luns, 17 de maio de 2021

O día de mañá

Hai anos descubrín case de casualidade a un magnífico escritor español. Chámase Ignacio Martínez de Pisón, naceu en Zaragoza en 1960, e a finais dos 80 ou comezos dos 90, no Círculo de Lectores, promocionaron as súas primeiras obras, como fixeron con tanta outra xente. Eu merqueinas e alucinei bastante. Seguen por casa e algún día relereinas, aínda que seguro que xa non me causarán a mesma impresión. Durante estes 30 anos, merquei algunha obra máis, que apenas lembro, pero sei que me deixou boas sensacións. E hai case 10 anos merquei a que naquel momento presentaba, titulada "O día de mañá". Non lle tocou ser lida ata agora, hai moita competencia na miña estantería.

Trata sobre un personaxe chamado Justo Gil Tello. Chega de Aragón a Barcelona a comezos dos anos 60. Chega acompañado da súa nai impedida, que case non se entera de nada, e entrégase e desvívese por ela. Contacta con algún familiar lonxano, que lle vai facendo algún favorciño para localizar un pequeno lugar onde vivir e como conseguir os primeiros traballos. Justo é un tipo espabilado e vai progresando axiña, parece que ten moi boas dotes comerciais.

Pero sendo moi bo no tema comercial, é tamén moi ambicioso, e cando está metido nun negocio, sempre ve ideas para ir ampliando negocios e dedicándose a outras cousas, para intentar medrar. E iso fai que se convirta nun estafador, primeiro, que acabará denunciado por esa razón. E despois chegará a ser confidente da policía. E cando está niso, morre Franco, as pezas do taboleiro comezan a moverse, e incluso se mete nas cuadrillas neofascistas que se moven por Barcelona, con final tráxico a finais dos 70.

A historia está moi ben contada, porque xa o dixen, este escritor escribe moi moi ben. E é moi curioso o recurso dos narradores. Hai doce narradores diferentes, que son personaxes que tiveron máis ou menos contacto con el en Barcelona, e que van contando a historia de Justo ao relatar o contacto que tiñan con el. Un xeito moi intelixente de facelo. Recomendo a novela, e case calquera deste tipo, porque dubido que decepcione.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...