domingo, 30 de abril de 2023

O pirata dos setes mares

Hai unhas semanas, por variar, intentei tirar un pouco do catálogo de películas visibles en Youtube. Principalmente son películas antigas (supoño que por estar xa libres de dereitos de autor), pero para min iso non é un defecto, máis ben todo o contrario. E como supoño que saberedes, as películas de piratas non me desagradan. Pero esta vez a combinación non foi moi exitosa. Acabei vendo unha moi mediocre película de piratas, cun actor suposto galán de serie B cuxo nome me soaba un pouco pero ao que creo que nunca vira. Haberá que tomar nota para as próximas ocasións.

"O pirata dos sete mares" (o título orixinal era bastante similar, foron fieis esta vez) foi dirixida en 1953 por un tal Sidney Salkow, do que nunca oíra falar, e que creo que tivo unha longa carreira na serie B ou aínda inferior. A superestrela da película era John Payne (que foi parella de Maureen O'Hara despois de John Wayne, quero pensar que a similitude dos seus nomes con causou ningunha confusión). A outra estrela era Donna Reed, e por alí andaba de secundario Lon Chaney Jr, dunha saga de camaleónicos actores.

A película trata basicamente das aventuras dun pirata chamado Barbarroxa en augas do Caribe. Eu xuraría que existiu un célebre pirata con ese nome por esa zona e nesa época, pero non teño claro que o desta película sexa aquel, porque nalgún momento menciona a súa orixe, e sooume todo algo raro. En definitiva, libera a uns españois aos que converte na súa tripulación. Tamén captura a unha princesa española, que tiña que entregar aos que gobernaban naquelas augas, pero acaba namorando dela mentres espera, e claro, así todo é un lío.

En definitiva, película e historia moi mediocre, con personaxes, diálogos e interpretacións moi mellorables. Pasaron poucas semanas dende o seu visionado, pero xa case non lembro nada, por algo será.

Saúdos.



Alexandre Magno

No que vai de século XXI, e aproveitando que os efectos dixitais melloraron moito, estanse facendo grandes películas baseadas na mitoloxía ou na historia da Antiga Grecia (porque a Grecia de agora dá menos de sí, parece). Hai pouco vin "Troia" e tíñalle ganas á de "Alexandre Magno", así que non perdín a oportunidade cando a botaron hai unhas semanas. Ou sexa, que están facendo "peplums" como nos anos 50, pero con máis calidade e rigor histórico.

"Alexandre Magno" foi dirixida en 2004 por Oliver Stone. O papel principal foi para Colin Farrell, que compuxo un Alexandre complexo, con dúbidas e reflexivo. Sen entrar nas súas grandes amizades masculinas ao estilo das de Aquiles que fixo que algúns puxeran o berro no ceo, insinuando que "era moi home" e iso non podía ser. A sociedade grega daquel tempo tamén era complexa e seguro que non resulta doada de comprender agora. O resto do elenco tamén destaca moito, por exemplo con Angelina Jolie, Val Kilmer, Rosario Dawson, Christopher Plummer, Jared Leto e Anthony Hopkins.

Pois nada, conta boa parte da súa vida, que tampouco foi moi longa. Pareceume ler que a ambientación histórica e factual foi bastante fiel, moito menos fantasiosa do habitual. Unha cousa que me chamou a atención, e que non sabía, é que os seus pais se levaban fatal entre eles. E que a nai, Olimpia, predispoñía a Alexandre contra o seu pai, Filipo, e que incluso insinuaba que realmente era fillo de Zeus, e establecía moitos paralelismos entre Alexandre e Aquiles, cousa que ao final, máis ou menos, acabou cumpríndose. O caso é que a relación entre Alexandre e Filipo tampouco é boa e, por cousas do destino, Alexandre sube ao trono moi novo, con 20 anos.

Os grandes rivais dos gregos (máis ben macedonios) eran os persas, naquel momento liderados por Darío. Así que os gregos encamíñanse ao territorio dos outros. Antes diso, pasan por moitos lugares, que van conquistando, ou que se van deixando conquistar, como Exipto, onde funda Alexandría, que chegará a ser o faro da humanidade, en moitos aspectos. Conseguen algunhas victorias sonadas nas que se amosa tremendamente xeneroso cos vencidos, o que fai que cada vez teña máis aliados e pobos que queren formar parte do seu imperio.

Chega a crucial batalla de Gaugamela cos persas, na que estes son moito máis numerosos, pero aplicando algunhas inxeniosas tácticas militares, inventadas por eles, saen gañadores. Toman Babilonia e, de novo, non se amosan salvaxes na victoria e conquista, senón xenerosos, e todos saúdan o cambio de rei. Persegue a Darío, a quen respectaba como xefe, que é asasinado polos seus propios homes, e Alexandre persegue aos seus asasinos. 

Seguen avanzando, chegan á India, e despois de tantos anos de campañas militares, os seus súbditos comezan a cansarse e a rebelarse, porque queren volver xa á casa a descansar coas súas familias. Enfróntanse a un dos reis máis poderosos da India, que loita xunto cuns poderosos e terribles elefantes. Alexandre e algúns dos seus máis poderosos xenerais son feridos e morren pouco despois. El non aclara o futuro do seu inmenso imperio e os seus xenerais tampouco se poñen de acordo, así que comeza unha guerra interna para facerse cos despoxos.

Saúdos.



Mad Max 2

Non me preguntedes por que, porque eu tampouco o entendo, pero interésame a saga de Mad Max. Non me chaman a atención os coches nin as motos, non me atrae especialmente a violencia, pero aínda así, ese tipo de películas si me atrae (algo, non moito, tampouco nos pasemos). Estou pensando que se cadra é a paisaxe desértica, que si me gusta moito estéticamente (non vivir nela).

