mércores, 30 de agosto de 2023

Feminismos

Para rematar este verán moi lector, acabo de ler un libriño breve que chegou á miña casa hai 4-5 anos, en circunstancias non moi claras (quero dicir, penso que non o merquei, senón que me chegou doutro xeito, pero non lembro como). Titúlase "Feminismos. A historia cóntana as vencedoras" e foi escrito por Anna Figueiredo.

É breve, non é moi exhaustivo, vai só aos contidos básicos, sobre todo de evolución histórica. Como eu son máis exhaustivo e me gusta a análise máis detallada dos movementos complexos, como o feminismo, gustoume menos que un que lin hai varios anos, coordinado por María Reimóndez (entre outras autoras). Pero vaia, que tampouco estivo mal, sempre se aprende algo.

Básicamente a estrutura é:
- Primeira onda do feminismo
- Segunda onda do feminismo
- Terceira onda do feminismo
- Seguro que estabades esperando pola Cuarta onda do feminismo, pero como esa non se sabe se xa chegou ou non, analiza a historia do feminismo en Galicia.

Neste vídeo aparece a autora do libro lendo un poema que ela reivindica como exemplo perfecto do feminismo de Rosalía de Castro.

Saúdos.



Freddie Mercury, último acto

Pois como dicía, ultimamente estame dando por ver documentais. E mira que non hai información, incluso películas (a última comentouse aquí hai un par de meses), sobre Queen e sobre todo de Freddie Mercury. Pois hai pouco tamén se fixo un documental sobre os últimos anos de vida de Freddie Mercury, afectado pola lacra do sida, que agora está algo controlada, pero que nos 80 e nos 90 segou moitas vidas e semellaba incontrolable.

Este foi dirixido por James Rogan en 2021. Tratando do que trata, está de máis dicir que Freddie Mercury é o personaxe que máis aparece. Brian May e Roger Taylor tamén aparecen bastante, pero John Deacon non. E tamén algúns amigos e médicos que traballaron na enfermidade.

A min colleume algo novo, pero parece que máis ou menos todo o mundo sabía que Freddie era homosexual, que non facía nada por ocultalo, e vendo como avanzaba a enfermidade, todos intuían que antes ou despois podía tocarlle a el, como así foi, así que van contando a súa evolución. No video que vos poño vese a degradación física que sufría nos últimos meses, e polo visto xa gravou ese último videoclip con moita dor. Curiosamente, dos 90 minutos da metraxe, a súa morte chega cando vai máis ou menos a metade.

A segunda parte do documental trata do esforzo que fixo o resto do grupo para organizar a homenaxe en Wembley uns meses máis tarde, que conseguiu xuntar a moitos dos mellores músicos de pop e rock da época. A mitificación de Axl Rose, que foi convidado a participar xunto ao seu grupo, pero que non participaba nos ensaios, e que ninguén tiña claro se finalmente ía actuar ou non, cando lle tocaba facer dueto con Elton John en "Bohemian Rhapsody", co que parece que non se levaba demasiado ben. Pero finalmente apareceu "por sorpresa" no escenario deslumbrando, e saudando con cariño a Elton John. E a odisea de George Michael, que interpretou moi ben "Somebody to love", que tamén era homosexual pero que tiña moitos problemas sentimentais porque parece que era un tipo ben complicado (morreu hai uns anos, pero non me soa que fora polo sida).

Saúdos.



Romería de Santa Margarita 2023

Un ano máis, para poñerlle o ramo ás festas da agosto na cidade da Coruña, na última fin de semana celebrouse a popular Romería de Santa Margarita no parque do mesmo nome. Eu crieime naquela zona e teño grandes recordos de toda a fin de semana durante a miña infancia, pero agora só vou aos concertos nocturnos que hai no auditorio. Lembro que, cando eu era pequeno, había moitas horas de concertos e actuacións de grupos folklóricos pero, basicamente, todos os anos tocaba Milladoiro, ata que tristemente deixou de facelo. Nos últimos anos a programación nese eido mellorou bastante, e xa non digamos este ano, que encargaron a Antonio Prado, moi competente, o programa de concertos.

O sábado pola tarde actuaba de primeiro o grupo de folk Arredores. Chegamos só para escoitar as últimas cancións, e non o fixeron nada mal, destacando poderosamente a marabillosa voz de Icía Varela. Puidemos disfrutar do concerto de Treixadura. A última vez que os vin, hai xa case 10 anos, estiveron moi ben. Tiñamos ganas de ver ao último grupo, Airiños da Freba, pero xa era algo tarde e xusto nese intre púxose a chover.

