sábado, 30 de outubro de 2021

Grupo salvaxe

Esta película ten moitísima fama. Eu penso que xa a vira anteriormente, e non me deixara boa sensación, pero onte botábana de novo, e deille unha nova oportunidade, por se entendera algo mal. Esta vez desagradoume menos que a outra vez, pero aínda así coido que hai bastante violencia gratuíta, principalmente nas esceas do comezo e do final. E moitos valores que non comparto, aparentemente.

A película foi dirixida en 1969 por Sam Peckinpah, sendo supostamente unha das súas mellores obras. Hai papeis máis importantes que outros, pero teoricamente hai un reparto bastante coral no que sobresaen 6-7 personaxes, interpretados por William Holden, Ernest Borgnine, Robert Ryan, Edmond O'Brien, Warren Oates, Ben Johnson, Jaime Sánchez e Emilio Fernández. Como se ve, todos homes, bastante machirulos, bastantes deles xa maiores, as mulleres son só obxectos sexuais, e facendo chistes e con actitudes para min totalmente insoportables. Non sei se os autores da película pretendían transmitir esa idea da historia ou dos personaxes, ou se é o mundo que lles agrada a eles. Eu decántome máis polo segundo. En canto ao título, non hai moita queixa. A tradución española non é mala, pero seguramente é mellor a hispanoamericana "pandilla salvaxe". É máis fiel ao título e á historia, chamarlle "grupo" é demasiado xeneroso con eles.

A historia é máis ou menos simple. Hai un grupo de foraxidos que se dedican a asaltar bancos e fechorías similares. No pasado, un dos seus integrantes, nun descoido cando estaban disfrutando dos seus beneficios, foi apresado. Estivo no cárcere e a experiencia non lle agradou en absoluto. Sacárono se colaboraba para apresar ao resto da banda, aos que coñece ben. É contratado polo propietarios dos ferrocarrís que chegan a Texas para acabar con eles. A banda de foraxidos sabe que el é moi competente e que sabe perfectamente como pensan e actúan.

A película comeza coa banda de foraxidos disfrazados de militares intentando asaltar un banco nunha vila do sur de Texas, a comezos do século XX. O que eles non saben é que o seu perseguidor xa o supoñía e ten preparada unha emboscada. Coincidindo co atraco, prodúcese un absurdo desfile de puritanos que queren mandar ao inferno a todos os que consuman o alcohol. A banda de foraxidos decátase da emboscada, e deciden saír xusto cando o desfile pasa por diante do banco. A matanza é terrible, pero máis ou menos conseguen escapar os principais elementos da banda. O perseguidor quéixase de que os homes que puxeron ao seu cargo son uns patáns, e non lle falta razón. Pero como xa intuían o atraco ese banco, cambiaron as moedas de ouro por pezas metálicas, e a banda non se entera ata unhas horas despois.

Comezan a vagar para buscar novos ingresos, e cruzan o río para pasar a México. Un dos integrantes da banda é mexicano, chegan á súa aldea, e entérase que un tal Xeneral Mapache, cacique autoproclamado Xeneral que se está enfrontando a Pancho Villa, matou ao seu pai e levouse como amante á que era a súa moza, con total complacencia por parte da moza. Isto enfurece ao rapaz mexicano.

Seguen avanzando por México e chegan ao cuartel xeral de Mapache. O rapaz mexicano mata á súa ex-moza cando está nos brazos de Mapache, e iso case acaba en traxedia, pero de forma sorprendente, os gringos recén chegados convértense en aliados do Xeneral Mapache, e iso non lle fai demasiada graza ao rapaz mexicano, pero acaba aceptándoo.

Os foraxidos son "contratados" para atracar un tren do exército americano que leva armas, e vai protexido polo seu perseguidor, os seus colegas e uns reclutas novatos do exército que non se enteran de nada. O atraco é moi ben preparado e sae á perfección. O rapaz mexicano, idealista, renuncia á súa parte do botín se lle ceden 1 das 16 caixas de armas que se van roubar, e todos aceptan.

A banda vaille entregando as armas ao Xeneral Mapache en catro prazos, porque non se fían del, xa viron que é bastante salvaxe e imprevisible. Cando entregan o último cargamento, están presentes un dos líderes da banda e o rapaz mexicano (seguramente non foi unha gran idea). O Xeneral pregunta por que razón hai unha caixa menos das que prometeron. O líder da banda di que a perderon polo camiño, pero Mapache sabe que non foi así, senón que o mexicano lla entregou á xente do seu pobo, para que loite pola súa liberdade. O líder non ten máis remedio que recoñecelo, e deixa ao mexicano no cuartel de Mapache, e iso non ten moi boa pinta, a verdade.

Finalmente os catro que quedan da banda van de visita ao cuartel de Mapache. Despois dun pouco de diversión, saen decididos a liberar ao rapaz mexicano. Mapache parece que vai aceptar, pero ao final dególlao diante deles, e eles comezan a disparar a todo o mundo. Esta última escena é un disparate. Catro gringos disparando nun cuartel onde hai uns 200 mexicanos, aínda que levan varios días borrachos por ter recibido as armas, entre elas unha ametralladora que fai estragos nos dous bandos. Unha carnicería terrible.

Cando remata todo isto, nas aforas do cuartel, xúntanse o líder dos perseguidores, un veterano integrante da banda que todos pensaban que xa morrera, e os compañeiros do rapaz mexicano, que salvaran da morte ao anterior. Deciden unir os seus destinos e seguir traballando xuntos.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...