Botan con bastante frecuencia na televisión en aberto a última da saga, que é do ano 2015, e na que xa non está Mel Gibson, alí o mazas é Tom Hardy. Pero hai unhas semanas botaban "Mad Max 2" a unha hora visible. E xusto despois botaban a primeira da saga, pero esa xa era de madrugada. Pero alégrame saber que esta saga volve estar no radar dalgunha das cadeas da TDT, así que poderemos completala axiña, porque esas cadeas teñen tendencia a repetir contidos con frecuencia.

"Mad Max 2" é unha película australiana dirixida en 1981 por George Miller (creo que dirixiu todas as da saga, aínda que a última chegou 30 anos despois da anterior). A estrela principal era Mel Gibson, polo menos visto dende a actualidade, porque foi o único que ascendeu no escalafón, o resto apenas son recoñecibles na actualidade. O único que me soaba vagamente era Michael Preston.

A historia tampouco ten moita chicha. Polo visto, ao final da primeira parte da saga, Mad Max perdeu á súa parella e fillo, creo. Así que ao comezo desta película vaga polas estradas, co seu coche de policía, moi potente e desexado, xa que o mundo segue no seu estado post-apocalíptico, despois dunha guerra nuclear, case todo o planeta está devastado e convertido nun deserto, e o único que hai son salvaxes que patrullan polas estradas intentando conseguir todo o combustible posible, que é o máximo botín do momento.

Nun determinado momento, comezan a perseguilo, están a punto de pillalo, pero consegue zafarse no último momento, xusto a carón dun gran camión que quedou abandonado (menciónoo porque ten importancia despois). Pouco despois atópase cun tipo algo chalado que ten un xirocóptero, algo así como un pequeno e rudimentario helicóptero unipraza e sen chasis, pero que voa, que é o importante. Ao principio a relación é algo tensa pero acaban facéndose aliados.

Van polo deserto e chegan a un punto neurálxico. Nun campamento teñen un xigantesco tanque de gasolina e iso, obviamente, reúne alí a toda a morralla da rexión, que intenta asaltar o campamento todos os días. Unha noite, varios vehículos saen desa "refinería" pero son perseguidos con saña e atacados. Mad Max salva ao ocupante e lévao de novo ao campamento, xa case moribundo. Os do campamento agradecen o xesto pero chegan á conclusión de que van ter que marchar, porque o asedio xa é case insoportable. Mad dilles que el pode ir a polo camión abandonado que viu hai uns días, e que pode servirlles para transportar o gran tanque de gasolina. Así o fan, e Mad consegue traer o camión ata o campamento.

Ese era o trato que tiña Mad con eles, así que marcha co seu coche, pero pouco despois os atacantes conseguen detelo e quitarllo. O que non saben é que tiña unha trampa que facía estourar o coche por se llo roubaban. O chalado do xirocóptero rescátao e volven ao campamento, xusto cando xa van marchar. El ofrécese a conducir o camión e atraer a todos os salvaxes. Mentres, o resto da xente do campamento pode escapar en autobuses cara á praia.

Así o fan, sendo a persecución moi salvaxe, como non podía ser menos. Nunha curva conseguen impactar contra o camión, e volca. Nese momento, Mad Max descubre que o tanque está cheo de area, era un señuelo. O combustible ía nos autobuses no que marcharon os do campamento. Pois iso, salvaxismo nas estradas do deserto australiano. Pero resulta moi visible.

Saúdos.



O aparecido

Este curioso documental local tivo un mes de abril bastante xeitoso na Coruña. Foi proxectado tres veces ao longo dese mes, que eu saiba, se cadra foron máis. Tamén é certo que non sei se terá moito interese fóra da Coruña, pero éche o que hai. 

Eu vino na primeira das proxecións, no Fórum Metropolitano, na mesma Semana Santa. A mediados de mes, tamén o botaron na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. E nos últimos días do mes tamén foi ao CGAI. Nos tres casos, con coloquio posterior, porque moitos dos participantes seguen vivindo na Coruña ou por cerca.

A historia é ben curiosa. No ano 1981, un grupo de xente do teatro coruñés, daquela aínda balbuceante (o teatro galego non existiu practicamente durante o franquismo, e comezou a asomar a finais dos 70), fixo unha curtametraxe en Super 8 titulada "Manoel Antonio", baseada na vida e obra do poeta rianxeiro. Era en galego, en verso e con moito de cine de autor. E remataba cun desnudo integral do actor protagonista, mentres se metía na auga nunha praia e corría pola mesma.

Pois unhs 40 anos máis tarde, o equipo que fixo aquela obra roda este documental para lembralo. Supoño que a moitos serviunos para saber da existencia desa curta. Non teño nin idea da razón pola cal este documental moderno se titula "O aparecido", pero pareceume intuír que o daban por perdido e, de súpeto, unha das participantes atopou unha copia na súa casa, cando xa ninguén contaba con ela. Pero debedes saber que neste documental só se ven uns poucos fragmentos.

Os principais artífices da obra (moderna) son José Antonio Jiménez (que tamén foi o principal instigador da curta orixinal) e Fran Naveira. E son entrevistados persoeiros como Santi Prego, Victor Mosqueira, Francisco Jorquera, Luisa Veira (coñecida nos primeiros tempos da TVG por un personaxe chamado "Eva de Sarria"), Juan Fernán, etc.

Saúdos.



domingo, 2 de abril de 2023

Megalodón

Si, si, aquí adoitamos falar de películas de máis calidade, pero últimamente vexo que botan na televisión bastantes películas de criaturas mariñas voraces (na Sexta están bastante especializados no xénero nas fins de semana), e tiña certa curiosidade morbosa por ver como era unha destas. Tamén ten de curiosa que é unha produción estadounidense e chinesa, ambientada na costa chinesa, e as últimas escenas son na praia máis popular do sur da China, así que parece plenamente o mundo occidental.