O domingo comezaba Xosé Lois Romero e Aliboria que, coma sempre, estiveron moi ben. Despois actuou a acordeonista irlandesa Sharon Shannon, á que había anos que non veía. Tamén estivo moi ben. E no último lugar actuaba o mítico Eliseo Parra, que está na xira de despedida, pero só nos quedamos a ver as 2 ou 3 primeiras cancións, xa era moi tarde.

Saúdos.





Searching for Sugarman

Aínda que non me desagradan en absoluto, e gústame moito a divulgación e o coñecemento en todas as súas modalidades, a verdade é que teño moi pouco hábito de ver documentais. E mira ti que non botan documentais na televisión, sobre todo en canais fantásticos como a 2. Pero hai unhas semanas, por algunha estraña razón, fun a unha das plataformas que recibo agora na miña nova smart-tv, e púxenme a buscar nos documentais, e non nas películas (se cadra ese día dispoñía de menos tempo e pensei que sería máis doado atopar pezas desa duración). E atopei esta xoia da que seguramente oístes falar nos últimos anos.

"Searching for Sugarman" foi dirixida polo director sueco Malik Bendjelloul (a súa única obra, tristemente suicidouse pouco despois) no ano 2012, e gañou o Óscar ao Mellor Documental no ano 2013. Non teño eu moi claro que o elenco sexa relevante neste tipo de pezas audiovisuais. Se cadra o máis importante neste caso é que aparece o propio protagonista da historia (ao comezo non parecía que sería así).

A historia é ben curiosa. Resulta que en Sudáfrica, por algunha estraña razón, triunfou nos anos 70 un cantautor estadounidense chamado Rodríguez, que só chegou a sacar un par de discos, pero décadas máis tarde seguía sendo alí un mito. Ninguén o sabe con certeza, pero suponse que na época de edición dos discos, algún turista estadounidense foi de vacacións a Sudáfrica, levou os vinilos, aos seus colegas que estaban alí gustáronlle moito, e a bola foi crecendo e crecendo. Pero a súa vida era un enigma e, dende logo, a pesar do seu gran éxito alí, nunca foi de xira por alí. De feito, existía a lenda de que non sacara máis discos porque se suicidara dando un concerto (dende logo, un final ben épico para un músico).

O caso é que un par de fans sudafricanos de Rodríguez, varias décadas máis tarde, puxéronse a investigar sobre a identidade do artista. Non tiñan moito de onde tirar, pero se cadra, investigando ás discográficas que sacaron os discos orixinais no seu momento podían conseguir algo. E así o fixeron. E cal foi a súa sorpresa cando descubriron que o mito do suicidio no escenario era falso. Que só sacou dous discos porque en Estados Unidos, aínda que prometía, o seu éxito foi nulo. E sobre todo, que seguía vivo e podían falar con el.

Resulta que o tipo chamábase Jesús Sixto Rodríguez, era estadounidense pero de orixe mexicana, vivía pola zona de Detroit, e dedicábase ás obras, era algo así como un albanel. O seu estilo era similar ao Bob Dylan da época (comparábano moito con el), e algúns dicían que era mellor ou que lles gustaba máis. Pero o caso é que Dylan triunfou e el foi totalmente esquecido. Cando deron con el os sudafricanos en Detroit, convencérono para que a finais dos 90 fixera unha xira por Sudáfrica, que foi un auténtico éxito.

Eu oín falar deste documental hai xa 3-4 anos facilmente, pero non o vin ata hai uns días. E mira ti que casualidade que Sixto Rodríguez morreu a comezos de agosto, xa con máis de 80 anos. No vídeo que vedes abaixo está o documental enteiro (podedes activar os subtítulos). Pero vaia, se conseguín velo eu, que non estou en ningunha das plataformas comerciais, moi difícil non debe ser.

Saúdos.



martes, 22 de agosto de 2023

A guerra dos mundos

Como xa teño comentado máis veces, nos últimos anos "lembrei" que tiña unha magnífica colección de libros oculta nalgún lugar do meu estudio. Naquel comezo de século XXI no que A Voz de Galicia estaba inusualmente comprometida coa literatura galega e en galego, sacaron unha colección pomposamente titulada "Biblioteca Galega de Clásicos Universais", que estou visitando ultimamente. E agora foi a quenda de "A guerra dos mundos" de Herbert George Wells, traducida ao galego por Gonzalo Constenla Bergueiro e Esther Sánchez Rodríguez.

