venres, 4 de agosto de 2023

Amundsen

Estes días, despois de moito tempo sen facelo, estou buscando nalgunha das plataformas gratuitas que veñen na miña "smart tv" para ver se emiten algunha película interesante. En Rakuten hai bastante mediocridade en xeral, pero con iso de que poñen a nota en IMDB, aínda tes unha referencia. Na aplicación da ETB hai poucas películas e non poñen máis que o título e un fotograma representativo, así que hai que ter bastante puntería para acertar. Pero un día destes atopei unha película que trataba sobre un personaxe do que quería saber máis, e animeime.

"Amundsen" foi unha produción noruega do ano 2019 dirixida por Espen Sandberg. Roald Amundsen está protagoniza por Pal Sverre Hagen, o seu irmán Leon por Christian Rubeck e Katherine Waterston (semella que a única non nórdica dos principais) é a súa última amante.

Obviamente, a película interésame polo gran explorador, pero na película tamén deixan patente que como persoa xa tiña máis aristas. Tivo varias amantes, e parece que todas estaban casadas, pero non semella tampouco que tivera maior intención de formar familia con elas. Por outra banda, preséntano como un ególatra que quería ser aclamado como gran explorador e por chegar de primeiro a lugares moi distantes e illados, e non tiña nin idea de como se financiaban as súas expedicións nin cal era o estado de contas das mesmas. Diso encargábase o seu irmán Leon, e por esa razón acabaron distanciándose.

Seguindo e utilizando algúns recursos doutro gran explorador noruego, Fridtjof Nansen, tiñan a intención de ser os primeiros en pisar o Polo Norte. Pero cando souberon que Peary xa chegara alí antes, decidiron cambiar de plans e atacar o Polo Sur, pero non llo dixeron a ninguén, nin sequera a Nansen, non fora a ser que se negara a axudalos.

E aí chegou a mítica carreira cos ingleses capitaneados por Robert Scott, ao que superaron facilmente. De feito, sempre se mencionou que a planificación e dotación da expedición noruega era moito mellor que a inglesa, sempre que o obxectivo fora chegar primeiros ao Polo Sur, claro. Levaron cans en troques de cabalos, a carga era menor, para a volta sacrificaron algúns dos cans, e outra serie de cousas que eran consideradas indignas polos ingleses, que morreron todos na viaxe de volta. Mira ti para que lles serviu a dignidade aos ingleses.

Despois puxeron en marcha outro dos proxectos de Nansen, aínda que tampouco tiñan moita confianza nel. Foron ao Paso do Noroeste cun novo barco construído para esa expedición, integraron o barco nun banco de xeo flotante coa intención de que as propias mareas o levaran ata o Polo Norte. Tiñan previsto que nuns cinco anos poderían conseguilo, pero estar tanto tempo sen facer case nada no barco debía ser insufrible. Amundsen marchou cando levaban 2 ou 3 anos, boa parte do resto dos tripulantes seguiron ata que embargaron o barco uns anos máis tarde. Como curiosidade, antes de que marchara Roald, apareceu polo barco unha familia inuit con dúas rapazas que foron consideradas fillas del durante varios anos, aínda que despois volvería á súa terra.

E por último chegou a teima de ser o primeiro en sobrevoar o Polo Norte. Conseguiuno en compañía dun italiano chamado Nobile, fixérono nun dirixible. Uns anos máis tarde, Nobile volveu en dirixible á zona e tivo un accidente. Amundsen foi en hidroavión para intentar salvalo, pero parece que foi el o que se matou nun accidente, xa que o seu corpo nunca apareceu. Si apareceu Nobile, e vivo, algún tempo máis tarde.

Saúdos.







Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...