Foi dirixida en 2018 por Jon Turtletaub. Pola parte occidental a estrela absoluta é Jason Statham e pola chinesa a actriz Li Bingbing, dos que se insinúa ao final da película que os seus personaxes podían comezar unha relación (mira ti que gran alianza xeoestratéxica). O resto de secundarios, polo menos a min, non me soaba de nada, agás un que aparece na serie "Hawai 5.0", pero tampouco aparece demasiado na película, así que tampouco me preocuparía demasiado.

Cando o mazas da película está facendo un rescate a moita profundidade da tripulación dun submariño nuclear, teñen que escapar antes do previsto porque parecen estar sendo golpeados por unha criatura dun tamaño descomunal. Debido a iso, abandonan a oito compañeiros, que morren cando o submariño estoupa, uns segundos máis tarde. El deféndese dicindo que ese sería o final de todos se non chega a tomar esa decisión, pero o médico que fai a avaliación, que foi precisamente unha das persoas rescatadas, di que esa criatura non existía e que a decisión errónea foi tomada debido ás consecuencias de estar baixo presión da auga a altas profundidades.

Uns anos máis tarde, unha empresa está facendo unha investigación na fosa das Marianas, e descubren que aínda hai algo máis de profundidade da que creían. Conseguen baixar algo máis pero topan, de novo, coa fabulosa criatura, que acaba sendo un megalodón, un tiburón xigante prehistórico que todo o mundo cría xa extinguido. Hai un accidente e o pequeno módulo que baixou ata alí non pode subir. Casualmente quen pilotaba ese módulo é a ex-muller do mazas da película, que xa estaba retirado e case alcoholizado, pero convénceno para que baixe a botar unha man.

Como era previsible, baixa e consegue rescatalos a todos (menos a un, xustamente o secundario que me soaba de algo). Pero máis ou menos no momento no que sucede iso, o megalodón consegue superar esa barreira formada por auga xeada, da que nunca saíra, e sube cara á superficie. Así que agora o problema xa a teñen nas augas do Mar da China e en torno á plataforma de empresa.

Agora que o megalodón está accesible, propóñense localizalo e inxectarlle unha droga para matalo. Con máis ou menos dificultades, conségueno. E cando están posando con el no barco e sacándose fotos, o mazas nota algo raro porque lle parece que o diámetro da dentadura non é o mesmo que o que deixou nas pasarelas de cristal da plataforma da empresa, cando estivo de visita por alí. E xusto nese intre un segundo megalodón máis grande que o anterior devora ao primeiro e volca o barco.

Conseguen salvarse de milagre, a cambio de sacrificar algunha das vidas da tripulación, e volven de novo á plataforma. O propietario di que xa teñen que esquecerse do tema, porque xa informaron aos gobernos da zona, e que xa se encargan eles. Pero realmente é falso, el ten un plan para matalo el mesmo cos seus medios para levarse a posible gloria, pero tristemente erra e é unha víctima máis.

Para rematar, o megalodón achégase á praia de Sanya, a cidade máis sureña e tropical da China, onde hai moitas persoas orientais facendo o mesmo que os occidentais, no Caribe, Europa ou Estados Unidos. A quenlla zámpase a algúns dos incautos chineses pero, unha vez máis, o mazas estadounidense e a mazas chinesa conseguen ferir de morte ao megalodón. E nese intre, milleiros de quenllas convencionais, ante o sangue do seu curmán maior, acoden para devoralo.

Saúdos.



Os nenos do Brasil

Oíra falar desta película hai tempo, e soábame que estaba baseada nunha novela tamén exitosa. O que xa non está tan claro é se está inspirado nalgo real, non o semella. Simplemente parece unha idea brillante dun retorcido escritor ou guionista.

Foi dirixida en 1978 por Franklin Schaffner e os principais papeis foron protagonizados por Gregory Peck, Laurence Olivier, James Mason, Lilli Palmer, Uta Hagen, Steve Guttenberg (que raro velo facendo un papel "serio" fóra da "Loca Academia de Policía") e Denholm Elliott. Por certo, parece que o papel do cazador de nazis representado por Laurence Olivier estaba baseado en Simon Wiesentahl.

Un rapaz estadounidense que quere axudar a cazar nazis atópase en Paraguai perseguindo a algúns deles e nota importantes movementos. Consegue infiltrar un micrófono nunha mansión dun deles onde parece que vai producirse unha importante reunión e, efectivamente, alí aparece Josef Mengele, que lles presenta un estraño plan para matar a un grupo de persoas non xudeas. A maioría dos que asisten á reunión non parecen entender a motivación do plan, pero como son nazis fieis, seguen as ordes do seu líder.

Pero por unha casualidade, alguén da mansión descubre que hai un micro oculto, rexistran a casa, averiguan quen foi a persoa que meteu o micro, e esa persoa (un neno autóctono) lévalles ao hotel no que se atopa o investigador cazanazis. Nese mesmo momento, está falando por teléfono con Ezra Liebermanh, o máis coñecido cazador de nazis do mundo, que vive en Viena. Os nazis cazan ao rapaz e mátano cando está falando por teléfono con Viena. Ezra non lle facía demasiado caso ao que dicía este rapaz, pero a partires deste momento si sospeita que debe haber algo gordo preparándose.

O plan consiste en matar a 94 homes, todos de 65 anos de idade, normalmente grises funcionarios, que viven en diferentes lugares do mundo, e ningún deles é xudeu. Inicialmente, todo pode parecer unha tolería, pero non é así. Resulta que uns 11 anos antes, unhas mulleres foron fertilizadas con células procedentes do sangue e da pel de Adolf Hitler, esas operacións foron levadas a cabo por Mengele.

