sábado, 30 de outubro de 2021

Joker

Soábame que nos últimos anos fixeran unha película sobre o personaxe de Joker (que tan ben caracterizara Jack Nicholson hai unhas décadas) que tivera bastante éxito e premios, pero en xeral, non me suscitaba maior interese. Pero botárona un día destes nunha cadea de televisión, nun día e a unha hora na que non me desagradaba a idea de ver unha película, e animeime.

Foi dirixida en 2019 por Todd Philips (que ata ese momento fixera cousas como a saga "Resacón nas Vegas" ou "Borat", ou sexa, nada moi destacado). O protagonismo principal é para Joaquin Phoenix. O único secundario que me soaba de algo era Robert De Niro. Por certo, a única disonancia no título da película é que en Hispanoamérica a chamaron "Guasón", que tampouco é tan mala tradución.

Arthur Fleck é un tipo raro e excéntrico que traballa como pallaso. Faino nunha empresa de animación que ten contratados a uns cantos para ese labor, para facer publicidade nas rúas ou para eventos variados, como animar aos rapaces ingresados no hospital. As condicións laborais non semellan idílicas.

Por se non chegara con iso, o tipo non semella moi equilibrado, de cando en vez danlle ataques de risa incontibles que non son comprendidos pola poboación, obviamente. Ademais, vive coa súa nai impedida, que tampouco semella estar moi sana da cabeza. Insiste en escribirlle a Thomas Wayne, multimillonario de Gotham (cidade na que está ambientada a película, obviamente, que semella ser Nova Iork na realidade), para o que traballou hai tempo, para que lles axude económicamente. Máis adiante na película, Arthur descubre casualmente que el é fillo de Thomas, ou polo menos, iso é o que di a nai.

Despois dunha agresión que sufre Alfred na rúa cando está facendo o seu traballo, a mans duns gamberros adolescentes, un compañeiro ofrécelle un revólver, que el acepta sen moita ilusión. Pouco despois, uns mozos ricos comezan a agredilo nun vagón de metro case baleiro ás últimas horas da noite, e el mátaos coa pistola. Este evento consterna á cidade, basicamente porque os mortos son da clase alta, senón non se preocuparía ninguén. Hai unha testemuña que di que o asasino ía disfrazado de pallaso. Así que a policía comeza a entrevistar a todos os da empresa, por se acaso. De feito, el fora despedido pouco antes porque se lle caeu a pistola nunha actuación no hospital que viron os rapaces. Así que pasaba a ser un dos principais sospeitosos do asasinato.

Pero casualmente este suceso provoca unha revolución na cidade, e os rapaces da clase baixa e media comezan a organizar manifestacións e tumultos disfrazados de pallaso, solidarizándose co autor dos asasinatos, aínda que non se sabe quen é. Neste momento, tamén se achega á mansión de Thomas Wayne para intentar falar con el, pero non o consegue, só fala brevemente co seu fillo Bruce (o futuro Batman) ata que o interrompe o maiordomo. Finalmente si consegue falar con Thomas un día, nos baños dun teatro, pero Thomas dille que a súa nai estaba enferma e tola, e que el non era o seu pai. Finalmente, nun deses tumultos, un manifestante mata a Thomas Wayne e á súa muller, deixando vivo ao fillo (comezo da saga de Batman).

É unha película moi triste e amarga. Gotham seméllase bastante a Nova Iork. Polo que parece, é unha boa precuela da saga de "Batman", moi ben explicada. Joaquin Phoenix debe ser moi bo actor, non o discuto, pero xa me chama a atención que case sempre interprete papeis de personaxes chalados ou atormentados. Seguro que esquezo algunha, pero véñenme á cabeza, ademais desta, "Gladiator", "Sinais" ou "Her", nos que interpretaba personaxes algo desequilibrados, en maior ou menor medida.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...