venres, 4 de agosto de 2023

A viaxe xeométrica de Domingo Fontán

Seguramente xa comentei aquí que a de Domingo Fontán é unha figura científica galega que me fascina. Xa teño mercado algunha novela máis que tamén fala sobre a súa vida e obra. E volvín intentalo nesta ocasión con este libro, metade ficción e metade divulgativo, da autoría de Alberto Fortes.

A estrutura é curiosa. Os capítulos están numerados de tal forma que os impares contan a historia de ficción e os pares os de non ficción. A historia de ficción está ambientada nos meses nos que foi con José Dionisio Valladares (o pai de Marcial Valladares) á antiga provincia de Tui, para facer o levantamento xeográfico e xeodésico que lle permitiría facer o mapa de toda Galicia posteriormente. 

Tiñan que ir cos seus pesados artefactos ata puntos moi significativos das comarcas, normalmente con boas vistas, para ver dende alí outros puntos senlleiros cercanos, despois ir a estes e medir ángulos e distancias, e tomar nota da colocación das vilas importantes. Tamén tiñan que medir latitudes e lonxitudes, por exemplo de noite coas estrelas. Ou sexa, unha auténtica marabilla. Pateouse o país completo para que Galicia tivera un mapa fiel moito antes que outras zonas máis ricas e poderosas.

Tamén me chamou a atención, porque a verdade é que o tiña bastante esquecido, que o século XIX en España é en Galicia foi un auténtico caos, e conseguir desenvolver calquera actividade era unha odisea tendo en conta a polarización política que existía. E máis para un tipo coma el, que estaba do lado dos liberais, ou sexa, dos máis progresistas. Pero acabou vivindo moitos anos, facendo moitas cousas, e destacando en moitos sectores e saberes moi variados. Todo un sabio.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...