94 nenos nados nesas circunstancias foron entregados en adopción a 94 familias cunhas características moi determinadas. E neste momento, cando os nenos teñen xa 11 anos, o pai ten 65 anos e a nai uns 45, e van matar aos pais, porque ese foi o entorno familiar no que se criou Adolf Hitler. O seu pai era funcionario de aduanas e morreu xusto á esa idade.

Liebermanh decátase de que sucede algo así cando vai visitar a varias das familias desas características das que lle chegou noticia da morte do pai en estrañas circunstancias, e comproba en primeira persoa que só teñen un fillo, que todos teñen a mesma idade, e que son todos idénticos entre sí.

Finalmente, algúns dos nazis cren que o megalómano proxecto de Mengele é moi perigoso para o nazismo e irrealizable, retíranlle os fondos e queiman as súas instalacións. Pero el reacciona indo en persoa a Pennsilvania para visitar á seguinte víctima, e consegue matala el mesmo. Pero ademais foi alí porque foi capaz de saber que Liebermanh ía ir o mesmo día, así que xa pretende tamén acabar con el. Pero a Mengele esta xogada tampouco lle sae ben porque un dos seus nenos clónicos non pensa da mesma forma.

Saúdos.



O xinete pálido

Nas últimas décadas do século XX xa case non se rodaban películas do oeste estadounidense. Durante as décadas centrais do século houbo tal explotación do xénero, que a xente estaba xa algo farta do tema, e buscaba outras cousas. Pero Clint Eastwood, que fora estrela dalgunhas películas dese xénero (como a triloxía do dólar do spaghetti-western, rodadas principalmente nos desertos de Almería), quería buscar novos enfoques e historias. Primeiro rodou "O xinete pálido", da que imos falar agora, e pouco despois fixo "Sen perdón", da que falamos hai uns días. Por certo, ollo coa tradución. Parece que en todo o planeta traduciron o título correctamente agás en Alemaña onde puxeron "O xinete anónimo".

Foi dirixida en 1985 por Clint Eastwood, e os papeis principais foron para Clint Eastwood, Michael Moriarty, Carrie Snodgress, Richard Dysart, Chris Penn, Sydney Penny e John Russell.

Antes de comentar a historia direi que a película non me desagradou (creo que xa a vira hai moitos anos, algunhas cousas soábanme algo) pero é demasiado maniquea. É demasiado clásica no xénero no sentido de que os bos son moi bos, os malos son moi malos e os dous bandos son perfectamente identificables. Algun crítico di que o papel de Eastwood como O Predicador é moi ambiguo porque a veces representa o Ben e outras representa o Mal ou a mesma Morte, pero cando fai esto último é para enfrontarse aos malos malísimos, así que volve a ser o Ben. Non lle vexo eu tanta ambigüidade.

A historia é simple. Nun val mineiro de California hai uns tipiños intentando sacar algunha pepita de ouro dun regato, con bastante pouco éxito. Na "cidade" cercana (unha rúa ancha con 8-10 edificios a cada lado), os poucos que aínda se tratan con eles reclámanlles continuamente as débedas contraídas por ir mercar suministros á tenda sen ter cartos para pagar. Eles prometen que o farán cando saquen unha desas pepitas, pero xa non resulta crible.

Nesa cidade manda o cacique local, Coy Lahood, que é propietario dos outros vales e que xa utiliza medios de extración de mineral moi agresivos, mediantes chorros de auga contra as ladeiras. Quere mercar as terras desa pobre xente e quedarse con toda a zona, pero non o consegue.

Despois do último ataque disuasorio, aparece como da nada un "xinete pálido" e silencioso. Ninguén sabe quen é, pero dende o primeiro momento ponse do lado dos febles e dalles boas palizas aos matóns do cacique, e obviamente iso non lles fai ningunha grazas. Intenta vengarse del, pero aínda levan máis malleiras.

Como os mineiros non aceptar a última oferta, o cacique decide contratar os servizos do controvertido sheriff Stockburn. El e os seus seis salvaxes axudantes entenden pouco de xustiza e entenden moito máis de traballar para quen máis lles pague. Ademais, polo que parece, Stockburn e o "xinete pálido" (que polo visto é Predicador nos seus ratos libres) xa se coñecían de antes. Pero Stockburn está algo confuso, porque a descrición que lle dan é a dun antigo rival que supostamente xa está morto.

Finalmente prodúcese o combate final, tremendamente tramposo. O Predicador chega só á cidade e colócase no seu lugar para o duelo final. Cando sae Stockburn cos seus seis axudantes, resulta que o Predicador xa non está alí, o único que queda é o seu chapeu. Vai eliminando un a un aos seis axudantes, que non parecen tan espabilados. Finalmente quedan fronte a fronte o Predicador e Stockburn, que recoñece ao seu contrincante no último momento. Ao Predicador dalle tempo a pegarlle 5 ou 6 balazos.

En definitiva, a película está ben, pero é moi maniquea e tramposa.

Saúdos.



O sono eterno

Unha das poucas películas que me faltaban por ver da famosa colección Cine de Ouro que me agasallaron hai varios anos era "O sono eterno", que tiña certa fama. Vina o outro día e decepcionoume moitísimo, pero xa explicarei despois os motivos. Por certo, o título é controvertido en moitos aspectos. O título orixinal é "The Big SLEEP", polo tanto os únicos que acertaron foron os mexicanos, que a titularon "O gran soño". En Arxentina, como outras veces, foron moi creativos e inventáronse "Ao borde do abismo". Ollo, porque "sleep" fai referencia a "durmir", non a "soñar". E coñecendo a historia, non teño nin a máis mínima idea a que poden referirse, porque a historia de por sí xa é bastante incomprensible. A non ser que con "big sleep" se refiran á morte, pero iso é unha obviadade, porque na novela e no cine negro morre case todo o mundo, así que non ten nada de singular. Case todas as obras poderían titularse como esta.

