mércores, 25 de agosto de 2021

Indiana Jones e o Templo maldito

Como xa teño dito aquí nalgunha ocasión, as películas de aventuras non me desagradan, e dentro delas, as de Indiana Jones non son das peores, obviamente. Así que aproveitei para ver "Indiana Jones e o templo maldito", que non me soaba demasiado. Despois de vela, si me soaban algunhas cousas do final, pero o demais en absoluto.

"Indiana Jones e o templo maldito" podería terse titulado "Indiana Jones e o tempo da perdición", como en Hispanoamérica. O que está claro é que a palabra "doom" sempre fai referencia a algo máis chungo, que pode interpretarse como fatalidade, perdición, destino (pero malo), condena, sentencia, morte, destrucción... Ou sexa, unha palabra moi polisémica, en España optaron pola maldición.

Foi dirixida por Steven Spielberg en 1984. Foi a segunda da saga, pero teoricamente foi unha precuela da primeira. O guionista principal foi George Lucas. Os actores principais foron Harrison Ford, Kate Capshaw (casualmente uns anos máis tarde casou co director) e un rapaz de orixe vietnamita, Jonathan Ke Quan (que tamén estivo nos Goonies).

A historia é bastante simple. Indiana está facendo cafradas das súas en Shanghai, e cando consegue fuxir, de milagre, é nun avión que se estrela pouco despois. Cae na India xunto cunha bailarina e modelo que coñeceu en China, e un rapaz ao que chama Tapón que é bastante espabilado.

Dan cunha aldea hindú onde están moi tristes porque lles levaron todos os nenos e unha pedra sagrada que presidía a aldea, e saben que foron a un determinado templo moi doado de localizar. Chegan alí e, aparentemente, os aloxan con todo tipo de luxos, pero casualmente descubren uns pasadizos ocultos onde comproban que realmente se están facendo cultos de sacrificio moi chungos para dominar á poboación local e seguramente a outros reinos e países. Obviamente, ganan os bós, seguro que ninguén o dubidaba.

Aventuras non faltan, pero en xeral, a historia pareceume bastante frouxa. Ademais, os dous personaxes que máis compañía lle fan a Indiana son bastante planos e estúpidos, e as actuacións dos respectivos actores non me convenceron demasiado. Así que me decepcionou un pouco. Soábanme sobre todo as esceas do final fuxindo nas vagonetas da mina.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...