Vin as versións cinematográficas de 1953 (fantásticos efectos especiais para a época) e de 2005 (de Spielberg e con Cruise). As dúas están ambientadas en Estados Unidos, cando a novela é británica e todo sucede en Londres, pero supoño que é normal, as produtoras sempre intentan lembrar as paisaxes autóctonas. Pero o feito da ambientación da novela tamén é moi relevante, porque na narración aparecen unha grandísima cantidade de topónimos de Londres e os seus arredores (sobre todo do sudoeste, en torno a Woking), que non nos din apenas nada ao resto da humanidade. Inicialmente pensei que a novela era moi reducionista por este feito, pero parece que a historia que conta é unha metáfora sobre o colonialismo, e o Imperio Británico en 1898 (data de publicación da novela) pecaba moito diso.

Supoño que xa sabedes de que vai a historia, así que non profundarei demasiado nela. Nesta versión (a orixinal) todos os impactos das naves marcianas son nas aforas de Londres, case na mesma zona (creo lembrar que na versión cinematográfica de 2005 caían en diferentes países do planeta), que tamén xa hai que ter puntería. O narrador, do que non chegamos a saber o seu nome, percorre case todos os escenarios da novela practicamente a pé, só nalgún caso fai uso dalgunha bicicleta ou carruaxe. Por certo, acabo de lembrar que, no medio da novela, o autor dedica varios capítulos a contarnos o que lle sucede ao irmán do narrador, pero ao final non retomou esa historia.

Os marcianos van saíndo das súas naves e van propagando a súa onde de morte e destrución co Fume Negro que mata instantaneamente a quen o respira, e co Raio Calórico, que funde e carboniza todo o que toca. E así, todo semella que a súa victoria vai ser total e rápida, ata que os marcianos acaban morrendo porque non teñen defensa ante as bacterias que se atopan na Terra. A resolución é ben simple, como vedes.

Pero a historia que conta a novela é bastante menos grandilocuente que a que se ve nas películas, sobre todo na de 2005. Ten lugar nunha zona xeográfica bastante limitada. Algún dos capítulos transcorre nun mesmo lugar e dura bastante tempo, como as case dúas semanas que pasan escondidos nunha casa sobre a que cae un dos cilindros marcianos. Alí case non poden moverse para non revelarlle aos marcianos que están escondidos, pero ao mesmo tempo poden ver as súas operacións.

Cando sucede iso, o narrador está acompañado do personaxe máis insoportable da novela, un crego que non ten ningunha enteireza, e que é asasinado polo narrador nun momento no que pode poñer en perigo o seu anonimato e escondite. Aínda así, nunha situación tan extrema como esta, o narrador está preocupadísimo pola súa muller, da que leva separado moitos días.

A novela e a idea están moi ben, pero unha vez lida, dame a sensación de que podía ter dado máis de si, e que as preocupacións que amosa o autor son, por momentos, secundarias. Insisto, que a historia sexa a metáfora do colonialismo, e que os ingleses que pretendían dominar todo o planeta foran como os marcianos da novela paréceme un recurso fantátisco.

Remato dicindo que houbo, que eu saiba, dúas versións radiofónicas da novela. Unha estadounidense en 1938, da man do gran Orson Welles, da que xa temos oído falar moitas veces (no vídeo que vos poño tamén a mencionan). E outra menos coñecida, en Quito en 1949, onde polo visto se montou un follón moi considerable. Pero claro, é que Nova Iork ten moito máis glamour que Quito, onde se vai comparar!!!

Saúdos.



mércores, 16 de agosto de 2023

A historia do cómic en Galicia

Nos últimos anos estou amosando cada vez máis interese polo cómic, sobre todo o feito en Galicia. E hai varios anos chegou ás miñas mans un libro titulado "A historia do cómic en Galicia", editado por Galaxia, e escrito por un tal Octavio Beares, que semellaba ser un experto no tema. E merqueino. E un par de anos máis tarde (ou sexa, agora) linno, e gustoume bastante. Xa sabedes que os libros na miña biblioteca poden estar esperando un feixe de anos para ser lidos, así que este aínda tivo boa sorte.

O libro está moi ben editado, cunhas cantas figuras ilustrativas de cómics, fanzines ou portadas en cor (cando o tiñan, que non sempre foi así), e nun conxunto de doce capítulos máis ou menos cronolóxicos relata con moitos pormenores a historia desta disciplina en Galicia. Que en xeral fala de moita precariedade, para non variar, cunha industria case inexistente e moito voluntarismo.

Destácase a figuras como Reimundo Patiño, Xaquín Marín, o Frente Comixario de Orense, Miguelanxo Prado, salóns como Viñetas dende o Atlántico, a revista Golfiño, David Rubín, Emma Ríos, Manel Cráneo coa editorial Demo, etc.