Foi dirixida en 1946 por Howard Hawks. O elenco está capitaneado por Humphrey Bogart e Lauren Bacall, que acababan de casar e velos xuntos en escea era todo un espectáculo naquel momento (polo visto, na novela os seus personaxes non estaban tan unidos, nin moito menos). Como secundario destacan John Ridgely, Martha Vickers, Dorothy Malone, Peggy Knudsen, Regis Toomey, Charles Waldron, Charles D. Brown e Louis Jean Heydt.

A ver se consigo contar o principal da historia, porque xa vos digo que é moi incomprensible, e parece que presumían diso. De feito, corre a anécdota de que, durante a rodaxe, o director e os guionistas (un deles era William Faulkner), lendo a novela orixinal de Raymond Chandler, non eran capaces de saber quen matara a un personaxe secundario. Así que decidiron chamar ao propio autor da novela, para aclaralo, e el díxolles que tampouco o sabía. Así que xa vos podedes imaxinar de que vai isto. As novelas e cine negro adoecen moito dese defecto, e neste caso aínda semella máis acentuado.

A historia comeza cando un vello xeral, xa bastante enfermo e que practicamente vive nun invernadeiro a unhas temperaturas insufribles para os demais, decide contratar ao detective Philip Marlowe para que resolva un problema de débedas de xogo da filla menor do xeral, que ten contraídas co propietario dunha librería (vaia, as librerías parecían un negocio algo máis sano que todo iso). Nesa primeira visita á casa, Marlowe detecta que a filla menor é unha "lagarta", polos poucos segundos que se cruza con ela, e que a filla maior, Vivien, resulta moito máis interesante.

Segue ao propietario da librería ata a súa casa, e por alí ve estraños movementos. Aparece a filla menor do xeral, escóitanse uns disparos e varios coches fuxen a toda velocidade xusto a continuación. Entra na casa e ve ao libreiro morto no chan, á rapaza case desnuda nun sofá e nun busto enfronte da rapaza atopa os restos dunha cámara fotográfica que xa non ten o carrete de fotos. Alí está pasando algo raro.

Ata aí máis ou menos ben. Pero a partir de aí comezan a aparecen personaxes máis ou menos secundarios e subtramas relacionadas entre sí, pero que nunca se sabe moi ben ata que punto, e todo resulta xa case incomprensible, como xa avisei antes. Hai un empregado do xeral que leva un mes desaparecido, e ninguén sabe por que razón. Hai outro empregado do libreiro que é o propietario da casa na que vivía o libreiro e onde pasou todo o anterior. Outro supostamente é o amante homosexual do libreiro, pero só se insinúa porque supostamente a censura no cine da época prohibiría amosar iso. Todos cren que a muller do propietario da casa fugouse co tipo desaparecido, pero non é certo, simplemente está secuestrada para que outros pensen iso. En definitiva, un lío descomunal, nada é o que parece, e moitas veces non sabes nin o que parece.

Non me preguntedes polo final, porque nin o lembro nin teño maior interese. Creo que xa comezo a entender por que este xénero non me atrae demasiado.

Como xa teño comentado algunha vez, estas películas desta colección tamén traen un interesantísimo caderno onde contan moitos detalles da produción e rodaxe, por exemplo. Nel aínda presumen de que a "coreografía" das peleas é patética, e efectivamente é certa. Xa durante o visionado non me creía que o personaxe de Humphrey Bogart (que non é precisamente forte e musculoso) saíra indemne dalgunhas peleas nas que tomaba parte. Polo que parece, era parte da rodaxe, facer que a "estrela" ganase as peleas case sen facer nada. Patético.

Saúdos.



Manar, a última caravana

Unha vez máis (e non sei se nos cansaremos, non creo), tivo lugar unha homenaxe ao noso querido Lino Braxe. Esta vez foi facendo unha pequena presentación do libro e despois unha representación da obra "Manar, a última caravana" a cargo de Manarte Producións e Teatro Proscrito, que se non lembro mal, eran os nomes das compañías ocasionais que representaban as súas obras.

Na presentación da reedición da obra estaban Xurxo Couto (responsable de Cultura da Deputación), Xanina Fernández Otero (viúva de Lino), Manuela Varela e Luma Gómez, actrices que compartiron escenario e obras con Lino.

A historia que conta a obra é sinxela. É simplemente a historia de Manar, unha muller árabe que vive nun país sacudido pola guerra e que intenta sobrevivir nun campo de refuxiados sirio, aínda que finalmente non o consegue. Evoca a súa infancia, as súas vivencias. De cando en vez baila algún dos bailes da súa vida. A actriz é Sabela Hermida e os músicos son o sirio Hames Bitar ao laúde e Luis Taberna na percusión.

Se non me equivoco, no vídeo tedes todo o acto do outro día.

Saúdos.



Atmósfera cero

Como xa dixen aquí en moitas ocasións, gústame bastante a ciencia-ficción, así que cando aparece unha novela ou unha película desa temática (e non hai tantas), intento facer un esforzo. Xuraría que esta xa a vira antes (ten máis de 40 anos, así que non é tan difícil) pero deille outra oportunidade. En todo caso, non ten demasiado de ciencia-ficción, e si bastante de "western". Agora entendo que lera referencias tamén a esta película cando falei de "Só ante o perigo", porque a base da historia vén sendo claramente a mesma.

Foi dirixida en 1981 por Peter Hyams (creo que ten unha grande querencia por este xénero). O papel principalísimo é para Sean Connery, e todos os demais son secundarios, entre os que poderíamos destacar a Peter Boyle, Frances Sternhagen e James Sikking.

