mércores, 25 de agosto de 2021

Viaxe ao fondo do mar

O artigo que escribín xusto antes deste (pero que no blog aparece xusto debaixo) fai referencia á primeira das dúas películas que botaron nunha tarde de agosto nunha cadea fascistoide da televisión española. Esta segunda tiña o mesmo director e coincidían varios actores secundarios, pero a temática era totalmente diferente e era algo mellor de calidade.

"Viaxe ao fondo do mar" (primeiro esta película e uns anos despois unha serie) foi dirixida en 1961 por Irwin Allen e tiña varios protagonistas coñecidos no seu elenco. O principal era Walter Pidgeon, destacaba tamén Joan Fontaine, e había algún secundario de luxo, como Peter Lorre.

Un submariño nuclear estadounidense chamado Seaview está facendo un percorrido de exploración con políticos e técnicos supervisando o seu funcionamento. Cando están sumerxidos, pasa algo estraño na superficie da terra que está facendo subir moitísimo a temperatura na atmósfera e os científicos do mundo non saben que facer para resolvelo.

Pero mira ti por onde, que o eminente científico que dirixe este submariño, que tamén é moi prepotente intelectualmente, cre ter unha solución para resolver ese problema climático. Toda a comunidade científica está en contra del e incluso o consideran un tolo. Tanto é así, que intentan boicotear a súa proposta dende dentro e dende fóra do submariño. E incluso entre os seus subordinados comeza a correrse a voz de que está tolo, e intentan depoñelo.

O caso é que consegue saírse coa súa, e dispara un torpedo nuclear contra a atmósfera nun determinado momento e nun determinado lugar, segundo dixeran os seus cálculos. En ningures se explica por que había que facer iso exactamente, pero a soberbia estadounidense que resolve os problemas de todo o mundo é así.

Bo entretemento, con algo ou bastante máis calidade que a outra película daquela tarde (artigo seguinte no blog) pero o tufiño ideolóxico yanki xa marea.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...