Saúdos.



luns, 14 de agosto de 2023

Vida e fugas de Fanto Fantini della Gherardesca

Despois de pasar uns días aloxado en Mondoñedo e de cruzarnos todas as noites coa estatua de Álvaro Cunqueiro, estaba claro que, de ser posible, apeteceríame ler algunha obra deste insigne autor. E foi posible (incluso non repertirse) e atopei unha obra en castelán que editou A Voz de Galicia a comezos do século XXI, naquela época na que publicou tantas obras literarias relacionadas con Galicia, seguramente polo magnífico labor de Tucho Calvo. Nesta ocasión foi "Vida e fugas de Fanto Fantini della Gherardesca".

Esta obra trata dos principais feitos da vida do personaxe de Fanto Fantini, un condottiero que vive na Italia do Quattrocento, que nace en 1450 de forma moi fulgurante (un raio tivo que ver co parto no que naceu) e morre a comezos do século XVI en lugar e data sen concretar, con algo de misterio no tema, pero aparentemente relacionado co seu amorío con Cósima Bruzzi, que namorou del subitamente. Despois ela morre, pero non está nada claro se a matou el (como fixo Otelo, referencia constante na novela) ou se foi o marido dela ao saberse cornudo. Fanto morre pouco despois en circunstancias moi ambiguas, e nin sequera se sabe moi ben onde.

Como se menciona nalgún sitio, é curioso que este personaxe foi famoso non polos seus ataques ou victorias, senón polas espectaculares fugas que era capaz de protagonizar, tanto que ata no título do libro se mencionan. Xa por non dicir que tiña un criado chamado Nito que era bastante avispado, un cabalo chamado Lionfante que deu un discurso ante o Senado de Venecia, explicando algunhas peripecias da súa vida, e un can chamado Remo ao que só lle faltaba falar (que máis ou menos o facía). Ou sexa, Cunqueiro en estado puro.

Agora ben, recoñecendo que hai xa tempo que non lía a Cunqueiro, e que era a primeira vez que lía unha obra del en castelán, non me pareceu das súas obras máis brillantes. Se non lembro mal, na miña infancia e adolescencia intentei ler varias obras del, e non me resultaron nada doadas, pero máis adiante si o conseguín e gustáronme moito. E se non me engano, "Merlín e familia" deslumbroume. Se cadra púxome o listón moi alto e agora calquera cousa me decepciona.

Saúdos.



