mércores, 25 de agosto de 2021

Hulk

Este vai ser un artigo ben curioso, porque fala sobre dúas películas de cine que me lembraron unha serie de televisión de hai décadas, e todo iso estaba baseado nun cómic de Marvel, pero de forma moi libre.

Comecemos coa serie. A finais dos anos 70 e comezos dos 80 triunfou a serie de televisión "O incrible Hulk". Despois de ver as películas, non lembro de que trataría exactamente cada capítulo, pero o caso é que un científico chamado Bruce Banner ten un accidente no seu laboratorio e exponse a unha gran cantidade de radiación gamma. En condicións normais debería morrer, pero estrañamente non o fai, e segue facendo unha vida aparentemente normal. Pero cando se excita moito, o seu corpo transfórmase nunha bestia imparable de cor verde, que obviamente resolve todo a leches durante uns minutos, ata que lle baixa esa excitación. Coa precariedade de medios técnicos daquela época, tiñan que resolver a transformación mediante o uso de dous actores. Bill Bixby era o actor que representaba a Bruce Banner cando estaba normal e o culturista Lou Ferrigno era Hulk cando estaba cabreado.

A comezos do século XXI, despois de varias décadas de esquecemento, a varios estudios de Hollywood se lles ocorreu que había que facer novas versións desta historia. Os medios técnicos xa melloraran moito e Hulk xa podía facerse por ordenador. Seguramente por iso Hulk xa era unha bestia de 3 ou 4 metros de altura (na serie dos 80 non podían permitirse iso, obviamente). Casualmente, Lou Ferrigno aparece nas dúas películas facendo un brevísimo papel secundario, sempre como garda de seguridade, e nunha delas acompañado por Stan Lee, mito do cómic estadounidense, que supoño que é o creador do superheroe. Bill Bixby xa non puido participar porque morreu nos anos 90.

As dúas películas son diferentes. A de 2003 remóntase incluso á figura do pai de Bruce, David, que tamén era científico e que xa fixo experimentos no seu propio corpo coa radiación gamma, e que lle pasou esas malformacións ao seu fillo Bruce, que este desconecía. Bruce sofre despois a descarga, e a todos lles estraña que non morra, pero despois descubren que foi o que pasou. Na película de 2008 a historia xa está máis avanzada. Xa non explican como sucedeu todo o anterior, senón que Bruce está fuxido e oculto en Brasil, e está intentando atopar un antídoto para curarse. Pero os "malos" do exército localízano para intentar eliminalo ou melloralo como arma infalible, e incluso lle crean un antagonista similar, un auténtico disparate.

Agás a coincidencia simpática de Lou Ferrigno como secundario nas dúas películas, o resto da ficha técnica é totalmente diferente. Vouna poñendo aquí en orde cronolóxica:

- Dirección: Ang Lee e Louis Leterrier

- Bruce Banner: Eric Bana e Edward Norton

- Betty Ross (ex-moza de Bruce): Jennifer Connelly e Liv Tyler

- Thunderbolt Ross (pai de Betty e ex-xefe de Bruce): Sam Elliott e William Hurt

- Na primeira aparece Nick Nolte facendo de fai de Bruce, e na segunda aparece Tim Roth facendo dun militar mercenario chalado que se acaba convertendo no antagonista de Hulk, nun experimento aínda máis disparatado.

Despois de 40 anos sen ver nada desta historia, fíxome certa graza ver estas dúas películas en noites consecutivas na mesma cadea de televisión. Agora haberá que descansar unhas décadas máis.

Saúdos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...