sábado, 30 de outubro de 2021

Ti e máis eu

No espazo "Días de cine clásico", que botan os luns pola noite na 2, agora están cun ciclo sobre Cary Grant. A última semana botaban "Ti e máis eu" (despois comentarei máis sobre este pouco acertado título), unha comedia romanticona pastelosa que me interesou bastante pouco. Polo visto, Grant era un sex-symbol que pegaba moi ben en historias románticas ou de comedia. Aínda así, eu lembro máis os papeis con Hitchcock, por exemplo.

Esta película foi dirixida en 1957 por Leo McCarey, para total lucimento da namorada parella protagonista, Cary Grant e Deborah Kerr. Unha cousa que me chama moito a atención é que este mesmo director fixo unha primeira versión cinematográfica desta mesma historia en 1939, naquel momento con Irene Dunne e Charles Boyer como estrelas. A historia ten algunha chicha, pero tampouco creo eu que sexa para tanto.

Ah, si, o título. Parece que tanto nas versións de 1939 como esta de 1957 decidiron titulalas en España "Tú y yo". A esta versión en México e Arxentina decidiron titulala "Algo para recordar", un título bastante fiel ao orixinal. Aínda que calquera deles tampouco é que me diga demasiado. A verdade, non teño nin idea de que título lle poñería eu a esta película, se alguén me dera esa potestade.

Nun transatlántico que vai de Europa a Nova Iork viaxan Nico, un pintor que é coñecido mundialmente como sex-symbol, e Terry, unha anónima cantante de cabaret. Nico vai casar cunha multimillonaria en canto chegue a terra. Terry tamén está comprometida para casar cun industrial americano, pero aínda non se pensou en data para a voda. Nico, que é  un seductor, fíxase en Terry nalgún momento da travesía, comeza a cortexala, como non podía ser menos, tendo éxito. A metade da película trata do traxecto no barco, os intentos de discreción estropeados polo fotógrafo do barco, que difunde a noticia de que están saíndo xuntos, ten probas, e todo o mundo xa o sabe. Pero fóra do barco non, que aínda non existía Internet.

Cando chegan a Nova Iork, quedan en que replantexarán as relacións cos seus prometidos, e que se citarán xusto dentro de seis meses nos miradores do Empire State Building. A cita chega e podería producirse, xa que os dous seguen namorados do outro e romperon os compromisos que tiñan, pero Terry é atropelada por un coche xusto cando vai entrar no edificio do Empire State Building. Nico está alí toda a tarde agardando, e non se entera do accidente, así que decide seguir coa súa vida.

A súa vida, agora que rompeu coa multimillonaria coa que ía casar, consiste en intentar ganarse a vida cos seus cadros. O seu axente vai conseguindo venderlle algunhas obras. Ela, que aínda non pode andar debido ao accidente, é profesora de canto nun "divertido" coro infantil. Suponse que vive diso, aínda que a relación co industrial vaise recompoñendo, sobre todo á fidelidade e cariño deste. Pero un día Nico mira na guía telefónica e consegue o enderezo de Terry, e vai visitala. Comentan cousas variadas, e ela, que está sentada nun sofá sen moverse, en ningún momento lle di por que non asistiu, incluso insinúa que si estivo alí, pero que foi el o que faltou, cando el sabe perfectamente que non foi así.

A película remata cando el di que un cadro que el pintou pensando nela xa non llo pode regalar, porque xusto o día anterior o seu axente llo regalou a unha muller que non podía pagalo e que foi á tenda nunha cadeira de rodas. Nese momento, el decátase de algo, entra nunha habitación e ve ese cadro alí pendurado.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...