sábado, 12 de agosto de 2023

Sendeirismo na Mariña Central

Agora que xa imos recobrando a normalidade despois da pandemia, volvemos ás nosas tradicionais viaxes. Esta do mes de agosto habitualmente está dedicada ao sendeirismo, e esta vez tamén foi así. Fuxindo un pouco do calor dominante (noutros sitios máis que en Galicia, pero aquí tamén algo) fomos á Mariña Central, facendo base no magnífico Hotel Montero de Mondoñedo. O programa de actividades foi o seguinte:
- Domingo 6: Basicamente dedicamos o día a facer unha sinxela ruta de sendeirismo en Foz, pero moi fermosa. Saíndo da vila pola costa, en dirección oeste (ou sexa, cara a Burela, que se veía alá ao fondo), chegamos ata o castro de Fazouro, pasando por unhas cantas praias do concello. Chegando alí, subimos ao lugar de Lousada e baixamos de novo á desembocadura do río Ouro, onde demos a volta.
- Luns 7: A nosa idea era facer algunha ruta de sendeirismo que nos permitira percorrer e ver o máis salientable do concello de Vilanova de Lourenzá. Pero na oficina de turismo dixéronos que non era en absoluto recomendable, porque debido á elevada actividade madeireira quitábanse moitos dos postes de orientación, e polo tanto era moi difícil completar as rutas. Así que fixemos unha pequena, que era a única que estaba máis ou menos practicable, chegar ata a ponte e a área recreativa de Cazolga. Certo é que case a metade da ruta era por pistas asfaltadas, así que tampouco foi para tanto. O que nos sobrou do día dedicámolo a explorar a vila de Mondoñedo, incluíndo unha demorada visita á Catedral con audioguías, na que aprendemos moito.
- Martes 8: Por razóns que non veñen ao caso, decidimos facer un pequeno parón sendeirista neste día, e dedicamos o día a facer visitas culturais. Comezamos por Vilanova de Lourenzá, onde visitamos o Museo da Faba. A continuación fomos ao concello de Foz para ver a impoñente Basílica de San Martiño de Mondoñedo, que din que foi a primeira catedral da península. Chamoume a atención (porque non o sabía) que cando moveron a sede episcopal para a actual Mondoñedo levaron tamén o topónimo, porque o lugar actualmente chamado Mondoñedo chamábase Vallibria. Despois fomos a Burela para visitar o Barco Museo Boniteiro "Virxe do Carme", que é moi interesante. E rematamos en Alfoz, vendo o Castelo de Castrodouro, unha máis das posesións do Mariscal Pardo de Cela. Dende alí, intentamos chegar de novo (porque xa estivemos hai anos) ao mítico Castelo da Frouseira, pero era xa tarde e fomos dende o concello de Alfoz, dende onde aquela rocha é case inexpugnable. A forma moi doada de acceder en coche é dende o concello de Foz.
- Mércores 9: Para este día anunciaban unha vaga de calor en toda a península e incluso en boa parte de Galicia, pero para iso fomos á Mariña, porque alí é máis doado protexerse diso. Incluso en concellos do "interior" como Mondoñedo anunciaban máximas preocupantes (que ao final non sabemos se chegaron a darse) pero nós fomos facer unha fermosa ruta circular en Burela (de estrutura similar á de Foz do primeiro día). Había algo de nubes e brétema, algo de brisa, non debeu pasar de 25 graos, que delicia!!! Saíndo da oficina de turismo, no porto, fomos camiñando pola costa cara ao oeste, en dirección á fermosísima praia da Marosa. Nos últimos quilómetros dese tramo, cruzámonos varias veces coa plantilla do Pescados Rubén Burela de fútbol sala feminino, que creo que segue sendo o mellor equipo do mundo. Parece que están comezando a pretempada, porque a algunhas víaselles acusar o esforzo. Dende a Marosa subimos polo monte ata o fermoso mirador do Monte Castelo, onde xantamos. E dende alí baixamos á esquina oposta de Burela, pasando pola praia de Areoura e polas zonas de formacións xeolóxicas do Cantiño e Perdouro, chegando de novo ao porto.
- Xoves 10: Pola mañán fixemos uns pequenos traxectos no concello do Valadouro. Primeiro fomos ata a fervenza do Escouridal, que fai fronteira entre os concellos do Valadouro e Alfoz. E dende alí intentamos subir en coche ata o Cadramón, a 1.056 metros sobre o nivel do mar, o pico máis alto da mítica Serra do Xistral. Pero a falsa crenza de que ese pico era o único da serra que tiña antenas de televisión fixo que nos desviásemos e chegásemos ao Alto de Onsolar, a 1.031 metros de altitude, que tampouco está mal. E despois de xantar un bocata xunto ao castelo de Castrodouro, fomos ao colofón desta xeira, que resultou bastante espectacular: a Cova do Rei Cintolo. Nós xa visitamos covas subterráneas en bastantes partes da península, tamén algunha en Portugal e incluso algunha en Iparralde. Pero esta é outra cousa. As outras son visitas de turismo pasivo, pagas unha entrada, entras nun entorno abraiante pero está todo acondicionado para que o fagas con moita comodidade e boa iluminación, para ver ben as marabillas que hai alí dentro. Para entrar na Cova do Rei Cintolo xa te avisan de que tes que estar en boa forma física, que leves roupa normaliña porque seguramente sairá algo sucia, e antes de entrar asinas un papel no que recoñeces que a túa condición física e saúde é a correcta para esa actividade. Póñenche un casco con iluminación, unha rede para o pelo, un mono de gasa para todo o corpo e recomendan botas de auga ou de montaña, ou sexa, calzado que non esvare. E a visita pasa a ser de turismo activo, ou sexa, fas un curso básico nivel 0 de iniciación á espeleoloxía. Vas pasando por galerías de dificultade variada, moi ben presentadas e explicadas polo guía (a nós tocounos un conquense moi simpático chamado Carlos), que aparte de contarche cousas sobre as covas subterráneas, explícache tamén que tes que facer para superar cada galería. Hai tobogáns nos que tes que agarrarte a cordas, tes que trepar, gatear, reptar, etc. Pero pásase moi ben, e segundo avanzas vaslle perdendo o medo á actividade. Do máis recomendable, sempre que a túa condición física e mental che permita afrontar retos así.

É probable que o vindeiro ano volvamos aloxarnos no magnífico Hotel Montero de Mondoñedo para seguir explorando a Mariña Lucense, pero noutros concellos diferentes. Xa veremos que sae.

Saúdos.



venres, 4 de agosto de 2023

A viaxe xeométrica de Domingo Fontán

Seguramente xa comentei aquí que a de Domingo Fontán é unha figura científica galega que me fascina. Xa teño mercado algunha novela máis que tamén fala sobre a súa vida e obra. E volvín intentalo nesta ocasión con este libro, metade ficción e metade divulgativo, da autoría de Alberto Fortes.

