luns, 17 de maio de 2021

Os surfistas nazis deben morrer

Si, si, isto precisa moitas explicacións, non sei por onde comezar. Por facelo por algún sitio, este mes en R teñen o canal Surf Channel en promoción. Ese tema non me interesa o máis mínimo, pero algún día mirei que tipo de contidos podían botar aí, e vin que tamén había películas (algunha haberá, supoño). E tamén me fixei que repetían cada 2-3 días a titulada "Os surfistas nazis deben morrer".

Iso lembroume algo. Hai un par de anos fun a un divertido concerto do grupo galego A Familia Caamagno, e tocaron unha canción titulada "Os surfistas nazis" (penso que a teño escoitado nalgún dos seus discos). No concerto dixeron algo sobre ela, que estaba baseada nunha película, ou algo así, pero esquecino completamente, ata que sucedeu o que contei no parágrafo anterior.

E cando ía vela hoxe, algún presentador dese canal falou algo sobre a película. Dixo que era dunha productora estadounidense chamada Troma, que se especializou en facer películas de serie Z, moi malas, sen apenas orzamento, equipos nin cerebro de ningún tipo. E iso tamén me soaba, un colega que lle molaban esas cousas faloume desa productora hai xa décadas. Así que se unían todos os puntos.

A película é do ano 1987 e é un auténtico desastre. A trama é totalmente absurda. Di que hai un terremoto na costa oeste dos Estados Unidos, e as praias de California quedan baixo o control e vixilancia duns surfistas nazis. É todo moi cutre, porque o grupo só o forman seis surfistas, e teñen un grupo doutros 6-7 nenos seguidores. Enfróntanse a unha banda de 3 surfistas samurais (orientais, claro), outros 3 que lles chaman Deseñadores, e outros 3 que lles chaman Tubeiros. Se cadra estou esquecendo a algunha banda, pero dá igual. A pesar de que todas se unen contra eles, danlles unha paliza a todos. Pero quen acaba con eles é unha vella muller negra, que se vinga de que os surfistas nazis mataron ao seu fillo, que defendeu a un neno na praia. Xa digo, toda unha experiencia.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...