martes, 1 de agosto de 2023

Johnny Mnemonic

Nalgunhas cadeas da TDT proxectan esta película con certa frecuencia. Aínda que hai calidades variadas, como en todo, as películas de xénero "cyberpunk", como podería ser esta, adoitan entreterme, así que decidín darlle unha oportunidade. Por certo, en boa parte do mundo hispanofalante a película mantivo o título inglés orixinal, pero noutra parte non puideron resistirse a traducila como "Fuxitivo do futuro", que xa voa algo máis libre. Por certo, está baseada nun conto de William Gibson, seguramente o autor máis destacado da literatura cyberpunk.

"Johnny Mnemonic" foi dirixida en 1995 por un tal Robert Longo. O actor principal é Keanu Reeves (que xa fixera "Speed" pero aínda non "Matrix"). No resto do elenco destacan Dina Meyer, Dolph Lundgren, Ice T e Takeshi Kitano.

No ano 2021 (película feita no 95, futuro non moi lonxano e distopía na que moita xente sufre a mans das grandes corporacións: cyberpunk de libro) a sociedade ten un asulagamento de información electrónica no aire e a metade da poboación ten un síndrome provocado pola gran cantidade de información circulante. Xa non é seguro mandar a información relevante por ningunha vía que non sexan correos humanos, que poden levar unha gran cantidade de información no seu cerebro.

Ese é o caso do protagonista, que acaba de duplicar a capacidade de almacenamento do seu cerebro, e que recibe un novo encargo, e semella moi perigoso porque aínda excede a súa capacidade, o que fai que teña que descargar a información o antes posible para non sufrir ningún "derrame" nin consecuencia terrible.

O caso é que recolle a información en Beijing e morren todos os que lle meteron a información, e a el fáltalle pouco para que lle corten a cabeza (claramente é a súa parte máis valiosa). Ten a orde de levala a Newark, en Nova Iersei, pero non sabe exactamente a onde nin con quen ten que contactar. Resulta que a información era o antídoto para curar ese síndrome que ten tanta xente, pero a "yakuza" contratada por unha poderosa empresa farmacéutica quere evitar que se revele esa información. O correo é axudado por unha guerrilla antisistema e algúns personaxes máis para poder volcar toda esa información e non morrer posteriormente.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...