domingo, 29 de agosto de 2021

Infamia

Ledicia Costas é unha escritora galega de bastante éxito coa que tiven a fortuna de falar varias veces, semella unha persoa moi afable. Triunfa especialmente na literatura infantil e, polo visto, ten cada vez máis tendencia a tratar temáticas nas que está moi presente a morte. Seguro que alguén pode pensar que é un tema inapropiado para os infantes, pero como o trata dende un punto de vista simpático e desmitificador, parece que o efecto é exactamente o contrario, aos rapaces encántalles. Pero nos últimos tempos decidiu dar o paso e escribir unha novela aparentemente destinada ao público adulto e publicou este libro do que vos vou falar, "Infamia". Parece que está gustando bastante. Podería dicirse que é unha novela de intriga, non sabería se dicir que é novela negra, esas etiquetas son algo flexibles.

Emma Cruz é unha avogada que chega a unha vila chamada Merlo para facer unha substitución na súa Facultade de Dereito como profesora de Dereito Penal. Realmente tamén vai fuxindo dunha estraña relación cun antigo mozo que está casado e que sempre lle está dicindo que vai divorciarse para irse con ela (pero ao final nunca o fai), que incluso provocou que rachara a súa última relación amorosa, que xa duraba uns cantos anos.

Esta vila de Merlo está inmersa nun estraño ambiente, tanto social como climático. Hai 25 anos desapareceron dúas irmás, Sofía e Branca, de 14 e 6 anos, das que non se sabe nada. Moita xente di que, dende que sucedeu iso, unha mesta brétema baixa con moita máis frecuencia da que había antes. E ademais, o ambiente entre algunhas persoas da vila, principalmente do barrio onde vivían todos os implicados (e onde tamén se aloxa Emma Cruz nos meses nos que transcorre a novela), enrareceuse moito. Todo o mundo semella saber ou intuír máis do que di, pero todo parece indicar que aquel terrible enigma non ten solución.

Como era previsible, Emma comeza a meter os narices no caso, porque a súa chegada xusto coincide coa celebración do 25 aniversario da desaparición. Ademais, non sei se a vila é pequena ou é casualidade, pero axiña coñece en persoa a moitas das persoas implicadas no caso (aínda que ela non o sabe no momento de coñecelos).

Como a novela é bastante recente, non vou desvelar moito máis da trama, e xa podo comezar aquí a analizar as características da novela. Unha cousa que me chamou a atención é que a solución principal a todo o enigma xa a desvela a autora cando vai un tercio da mesma. Teño que recoñecer que me sorprendeu e non entendía moi ben a que se debía iso. Entón comecei a ver que ese era o enigma principal, aínda que había máis detalles que saber dese tema que só se saben ao final, pero é que ademais nesa opresiva vila hai outros feitos tamén feos que estiveron pasando nas últimas décadas, e que están en parte relacionados co tema principal, polo menos porque toca a algúns dos protagonistas.

En definitiva, non me pareceu unha marabilla, pero si recoñezo que o pasei ben lendo a novela, aínda que sigo sen entender moi ben por que non se tirou máis dalgúns fíos, se o enigma principal non estaría mellor desvelalo máis cerca do final, e penso na posibilidade de que se lle podería sacar máis partido aos múltiples fíos que se abren. Pero tampouco son eu un experto neste tipo de tramas e novelas, e se cadra a resolución si foi correcta e brillante. A min non me desagradou pero tampouco me deslumbrou demasiado, e teño a firme sensación de que se podería ter feito algo máis e diferente.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...