A estrutura é curiosa. Os capítulos están numerados de tal forma que os impares contan a historia de ficción e os pares os de non ficción. A historia de ficción está ambientada nos meses nos que foi con José Dionisio Valladares (o pai de Marcial Valladares) á antiga provincia de Tui, para facer o levantamento xeográfico e xeodésico que lle permitiría facer o mapa de toda Galicia posteriormente. 

Tiñan que ir cos seus pesados artefactos ata puntos moi significativos das comarcas, normalmente con boas vistas, para ver dende alí outros puntos senlleiros cercanos, despois ir a estes e medir ángulos e distancias, e tomar nota da colocación das vilas importantes. Tamén tiñan que medir latitudes e lonxitudes, por exemplo de noite coas estrelas. Ou sexa, unha auténtica marabilla. Pateouse o país completo para que Galicia tivera un mapa fiel moito antes que outras zonas máis ricas e poderosas.

Tamén me chamou a atención, porque a verdade é que o tiña bastante esquecido, que o século XIX en España é en Galicia foi un auténtico caos, e conseguir desenvolver calquera actividade era unha odisea tendo en conta a polarización política que existía. E máis para un tipo coma el, que estaba do lado dos liberais, ou sexa, dos máis progresistas. Pero acabou vivindo moitos anos, facendo moitas cousas, e destacando en moitos sectores e saberes moi variados. Todo un sabio.

Saúdos.



Amundsen

Estes días, despois de moito tempo sen facelo, estou buscando nalgunha das plataformas gratuitas que veñen na miña "smart tv" para ver se emiten algunha película interesante. En Rakuten hai bastante mediocridade en xeral, pero con iso de que poñen a nota en IMDB, aínda tes unha referencia. Na aplicación da ETB hai poucas películas e non poñen máis que o título e un fotograma representativo, así que hai que ter bastante puntería para acertar. Pero un día destes atopei unha película que trataba sobre un personaxe do que quería saber máis, e animeime.

"Amundsen" foi unha produción noruega do ano 2019 dirixida por Espen Sandberg. Roald Amundsen está protagoniza por Pal Sverre Hagen, o seu irmán Leon por Christian Rubeck e Katherine Waterston (semella que a única non nórdica dos principais) é a súa última amante.

Obviamente, a película interésame polo gran explorador, pero na película tamén deixan patente que como persoa xa tiña máis aristas. Tivo varias amantes, e parece que todas estaban casadas, pero non semella tampouco que tivera maior intención de formar familia con elas. Por outra banda, preséntano como un ególatra que quería ser aclamado como gran explorador e por chegar de primeiro a lugares moi distantes e illados, e non tiña nin idea de como se financiaban as súas expedicións nin cal era o estado de contas das mesmas. Diso encargábase o seu irmán Leon, e por esa razón acabaron distanciándose.

Seguindo e utilizando algúns recursos doutro gran explorador noruego, Fridtjof Nansen, tiñan a intención de ser os primeiros en pisar o Polo Norte. Pero cando souberon que Peary xa chegara alí antes, decidiron cambiar de plans e atacar o Polo Sur, pero non llo dixeron a ninguén, nin sequera a Nansen, non fora a ser que se negara a axudalos.

E aí chegou a mítica carreira cos ingleses capitaneados por Robert Scott, ao que superaron facilmente. De feito, sempre se mencionou que a planificación e dotación da expedición noruega era moito mellor que a inglesa, sempre que o obxectivo fora chegar primeiros ao Polo Sur, claro. Levaron cans en troques de cabalos, a carga era menor, para a volta sacrificaron algúns dos cans, e outra serie de cousas que eran consideradas indignas polos ingleses, que morreron todos na viaxe de volta. Mira ti para que lles serviu a dignidade aos ingleses.

Despois puxeron en marcha outro dos proxectos de Nansen, aínda que tampouco tiñan moita confianza nel. Foron ao Paso do Noroeste cun novo barco construído para esa expedición, integraron o barco nun banco de xeo flotante coa intención de que as propias mareas o levaran ata o Polo Norte. Tiñan previsto que nuns cinco anos poderían conseguilo, pero estar tanto tempo sen facer case nada no barco debía ser insufrible. Amundsen marchou cando levaban 2 ou 3 anos, boa parte do resto dos tripulantes seguiron ata que embargaron o barco uns anos máis tarde. Como curiosidade, antes de que marchara Roald, apareceu polo barco unha familia inuit con dúas rapazas que foron consideradas fillas del durante varios anos, aínda que despois volvería á súa terra.