O'Neil é un policía que é destinado a unha colonia mineira de Ío, a terceira lúa de Xúpiter, onde se dá moi ben o titanio. O lugar é bastante remoto, do cal se deduce que ese novo destino non é un agasallo, senón un castigo, por algunha actuación anterior coa que non están moi contentos os que mandan. Incluso os familiares dos policías queren marchar dalí o antes posible, e iso é o que fan a muller e o fillo de O'Neil en canto poden, ás poucas semanas de estar alí.

Tamén ao pouco da súa chegada prodúcense varias mortes algo estrañas, máis ben suicidios, provocados pola explosión dos corpos ao poñerse en contacto coa nociva atmósfera do satélite sen os pertinentes equipos de protección, pero aparentemente por iniciativa propia.

O policía pregúntalle á xefa médica da colonia se é normal que iso suceda e a ela incomódanlle as súas preguntas, como se estivera discutindo a súa competencia profesional. Pero ao final acaban caéndose ben e colaborando, e efectivamente a doutora descubre que ese tipo de estrañas mortes aumentaron de forma moi considerable no último ano.

O policía consegue, de forma oculta, restos dun dos últimos cadáveres (que sempre teñen moita presa en levarse da colonia) e a doutora descubre índices moi altos dunha droga que sube moitísimo o rendemento dos traballadores pero que lles acaba provocando psicose, e iso pode explicar perfectamente eses estraños suicidios dos últimos meses.

O'Neil mira na listaxe de traballadores se hai algúns que teñan historial delitivo relacionado coas drogas, e descubre que hai dous que si o teñen. Espía os seus movementos polas cámaras da colonia e confirma as súas sospeitas, así que vai detelos. Mata a un deles e buscando ao outro está a piques de morrer nunha cámara frigorífica onde lle dixeran que estaba a droga, pero finalmente el sae ganador e destrúe a droga.

Con todo isto confirmado, vai falar co xefe da estación e representante da empresa mineira, que é perfectamente consciente do que está sucedendo e o ampara. Amenaza ao policía e dille que é mellor que se vaia, porque esa droga vai seguir circulando pola colonia, porque é moi beneficiosa para case todos. Pero obviamente o policía non se vai.

O xefe da estación ponse en contacto coa empresa e dinlle que no seguinte cruceiro espacial, que chegará dentro de varios días, van tres asasinos a soldo especializados nese tipo de misións. O'Neil está pendente da súa chegada e detecta a súa presenza ao pouco de baixar, pero parece que só son dous. Ou mandaron menos dos previstos ou o terceiro xa estaba na colonia e aínda non sabía quen era.

O policía pide a axuda de todo o mundo pero só a doutora se ofrece a axudalo (de aí o grande parecido con "Só ante o perigo"). Nin sequera os seus subordinados da policía se ofrecen para axudar, de feito, pouco despois sábese que o seu súbdito inmediato é o terceiro dos asasinos a soldo. Vai preparando trampas e recursos para poder enfrontarse aos asasinos cando cheguen.

A novidade é que consegue vencelos a todos facendo uso de circunstancias científicas, como a presión atmosférica. Os asasinos veñen con rifles con mira telescópica e todo iso, pero claro, cometen o erro de disparalos en zonas presurizadas, e ao ser eles os únicos que non levan os traxes de protección ante os terribles cambios de presión coa atmósfera do satélite, acaban estoupando como globos. Patético.

Saúdos.



A estraña pasaxeira

Botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, que me transmite certa confianza. É do xénero do melodrama, que non me agrada demasiado, pero finalmente acaboume gustando bastante, porque hai que recoñecer que a historia é bastante singular, e ten unhas aristas ben curiosas. Por certo, o título orixinal foi "Now, voyager", ou sexa "Agora, viaxeira", baseada nun verso dun poema de Walt Whitman, que adoptou a autora da novela na que se basearon. Os dous títulos teñen algo que ver coa historia, pero tampouco avanzan demasiado, porque a historia é algo retorcida.

Foi dirixida en 1942 por un tal Irving Rapper, do que non oín falar na miña vida. O máis destacado do elenco é para Bette Davis, Paul Henreid, Claude Rains e Gladys Cooper. Ou sexa, que están varios dos secundarios de "Casablanca".

A historia xira en torno á tensísima relación entre Charlotte Vale (Bette Davis) e a súa nai (Gladys Cooper). Polo visto, Charlotte foi unha filla non desexada e que naceu xa bastante tarde, e debido a iso, a nai é terriblemente estricta con ela e non lle deixa vivir a súa vida. Aínda así, todo semella indicar que a nai é estricta con todo o mundo e bastan uns poucos minutos de película para odiala inmensamente. Unha das irmás de Charlotte, preocupada por ela, leva a casa a un amigo seu que ten un sanatorio mental para intentar curala. En principio, a nai oponse, como non podía ser doutro xeito, pero finalmente conseguen que Charlotte pase unha temporada alí.

De xeito totalmente previsible, a mellora de Charlotte é considerable, e no sanatorio suxiren que, para afianzar esa melloría, en vez de volver a casa de novo, onde seguramente a controladora nai conseguiría revertir a mellora en cuestión de días, debería facer un cruceiro para soltarse e socializar máis. Supoño que de aí veñen os títulos orixinais e traducidos (viaxeira, pasaxeira).

A transformación é total, incluso física. Baixo a bota da súa nai, Charlotte era bastante fea e algo repulsiva, e agora resulta moito máis atractiva. Tanto que se acaba convertendo na persoa máis popular do cruceiro e todo o mundo a adora. Incluso namora dun pasaxeiro chamado Jerry, que está casado pero non se entende nada ben coa súa muller, e non se divorcia dela porque el, como pai, adora á súa filla Tina, que é unha rapaza problemática e que tamén é odiada pola nai.

