sábado, 18 de setembro de 2021

Sinais

Recoñezo que tiña unha certa curiosidade por ver esta película. Xa me soaba algo que trataba sobre extraterrestres, como así é, pero o seu director é un tipo peculiar que nas súas películas sempre ofrece cousas que se saen do convencional, así que lle dei unha oportunidade.

Foi dirixida en 2002 por M. Night Shyamalan (director de orixe hindú que uns anos antes sorprendeu con "O sexto sentido"). Os actores e actrices protagonistas interpretan aos catro integrantes da estraña familia: Mel Gibson, Joaquin Phoenix e os nenos Rory Culkin (irmán de Macauley) e Abigail Breslin. O resto son secundarios case sen presenza.

Basicamente podemos dicir que esta familia vive nunha casa no medio dunha plantación de millo. E dende o comezo, senten como unha presenza que os axexa, e descubren uns estraños sinais na plantación, unhas formas xeográficas perfectas, moi difíciles de facer por humanos, aínda que sospeitan dalgúns gamberros da comarca, e que apareceron en varios lugares do planeta, non só alí. Algún integrante da familia e outras persoas nos medios de comunicación comezan a crer inmediatamente que son posibles planos e indicacións para unha invasión alieníxena, como finalmente se confirma.

Pero se cadra, o máis peculiar é a familia. O pai (Mel Gibson) é un ex-predicador que perdeu a fe debido á recente morte da súa muller nun terrible accidente de tráfico. O veterinario da zona quedou durmido ao volante e atropellouna cando estaba dando un paseo. O predicador chegou xusto para escoitar as súas últimas palabras. O seu irmán (Joaquin Phoenix) volveu para casa a botar unha man cando morreu a súa cuñada. Non parece ter moitas luces. Foi unha promesa das ligas menores de beisbol, pero finalmente quedou en nada.

E despois están os dous nenos. O fillo maior (Rory Culkin) ten asma, dificultades para respirar, e semella un pouco friki. Así que cando comezan a suceder os feitos, vai á biblioteca a buscar libros que falen sobre extraterrestres e mergúllase nese coñecemento, resultando moi doado convencer a xente como o seu tío. E aínda máis rara é a filla pequena (Abigail Breslin), aínda que a súa rareza principal é que cre que toda a auga está contaminada, e ten a casa chea de vasos de auga dos que non bebe case nada por esa suposta contaminación que ninguén detecta. Pero nada, permítenlle esa rareza porque tampouco destaca tanto nesa casa.

As escenas finais son moi curiosas, porque todas esas cousas raras conflúen nunha solución moi acaída para a historia. Os extraterrestres finalmente marchan, pero semella que algún deles queda aquí esquecido, e mira ti por onde, xusto vai á súa casa para facer a súa última maldade. Nos últimos tempos soubérase que raptaran e mataran a algunha xente botándolle algún veleno gaseoso que levan no seu interior, e tamén que non lles gustaba demasiado a auga da Terra, porque sempre atacaban en zonas de interior.

O alien intenta raptar ao fillo maior e insuflarlle o seu veneno, pero como tivo un ataque de asma, ten os pulmóns pechados e o veneno non entra, polo que non morre. O irmán, lembrando o seu pasado como bateador, colle un bate que hai pola casa, e golpea ao invasor con todas as súas forzas en numerosas ocasións. E por se non chegara con iso, os numerosos vasos mediados de auga que enchían a casa, van caendo sobre o invasor, co dano que iso lle fai. Hai que recoñecelo: curioso final que non se podía prever.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...