domingo, 2 de xullo de 2023

Bonnie & Clyde

Un día destes (ata xuraría que foi na noite de San Xoán, celebración que non me agrada e na que prefiro quedar na casiña) deume por ver de novo unha película da colección "Cine de ouro". Xa comentei máis veces aquí que me gustan bastante as películas desa colección que me regalaron, porque aparte de ser películas clásicas moi boas (en xeral), traen un caderniño que explica moitas vicisitudes da película ben interesantes. Supoño que agora moitos deses datos veñen na Wikipedia ou en webs especializadas en cine, pero a min ségueme gustando máis lelo en papel.

Foi dirixida en 1967 por Arthur Penn e o protagonismo total foi, obviamente, para Warren Beatty e Faye Dunaway. Estiveron secundados por Michael J. Pollard, Gene Hackman, Estelle Parsons, Denver Pyle, Dub Taylor e Gene Wilder. Claro, xa pasaron 56 anos dende a súa presentación e non é doado decatarse que foi a película onde se converteron en estrelas varios destes actores, que despois tiveron unha exitosa carreira. Polo visto, marcou unha época, entre outras cousas, polo alto nivel de violencia, sobre todo da última escena, que semella moi fiel á realidade. Non sei de que se escandalizan, se é unha historia tipicamente estadounidense, e a violencia é un dos elementos máis salientables da súa cultura. Tamén estiven mirando a historia dos ladróns verdadeiros, e semella que a película é bastante fiel á realidade, aínda que con certos matices.

A película basicamente conta a historia, breve, do coñecemento e vida en común de Bonnie Parker e Clyde Barrow, unha parella que lideraron unha banda de delincuentes que funcionou no suroeste de Estados Unidos a comezos da década dos 30. Eles tiñan pouco máis de 20 anos e acaba de producirse o crack do 29, así que a situación económica do país era nefasta. Polo que contan na película, e parece que era bastante real, a delincuencia estaba bastante xeralizada, e había moita xente nova que pasaba polo cárcere por razóns variadas, así que xa non era ningún estigma social.

Bonnie quere estar cun home que a saque da aburrida vida de camareira, e Clyde pode ofrecerlle algo así. Pero Clyde déixalle claro que non lle gustan os compromisos sentimentais (nas primeiras versións do guión insinuábase que podía ser homosexual, despois deixárono simplemente en que era impotente; non me consta que na realidade sucedera nada así).

Así que comezan a dar golpes. Na película parece que son especialistas en bancos, pero polo visto, na vida real, tamén atracaban moitos comercios e gasolineiras. Van deixando un regueiro de feridos e mortos das súas correrías. Pouco despois únese outro integrante á banda, C.W. Moss, que traballaba nunha gasolineira, para facer sobre todo de condutor e mecánico. E despois atópanse con Buck (irmán de Clyde) e a súa muller Blanche. Buck é outra "boa peza", pero a súa muller non encaixa para nada no grupo, semella ser boa persoa, pero vese abocada a pertencer á banda de delincuentes.

Van tendo diferentes atracos e incidentes, entre eles un cun axente de policía ao que humillan pero cometen o erro de non matar. Están a punto de pillalos en varias ocasións, por exemplo en casas nas que paran para descansar da vida de atracos, pero sempre conseguen escapar, pero a súa nomina de mortos vai crecendo.

Nun determinado momento, achéganse á casa onde aínda vive o pai de C.W. Moss, que os acolle aparentemente con cariño. Pero o pai de C.W. quere que deixe esa vida e se separe deses asasinos, así que pacta co policía ao que humillaron algún tempo antes unha forma de pillar a Bonnie e Clyde deixando libre ao seu fillo. O policía chegou ata o pai de C.W. porque conseguíu que Blanche, que está nun hospital recuperándose das lesións dos últimos atracos, lle dixera como se chamaba o principal cómplice da parella. Preparan entón unha trampa para collelos unha mañán e os acribillan con ametralladoras nunha estrada, cando aínda están subidos no seu coche.

En definitiva, a biografía duns "mataos" que en Estados Unidos, por algunha razón que non consigo entender, eran considerados como os sucesores de Robin Hood. Vale que era a época da depresión, que os bancos non tiñan moi boa prensa (como debe ser), e que os bancos incluso podían ser considerados representantes dun goberno corrupto, pero polo que me pareceu ver, esta banda non roubaba bancos para axudar a xente máis pobre ca eles. Eles eran pobres e intentaban saír adiante roubando bancos, e nin sequera así o conseguían. Ou sexa, de novo unha mitificación dos mediocres.

Saúdos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...