sábado, 18 de setembro de 2021

Lady Falcón

A mediados dos 80 tivo unha certa fama a película "Lady Falcón". A historia podía resultar algo intrigante e atractiva, interesante en efectos especiais (que agora abochornan) e lanzou á fama a unha fermosísima actriz estadounidense, acompañada por un actor holandés que tamén o estaba petando na época. E todo iso aderezado cunha banda sonora moi típica daquela década. Ou sexa, tíñao todo para triunfar, máis ou menos o fixo, e converteuse nunha película de culto.

Foi dirixida en 1985 por Richard Donner. Os tres actores principais son Matthew Broderick, Rutger Hauer e Michelle Pfeiffer. Matthew Broderick, ou é un actor mediocre, ou todos os papeis que fai son insustanciais, como neste caso. Rutger Hauer acaba de rodar uns anos antes "Blade runner" e estaba no cumio da onda. E Michelle Pfeiffer é unha gran actriz adornada cunha grande beleza, así que causou sensación. E a música da película é de The Alan Parson Project, así que ver esta película resulta unha viaxe ao pasado total. Iso si, na música parece que participou todo o mundo agás o propio Alan Parsons (que andaba liado daquela) e o cantante Eric Woolfson, porque a música era toda instrumental.

O máis interesante da película, para min con diferenza, e supoño que para moitos, é a romántica historia da maldición que bota o bispo sobre os dous amantes, para que nunca máis poidan verse nin tocarse. Está de máis dicir, despois disto, que transcorre durante a tebrosa Idade Media. El, Ettienne de Navarre, era o xefe da garda do bispo de Aquila, e agora viste sempre de negro, vai sobre un cabalo negro, está sempre fuxindo e acompañado por un falcón. Ela, Isabeau, era a súa namorada, pero a súa beleza deslumbrou tamén ao bispo, que non puido soportar que ela quixese a outro home. E fixo que ela só tivera a súa forma humana pola noite, e sempre ía acompañado por un terrible lobo negro. Os máis espabilados xa pillaríades que o falcón era ela durante o día, e o lobo era el durante a noite. No amencer e no solpor crúzanse os seus destinos. A película trata do intento de vencer a maldición, e ao final conségueno, obviamente.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...