martes, 1 de agosto de 2023

A fonte da vida

Xa había tempo que non revisaba o catálogo de Rakuten ao que podo acceder dende a miña "smart TV", e fíxeno onte. Aproveitando que poñen a puntuación media que lle dan a cada película en IMDB (que pode resultar razonablemente fiable), estiven mirando e atopei unha que non me soaba ter visto e que tiña unha puntuación bastante alta. E ademais, a sinopse era moi breve e non concretaba nada, pero a pesar de todo, animeime. É unha película bastante rara e pretenciosa, probablemente non deixa indiferente. 

"A fonte da vida" foi dirixida por Darren Aronofsky (que xa ten fama de facer cousas bastante "marcianas") no ano 2006. O protagonismo total é para a parella formada por Hugh Jackman e Rachel Weisz. Do resto do elenco, non destaca ninguén demasiado, chamoume a atención ver a Ellen Burstyn, había moito tempo que non a veía nunha película.

A ver, como explicar de que vai, non é nada doado. Teoricamente é unha alegoría da vida e da morte. Para falar dun tema tan ambicioso, ubica aos dous personaxes principais en varios ámbitos físicos e históricos diferentes. Unha das partes está ambientada no século XVI en España, no que un conquistador chamado Tomás está intentando axudar á raíña Isabel, que está sendo cercada e acosada polo Gran Inquisidor. No tempo actual o científico Tommy investiga en tumores en monos, mentre a súa muller Izzy ten un cancro, e el imaxina se os avances que consegue na súa investigación poderían axudar a curar á súa muller. E ao mesmo tempo, un personaxe similar a Tommy está viaxando polo espacio dentro dunha esfera dentro da cal se atopa unha árbore moi vella, que está intentando salvar, ás veces aparécese unha muller similar a Izzy que parece despistalo. Como vedes, non semella trivial.

Ao final, a investigación con monos semella avanzar, pero Izzy morre antes de que se poidan extraer conclusións. O conquistador vai á civilización maia e atopa a "árbore da vida", que podería axudar á raíña Isabel a recobrar o poder en España, pero o conquistador morre xunto á árbore, case provocado pola súa ansia de vida. O personaxe que ía nunha esfera polo universo choca contra unha estrela que acaba de estoupar, como vaticinaran os maias.

Como vedes, non é cine palomiteiro, dende logo. Pretende transcender, outra cousa é que o consiga.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...