martes, 16 de febreiro de 2021

A casa dos espíritos

A finais dos anos 80 e comezos dos 90 leía bastante literatura sudamericana, e os dous autores que máis me gustaban eran Gabriel García Márquez e Isabel Allende. Con esta supoño que comecei por "A casa dos espíritos", pero tampouco podo aseguralo. O que si estou seguro é que esa novela me encantou no seu momento (ao mellor un ano destes toca a relectura). E máis ou menos naquela época, no ano 1993, Bille August dirixiu unha película cun elenco extraordinario, onde destacaban Jeremy Irons, Meryl Streep, Glenn Close e Wynona Rider, pero tamén inclúe a secundarios como Antonio Banderas ou Vanessa Redgrave, un luxazo.

A historia basicamente trata da saga que inaugura o terrateniente Esteban Trueba en Chile (pero a película foi rodada principalmente en Dinamarca, mira ti), un tipo moi emprendedor pero bastante déspota e conservador, que ten a sorte de verse rodeada de moitas mulleres fortes e de caracter. Todas as da familia que se vai formando en torno a el teñen nomes de cores claras: Clara, Blanca e Alba (eu xuraría que na novela tamén había unha Nívea, supoño que sería a seguinte xeración, pero xa non sae na película). Tamén está a irmá de Esteban, muller entregada pero de caracter máis escuro, e que ten unha relación moi tirante co seu irmán.

A min todas estas historias de sagas familiares que ocupan varias xeracións e nas que se ve a súa evolución normalmente me gustan bastante, pero creo que non son o único. Moitas das que chegan ás miñas mans fanno porque foron éxitos dos que incluso me enterei eu.

O momento histórico no que transcorre a historia vai dende comezos do século XX ata os finais, co golpe de estado a Allede, que Esteban apoiou como xefe do Partido Conservador, ata que descubre que os militares son moito peores e menos manexables do que el pensaba (iso non fala ben dos militares, pero tampouco del, obviamente). Por certo, Isabel Allende era familiar de Salvador Allende.

Se non vistes a película ou non lestes a novela, ou ambas, recoméndanse encarecidamente. Con respecto á novela, xa debín lela hai uns 30 anos, pero creo que aínda podo recomendala. Gustará máis ou menos, está claro, pero creo que é unha boa historia, que é o que eu lle pido á literatura.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...