Cando remata o cruceiro e os familiares de Charlotte van recollela non entenden nada. O seu cambio físico é total e teñen tempo de comprobar que toda a xente que baixa do cruceiro a quere moito, non lles encaixa coa persoa que marchou da casa da nai unhas semanas antes. Cando chega a casa, a nai, que estivo enferma, reaviva para volver escravizar e humillar á filla, pero Charlotte non está disposta a soportalo e oponse firmemente. Nunha das súas discusións, a nai morre dun ataque ao corazón e Charlotte séntese culpable.

Por esa razón volve ao sanatorio e alí coincide casualmente con Tina, a filla de Jerry, coa que conecta moi ben. Algún tempo despois, recuperadas as dúas, Charlotte proponlle ao médico que dirixe o sanatorio levarse a Tina para a súa casa, e permitir que Jerry veña visitalos cando queira. Existe a posibilidade de que Jerry vaia vivir con elas, pero o final é algo aberto, e non queda moi claro se finalmente sucede ou non.

Saúdos.



O corpo aberto

Por fin conseguimos ver esta esperada película. Intentei vela nas vacacións de Nadal nun cine comercial da Coruña pero, inexplicablemente, sacárona polo medio da semana (ao mellor iso de cambiar a carteleira os venres xa non está vixente, vou tan pouco ao cine....). De feito, nin sequera están abertos xa os multicines dos Rosales onde pretendía vela en versión orixinal en galego. Algún tempo despois entrevistamos na radio a Ángeles Huerta, a súa directora, e entráronnos máis ganas. Hai unhas semanas botárona na Semana do Cine Galego no Teatro Colón, e aproveitamos.

Foi dirixida en 2022 por Ángeles Huerta. No elenco destacan Tamar Novas, Victória Guerra, María Vázquez e Federico Pérez. Está baseada no relato "Lobosandaus" que é o primeiro e máis longo do libro "Arraianos" de Xosé Luis Méndez Ferrín, que conta historias da raia entre Galicia e Portugal. 

Miguel, un profesor novo, chega a comezos do século XX a unha apartada aldea da raia chamada Lobosandaus, onde aínda ten moito peso a tradición e a superstición. Xa dende o comezo, fíxase nunha fermosa e enigmática muller portuguesa chamada Dorinda, que está casada cun contrabandista que cruza a raia con frecuencia chamado o Turelo. Outro personaxe similar, de orixe portuguesa e que comercia aos dous lados da raia é Mauro, o capador, que é moi popular na aldea. A irmá do Turelo é Obdulia, que está moi enferma e encamada nunha habitación apartada, e todos din que ten o "corpo aberto", ou sexa, que o seu corpo está predisposto á recibir a alma dalgún morto que non quere despedirse dos vivos.

Un día, Mauro aparece aforcado nunha árbore cerca da aldea e todos fican consternados. Apresan ao Turelo durante unhas horas, pero ninguén sabe exactamente por que. Como as autoridades teñen costume de facelo en circunstancias similares, pois repiten a acción, pero axiña o liberan. Pero nas seguintes horas, Obdulia ten unha melloría de saúde moi substancial e, de feito, a ven axudando con moita solvencia a capar un cocho, do cal todos deducen que no seu "corpo aberto" entrou o capador. Pouco máis tarde, descubren a Dorinda e Obdulia bicándose, e pouco despois, Obdulia aparece aforcada na mesma árbore na que apareceu o capador.

A estas alturas, Miguel xa está fóra de sí, a paixón que sente por Dorinda é moitísima e ademais ve estrañas actitudes entre os rapaces da súa escola, entre os cales un deles aparece morto en moi estrañas circunstancias (falarei diso no meu comentario final). Finalmente Miguel, aconsellándose co seu tío que o recomendou para o posto, decide marchar da aldea, e recibe estrañas noticias de que el mesmo morreu nos días anteriores. Curioso final.

Precisamente, fixen os deberes e lin o relato o día anterior, para telo fresco. A historia que contan na película é algo diferente da do relato. De feito, fun vela con varios colegas e, á saída, eles tiñan certas dúbidas por que non conseguiran entender algunhas das cousas que pasaban na película. Eu puiden aclararlles algunhas (porque lera o relato o día anterior, e alí todo estaba moito máis claro) pero outras eran propias da película, e alí tampouco estaban nada claras.

Cando se le un relato, unha novela ou unha película con algo de misterio, supoño que é natural intentar entender o que está sucedendo, non lle vexo nada malo a esa actitude. Penso que a película está moi ben de ambientación, pero xa non tan ben de ritmo. E parece que algunhas das cousas máis estrañas que suceden na película alí non quedan ben explicadas (no relato si o estaban), por iso eu podía explicarllas aos que só viron a película e non o relato.

Por exemplo, os que aparecen aforcados naquela árbore sempre son as persoas que intentaron amar a Dorinda, e normalmente sempre era o Turelo quen os aforcaba. O que contan no relato (e non na película) é que ao morrer Obdulia, a alma do capador tomou o corpo do Turelo, e este decidiu aforcarse na mesma árbore que os outros, para evitar que posuíse a Dorinda. E na última páxina do relato, Miguel di que decidiu mudarse ao cuarto da finada Obdulia, e que a partir dese momento comezou a sentir cousas moi raras no seu corpo (que raro!!) e que prefería irse da aldea, que aquelo non pintaba nada ben. Así que o final da película é moi diferente, e a min non me parece mellor, en absoluto.

Os colegas tamén me preguntaban polos rapaces, polas súas estrañas actitudes e pola morte dun deles en moi estrañas circunstancias (pero non aforcado, simplemente aparece morto cando crían que estaba durmindo xunto a unha árbore a carón da escola). Pero no relato non aparece nada diso, de feito apenas se fala de Miguel e a súa relación cos alumnos. Nun coloquio previo á proxección, a directora, a montadora e guionista e o produtor dixeron que unha das cousas que máis lles gustou foi seguir tirando de fíos que no relato non foran desenvoltos para chegar a facer unha longametraxe, xa que o relato era bastante curto e non daba para tanto. Paréceme ben, pero comparadas as dúas historias, non teño a impresión de que estiveran tan brillantes inventando novos personaxes e historias. Por certo, o neno que morreu era o que mellor se levaba co capador, digo eu que esa sería a razón da súa morte, pero xa é moito especular.