E por último chegou a teima de ser o primeiro en sobrevoar o Polo Norte. Conseguiuno en compañía dun italiano chamado Nobile, fixérono nun dirixible. Uns anos máis tarde, Nobile volveu en dirixible á zona e tivo un accidente. Amundsen foi en hidroavión para intentar salvalo, pero parece que foi el o que se matou nun accidente, xa que o seu corpo nunca apareceu. Si apareceu Nobile, e vivo, algún tempo máis tarde.

Saúdos.







Oppenheimer

Supoño que xa dixen aquí nalgún momento que considero a Stanley Kubrick o mellor director de cine da historia. Iso non significa que todas as súas películas me gusten, pero creo que a maioría están moi ben e algunhas son simplemente sublimes, tendo en conta que non fixo demasiadas, só 12 ou 13 en case medio século de carreira. Na miña humilde opinión, o seu relevo no século XXI colleuno Christopher Nolan. E como non puiden ver moitas das súas películas no cine, animeime con esta no verán.

"Oppenheimer" foi dirixida por Christopher Nolan en 2023 (foi estreada hai poucas semanas). O papel principal foi para o irlandés Cillian Murphy (que xa demostrara antes as súas cualidades e aquí tampouco decepciona, en absoluto). Na nómina de secundarios hai un bo feixe, entre os que destacarei a Emily Blunt, Matt Damon, Robert Downey Jr. e Florence Pugh por presenza na película, e a Kenneth Branagh, Matthew Modine e Gary Oldman como ilustres actores que aparecen en pequenos papeis e que aparecen con frecuencia nas películas deste director. Tamén pode poñerse a lista de físicos e químicos ilustres que aparecen nesta película: Oppenheimer, Niels Bohr, Einstein, Richard Feynman, Fermi, Heisenberg, Gödel... sen mencionar os menos coñecidos popularmente pero que despois recibiron o Premio Nobel, que foron uns cantos.

Como a película aínda está nas carteleiras, a historia é relativamente coñecida e non quero destripar demasiado, tampouco desvelarei moito. A cinta trata en torno á historia de Robert Oppenheimer, que non estivo no partido comunista americano, pero si estivo cerca e tivo amantes e familiares que militaron nel. A pesar diso, foi seleccionado para dirixir o proxecto Manhattan, coa idea de crear unha bomba atómica estadounidense. Pero despois do "éxito" tivo problemas no seu propio país porque se desatou a febre do maccarthysmo.

Fálase moito da carreira científica cos alemáns, liderados por Heisenberg, e se cadra tamén cos soviéticos, que eran "aliados" durante a guerra, pero que obviamente non espertaban demasiada confianza. Teoricamente estaban deseñando a bomba para lanzala en Alemania, pero Alemania acabouse rendendo e Hitler suicidándose. E como os xaponeses colleron o relevo bélico e non parecían querer rendirse, a bomba tocoulles a eles.

O máis pesado da película son as investigacións sobre o propio Oppenheimer posteriormente para ver se lle renovan a acreditación máxima de seguridade para seguir dedicándose a esa tarefa. E a investigación máis ou menos paralela a un funcionario do goberno que traballou con el moitos anos e con quen tiña unha relación moi tirante. Aos estadounidenses esas cousas parécenlles interesantísimas, pero creo que a maioría do resto da humanidade non. E a min non, dende logo.

Saúdos.



martes, 1 de agosto de 2023

A fonte da vida

Xa había tempo que non revisaba o catálogo de Rakuten ao que podo acceder dende a miña "smart TV", e fíxeno onte. Aproveitando que poñen a puntuación media que lle dan a cada película en IMDB (que pode resultar razonablemente fiable), estiven mirando e atopei unha que non me soaba ter visto e que tiña unha puntuación bastante alta. E ademais, a sinopse era moi breve e non concretaba nada, pero a pesar de todo, animeime. É unha película bastante rara e pretenciosa, probablemente non deixa indiferente. 

"A fonte da vida" foi dirixida por Darren Aronofsky (que xa ten fama de facer cousas bastante "marcianas") no ano 2006. O protagonismo total é para a parella formada por Hugh Jackman e Rachel Weisz. Do resto do elenco, non destaca ninguén demasiado, chamoume a atención ver a Ellen Burstyn, había moito tempo que non a veía nunha película.

A ver, como explicar de que vai, non é nada doado. Teoricamente é unha alegoría da vida e da morte. Para falar dun tema tan ambicioso, ubica aos dous personaxes principais en varios ámbitos físicos e históricos diferentes. Unha das partes está ambientada no século XVI en España, no que un conquistador chamado Tomás está intentando axudar á raíña Isabel, que está sendo cercada e acosada polo Gran Inquisidor. No tempo actual o científico Tommy investiga en tumores en monos, mentre a súa muller Izzy ten un cancro, e el imaxina se os avances que consegue na súa investigación poderían axudar a curar á súa muller. E ao mesmo tempo, un personaxe similar a Tommy está viaxando polo espacio dentro dunha esfera dentro da cal se atopa unha árbore moi vella, que está intentando salvar, ás veces aparécese unha muller similar a Izzy que parece despistalo. Como vedes, non semella trivial.

