martes, 16 de febreiro de 2021

En que pensan as mulleres?

Recoñezo que esta película levaba algún tempo rondándome e tiña ganas de vela, e por fin o conseguín. O controvertido Mel Gibson, ultracatólico e superviolento, nunha comedia romántica intentando entender o caracter feminino, recoñezo que me intrigaba.

A película foi dirixida no ano 2000 por Nancy Meyers e a min paréceme que estaba pensada para o lucimento da parella protagonista, formada por Mel Gibson e Helen Hunt. Hai un longo elenco de secundarias, principalmente actrices, pero recoñezo que xa non lembro case nada da súa actuación, as dúas figuras cómense case todo.

Por se non sabedes de que vai, o protagonista masculino da historia, máis ben tirando a machista, aspira a un ascenso na empresa de publicidade na que traballa, ademais é bastante creído e prepotente. Pero por algunha razón, o seu superior, que o apreza, cando chega o momento, elixe a unha muller da competencia, moi prestixiosa, que acaba de ser despedida da súa empresa anterior. Supostamente, con ese movemento, esa axencia poderá ganar moitas clientas mulleres que estaban lonxe do seu mercado obxectivo.

Ao protagonista, como é obvio, non lle gusta nada esa medida, pero tómase a situación como un reto laboral e intenta entender esa parte feminina que lle falta por completo. E cando está na casa probando os produtos que lles entregou nunha caixa a todos os creativos a súa nova xefa, que son todos de hixiene e estética feminina, e que obviamente el nunca usara, sofre un accidente eléctrico, e a partir dese intre, comproba con espanto que é capaz de percibir os pensamentos de todas as mulleres que se cruzan con el.

Ao principio, el preocúpase moito e intenta curarse. Ata que unha das primeiras persoas ás que acude, unha psicóloga, lle recomenda que non se cure e se aproveite desa cualidade, que pode proporcionarlle moitas vantaxes. Efectivamente, el decátase de que pode ser así. A partir dese intre, intenta reunirse coa súa xefa, pero non para importunala, senón máis ben para sonsacarlle as ideas que ten e intentar apropiarse delas, e que ela o considere moi ben profesionalmente, cousa que consegue facilmente.

Ata aquí a cousa ía bastante ben. Pero cara á metade da película, coido que todo se ve eclipsado pola historia de amor que xorde entre os dous. Para min, a historia xa perde algo de forza. Todo o interesante que tiña ata ese momento, sobre a psicoloxía feminina, dilúese bastante, que mágoa. Non vou contarvos o final, basicamente porque non o lembro, para min o interesante é o plantexamento inicial.

Un último comentario para a tradución do título, que xa había tempo que non falaba disto. En Hispanoamérica a tradución do título foi "O que elas queren", que é a tradución exacta do título, así que esta vez poderían ganar eles. Pero a tradución española tampouco está nada mal, de feito a película trata principalmente sobre o que PENSAN as mulleres. O título orixinal e o hispanoaméricano supoñen que as mulleres PENSAN O QUE QUEREN, pero se cadra é moito supoñer, os pensamentos poden tratar sobre moitas cousas diferentes, non só sobre os desexos. Pero esta xa é moita filosofía para este foro.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...