luns, 15 de febreiro de 2021

A guerra dos mundos

Lembro que esta película xa a vin no cine cuns colegas, pero cando me crucei o outro día con ela, decidín probar de novo. Creo que o fixen basicamente por Herbert George Wells, o autor da obra orixinal, que me gusta moito, aínda que esta obra creo que aínda non a lin. Xuraría que hai anos vin a versión dos anos 50, aínda que me gustaría vela de novo. Todos oímos falar moitas veces da versión radiofónica de Orson Welles de finais dos anos 30. E esta, en xeral, non está mal, pero Tom Cruise paréceme un actor ben mediocre, e creo que este non é dos papeis para os que está máis preparado.

En canto á versión, está dirixida por Steven Spielberg no 2005, que resulta certa garantía, pero tanto para ben como para mal (ten as súas cousiñas), e teño a sensación que está moi centrada no personaxe de Cruise. Tamén aparecen os seus dous fillos, pero non me parece demasiado interesante o que fan. Ten unha breve intervención Tim Robbins, que non está mal. Nunha trama deste tipo, os efectos visuais son moi importantes, polo tanto, ver unha versión máis moderna non ten por que ser malo necesariamente, pero a historia pode dar moito de sí, non hai por que tratala con simpleza.

Se non coñecedes a trama, é bastante fácil de resumir. Un determinado día comezan a verse unhas estrañas treboadas no ceo (céntranse nas da costa leste estadounidense, pero parece que as hai por todo o planeta), e ao pouco tempo descúbrese que non son simples treboadas, son pulsos electromagnéticos que paralizan todos os aparatos eléctricos, e están provocadas por unha civilización extraterrestre. Os invasores son trípodes de gran altura que disparan e queiman a toda velocidade. Están invadindo o planeta a un ritmo inaudito, pero ao pouco tempo, os humanos comezan a comprobar que eses invasores van morrendo. Acaban chegando á conclusión que estaban preparados para case todo, pero non para os microorganismos do planeta como virus e bacterias (mira ti que gran moralexa para os tempos actuais).

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...