Saúdos.



sábado, 1 de abril de 2023

Venenos

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia. Nesta ocasión falaremos brevemente do volume número 96, que é a obra de teatro "Venenos", escrita polo dramaturgo Xesús Pisón. Seguramente vós non o coñeceredes, porque é moi pouco famoso, incluso no mundo da cultura galega. Pero eu tiven a sorte de coñecelo en persoa hai uns anos, cando na A.C. Alexandre Bóveda reunimos aos tres máis famosos dramaturgos actuais nacidos no Valadouro: Manuel Lourenzo (o máis coñecido con diferenza), Xesús Pisón e Isaac Ferreira (aínda menos coñecido que os outros dous).

Esta breve obra titulada "Venenos" aínda está subdividida en dúas obras máis breves, tituladas "A vía láctea" e "Como Jekyll e Hyde". Esas dúas obriñas teñen só dúas personaxes cada unha. 

"A vía láctea"  é moi breve e semella bastante incomprensible, porque dá a impresión de que ningún dos personaxes escoita o que di o outro, así que non pode considerarse un diálogo, senón algo así como dous monólogos mesturados. Curioso pero bastante insustancial, na miña opinión.

"Como Jekyll e Hyde" xa ten algo máis de chicha (menos mal). Polo que parece, dous dramaturgos comparten piso, un deles é máis famoso e exitoso e o outro menos. O menos exitoso está nun período de seca creativa e, aproveitando que vive na mesma casa que o outro, visita o seu despacho cando non está, para intentar coller algunha idea das notas ou escritos que vexa por alí. Pero nun determinado momento, o máis exitoso descúbreo e intenta axudalo a crear unha nova obra dándolle ideas, pero ese diálogo resulta tamén algo tenso e confuso por momentos.

Saúdos.



A cor púrpura

Xa vira esta película no seu momento, incluso é posible que o fixera no cine, pero hai xa moitos anos, seguro. E deixárame boa sensación. Vin que a botaban no espazo de cine clásico da 2 e fixen o esforzo de novo, e non me arrepinto en absoluto, está moi ben. Como curiosidades varias, diremos que estivo nominada a 11 Oscars pero non levou absolutamente ningún. Claro, era mediados dos 80, e Estados Unidos tiña (e segue tendo) un serio problema de racismo, pero non creo que teña demasiada solución. Steven Spielberg, despois de varios títulos moi exitosos de entretemento, facía a súa primeira película de temática "seria". E tamén chama a atención que é unha película sobre negros estadounidenses na que a aparición dos brancos é testemuñal (e dirixida por un branco xudeu).

Foi dirixida en 1985 por Steven Spielberg, con produción e música de Quincy Jones (que foi quen convenceu a Spielberg de dirixila, porque el non o tiña nada claro). No reparto destaca o magnífico debut de Whoopi Goldberg, moi ben acompañado por Danny Glover, Margaret Avery e Oprah Winfrey. Incluso como secundarios aparecen Rae Dawn Chong, Lawrence Fishburne ou Carl Anderson, o actor que facía de Judas na magnífica "Xesucristo Superstar".

A película está ambientada a comezos do século XX nalgún lugar do sur dos Estados Unidos que non lembro (creo que é no Sur). A sociedade aínda está impregnada de escravismo, pero polo que parece, os personaxes que aparecen na película, case todos negros, semellan ser libres. Pero as relacións entre eles son tamén moi duras e inhumanas, e diso trata a película, baseada nunha novela de Alice Walker. Aparecen moi poucos personaxes brancos, como o carteiro, e unha señora da zona que aínda ten certos restos de racismo, pero que apenas ten incidencia na trama.

A película conta basicamente a historia de Celie Harris (Whoopi Goldberg), que comeza sendo unha rapaza de 14 anos que queda embarazada do seu propio pai (tal como o contan, parece que era un costume da época entre eles). Pouco despois diso, Albert, un veciño da familia, vai visitalos para pedirlle a man de Nettie, a irmá de Celie. O pai das dúas dille que nunca lle concederá a man de Nettie, que é moi guapa e atractiva, pero que si lle concederá a de Celie, que é considerada moito máis fea. A Albert non lle fai moita graza a oferta, pero ao comprobar que as dúas irmás están moi unidas, debe pensar que ao casarse con Celie poderá ver con frecuencia a Nettie, que é o que realmente desexa, así que acepta.

Dende o comezo, a relación entre Albert e Celie é moi mala, desprézaa e explótaa sen descanso, pero ela atura todas as humillacións. Nunha visita de Nettie, intenta abusar dela, e ela decide fuxir e non volver. Vaise de misioneira a África e lévase aos fillos de Celie, aos que esta non volverá a ver moitos anos máis tarde, nin á súa irmá. Coa súa irmá intenta manter correspondencia, pero durante moitos anos Albert escondeu as cartas que lle mandaba Nettie dende África, non as descubriu ata moito máis tarde.

Pois nada, a película trata diso, da tensísima relación entre Celie e Albert ao longo da súa vida, porque a pesar de todo o anterior, viviron xuntos moitos anos. Por se non chegara con iso, no medio métese Shug Avery, unha artista vida a menos que foi o gran amor de Albert, e que nun determinado momento, vén a vivir á súa casa. Ao comezo Shug tamén despreza a Celie, pero ao final acaban facéndose moi amigas e Celie vai collendo ideas para a súa vida da independencia de criterio de Shug.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...