domingo, 12 de marzo de 2023

Psicose

Que dicir desta película!! Xa a vin unhas cantas veces, pero había moito tempo que non o facía, así que tocaba repetir. Deberon botala no espazo de cine clásico da 2, lugar sempre fiable.

Foi dirixida en 1960 por Alfred Hitchcock, e os papeis principais foron para Anthony Perkins, Vera Miles, John Gavin, Martin Balsam e Janet Leigh. Si, eu son un deses que considera que Anthony Perkins debe estar algo "pallá" e que non lle costou nada representar este papel. A verdade é que o vin en moi poucas películas máis, pero creo que sempre fixo de papeis de tipos desequilibrados, e por algo será, digo eu.

Supoño que xa coñecedes a historia. Unha administrativa que necesita uns cartos para facer uns plans co seu mozo, decide roubalos cando o seu xefe llos confía para pechar un negocio do traballo. Ela ve a oportunidade perfecta, e como é moi eficiente, ninguén desconfía dela. Decide fuxir sen dicirllo nin sequera ao seu mozo.

Fuxe nunha noite moi treboenta e chega de casualidade a un motel de estrada case abandonado, que está case baleiro. Decide parar alí porque está moi cansa e vai moi mala noite. Colle unha habitación e está a piques de cear algo co encargado do motel, Norman Bates, pero finalmente déixano porque escoita unha discusión entre Norman e a súa nai, a quen non agrada a presenza da muller. Vaise dar unha ducha, pero é atacada e asasinada durante a mesma, por alguén que podería parecer a nai de Norman, pero que obviamente é o propio Norman Bates (supoño que 63 anos despois xa non é un "spoiler").

Un detective contratado pola empresa que perdeu os cartos vai seguindo o fío, e chega tamén ao motel. Semella que vai averiguar algo, pero morre asasinado antes de conseguilo. A irmá e o mozo da muller asasinada tiñan información do detective, e tamén chegan alí. Están a piques de morrer asasinados por Norman, pero finalmente acaban reducíndoo e conseguen que sexa detido. Aí descúbrese que Norman asasinara á súa nai e ao seu amante, pero como se sentía moi só e arrepentido, desenterrou á nai e finxiu que seguía viva. A súa mente estaba xa totalmente posuída por ela.

Hai moitas anécdotas curiosas sobre esta película, pero moitas xiran en torno á famosa escena da ducha. Aparte da súa complexidade técnica, da cantidade de planos e do tempo que levou rodala, tamén é moi curioso que foi moi transgresora porque nesa escena o director e os guionistas mataron, cando ía menos de media película, á protagonista da historia. Daquela non estaban afeitos a eses brutais xiros de guión.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...