Ao final, a investigación con monos semella avanzar, pero Izzy morre antes de que se poidan extraer conclusións. O conquistador vai á civilización maia e atopa a "árbore da vida", que podería axudar á raíña Isabel a recobrar o poder en España, pero o conquistador morre xunto á árbore, case provocado pola súa ansia de vida. O personaxe que ía nunha esfera polo universo choca contra unha estrela que acaba de estoupar, como vaticinaran os maias.

Como vedes, non é cine palomiteiro, dende logo. Pretende transcender, outra cousa é que o consiga.

Saúdos.



Johnny Mnemonic

Nalgunhas cadeas da TDT proxectan esta película con certa frecuencia. Aínda que hai calidades variadas, como en todo, as películas de xénero "cyberpunk", como podería ser esta, adoitan entreterme, así que decidín darlle unha oportunidade. Por certo, en boa parte do mundo hispanofalante a película mantivo o título inglés orixinal, pero noutra parte non puideron resistirse a traducila como "Fuxitivo do futuro", que xa voa algo máis libre. Por certo, está baseada nun conto de William Gibson, seguramente o autor máis destacado da literatura cyberpunk.

"Johnny Mnemonic" foi dirixida en 1995 por un tal Robert Longo. O actor principal é Keanu Reeves (que xa fixera "Speed" pero aínda non "Matrix"). No resto do elenco destacan Dina Meyer, Dolph Lundgren, Ice T e Takeshi Kitano.

No ano 2021 (película feita no 95, futuro non moi lonxano e distopía na que moita xente sufre a mans das grandes corporacións: cyberpunk de libro) a sociedade ten un asulagamento de información electrónica no aire e a metade da poboación ten un síndrome provocado pola gran cantidade de información circulante. Xa non é seguro mandar a información relevante por ningunha vía que non sexan correos humanos, que poden levar unha gran cantidade de información no seu cerebro.

Ese é o caso do protagonista, que acaba de duplicar a capacidade de almacenamento do seu cerebro, e que recibe un novo encargo, e semella moi perigoso porque aínda excede a súa capacidade, o que fai que teña que descargar a información o antes posible para non sufrir ningún "derrame" nin consecuencia terrible.

O caso é que recolle a información en Beijing e morren todos os que lle meteron a información, e a el fáltalle pouco para que lle corten a cabeza (claramente é a súa parte máis valiosa). Ten a orde de levala a Newark, en Nova Iersei, pero non sabe exactamente a onde nin con quen ten que contactar. Resulta que a información era o antídoto para curar ese síndrome que ten tanta xente, pero a "yakuza" contratada por unha poderosa empresa farmacéutica quere evitar que se revele esa información. O correo é axudado por unha guerrilla antisistema e algúns personaxes máis para poder volcar toda esa información e non morrer posteriormente.

Saúdos.



Dr Jekyll e Mr Hyde

Seguindo con esa colección que sacou a Voz de Galicia no ano 2005 e pomposamente denominada "Biblioteca Galega de Clásicos Universais", puiden ler a novela curta "Doutor Jekyll e Mr Hyde", do afamado Robert Louis Stevenson, en tradución ao galego feita por Sara Ruíz Salgado e Xosé Ramón Díaz Fontao.

Robert Louis Stevenson foi o autor de "A illa do tesouro", e xa só por iso, ubícoo no Olimpo dos autores literarios (e non creo que sexa eu o único en facelo). Hai tempo tamén lin un conto titulado "O diaño na botella" que me pareceu fantástico. E esta é a terceira obra que leo del. Esta gustoume pero xa baixou algo o nivel, porque tiña o listón moi alto ata agora. A novela é moi curta, na edición que eu teño apenas chega ás 100 páxina e lese en 2-3 horas sen demasiado problema.

A historia non ten moita chicha nin trama, e ademais é xa moi coñecida. En todas as persoas existe o ben e o mal, e o prestixioso doutor Henry Jekyll conseguiu atopar unha pócima que lle transforma temporalmente en Edward Hyde, un ser repulsivo co que incluso nin sequera garda demasiado parecido, así que ninguén consegue deducir que son a mesma persoa. O problema é que, segundo vai pasando o tempo e experimenta coa pócima, o maligno Hyde cada vez ten máis preponderancia sobre o benigno Henry Jekyll, e cada vez cóstalle máis recuperar a súa condición orixinal.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...