ela aproveita para convocar e presentarse ante os seus fillos, que xa non a coñecían a ela nin entre sí, e moito menos sabían que eran irmáns. E o home, aos poucos, vailles collendo cariño a todos e se vai formando unha familia, pero dun xeito bastante estraño, como vedes.

Saúdos.



Poseidón

Hai unhas semanas, cruzóuseme no camiño unha película de catástrofes, e pensei que non era mal momento para vela. Era a película "Poseidón", dirixida por Wolfgang Petersen no ano 2006. Soábame que había unha versión anterior, e efectivamente é así, de comezos dos 70. Habitualmente, neste tipo de situacións, sempre prefiro a primeira versión antes que a nova, pero no cine de catástrofes non ten por que ser unha boa decisión. Ese xénero depende moito dos efectos especiais, e claramente son mellores agora que antes, porque ademais a súa trama adoita ser ben simple, así que non se perde nada. No elenco destaca o "caracemento" de Kurt Russell, Josh Lucas (ao que non coñecía), e un montón de secundarios dos que só coñecía ao veterano Richard Dreyfuss.

A historia non dá moito de sí. Un transatlántico de luxo chamado Poseidón está de rule por aí, coincide que é NoiteVella, e casualmente, uns minutos despois dese máxico momento, é arrollado por unha onda xigante que pasaba por alí. A partir dese momento, o caos absoluto, moita auga, explosións, os enxeñeiros e mariñeiros dicindo que o barco estaba pensado e deseñado para soportar impactos así, pero todo o mundo comproba que é falso. E un grupo de machirulos seguidos por algunhas esforzadas mulleres e nenos conseguen ir pasando dun compartimento a outro ata que, conseguen saír a través do burato que deixa unha das hélices, que milagreiramente conseguiron bloquear. Non ten moito máis.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...