domingo, 26 de setembro de 2021

Shrek

Non é que me chamara moito a atención esta película, pero como escoitara que era unha historia dirixida ao público infantil pero cun humor bastante máis intelixente do habitual, na liña que inaugurou "Toy story", deille unha oportunidade.

Esta primeira parte foi producida por DreamWorks (en animación semella que os estudos son máis importantes que as persoas concretas que desenvolven roles concretos) en 2001. Agora coido que é unha saga que xa leva 4 ou 5 títulos. As voces orixinais eran de Mike Myers, Eddie Murphy, Cameron Díaz e John Lithgow. Como non teño un gran dominio do inglés e prefiro VER cine antes que LELO, vin a versión dobrada. Para disfrutar das voces orixinais dos actores e actrices prefiro o teatro en directo antes que o audiovisual enlatado.

Pois si, a historia resulta simpática, os personaxes tamén, pero vaia, sen pasarse. Nada que ver con Disney, pero tampouco deslumbra. Shrek é un ogro huraño e antisocial que ten a desgraza de que a súa lameira, na que vivía só e feliz, énchese con personaxes de contos que foron desafiuzados por un estúpido príncipe da comarca. Xunto a eles está un asno charlatán que non para de falar en ningún momento. Cando van falar co príncipe, el chantaxéaos coa promesa de que liberará a lameira se lle traen á que será a súa prometida, e fermosa princesa Fiona, que está retida nun castelo por un dragón.

Shrek e o asno van ata o castelo e conseguen liberar a Fiona. Pero resulta que o dragón realmente é dragoa, e namora do asno, así que aínda lles botará unha man máis adiante. Pasan varios días voltando cara ao castelo do príncipe. Fiona consegue ocultar que, ao poñerse o sol, por un feitizo, convértese en ogra, volvendo ser princesa humana durante o día. O asno descúbreo na última noite antes de chegar ao castelo. Shrek descúbreo o mesmo día que está tendo lugar a voda entre o príncipe e Fiona. Finalmente Shrek emparella con Fiona, a dragoa co asno, e o príncipe perde, como é obvio. Case prefiro non saber de que tratan as seguintes películas da saga. Con esta xa me chegou.

Saúdos.



O bo, o feo e o malo

Por fin puiden ver esta película completa. Só me soaban unhas imaxes do principio, nas que se ve a sociedade entre dous dos protagonistas para cobrar a recompensa por un deles, e cando van aforcalo, o outro corta a soga dun disparo, o condenado fuxe, e repiten o mesmo noutro lugar, cunha recompensa máis alta cada vez. Hai unha cadea de televisión fascistoide española moi afecta aos "westerns" que debe considerala como unha das súas xoias, onde a botan case todos os meses. Só tiven que aproveitar que esta vez a proxectaban a unha hora que me cadraba moi ben.

Foi dirixida en 1966 por Sergio Leone, é a última da súa famosa Triloxía do Dólar. Os actores protagonistas son Clint Eastwood (o Bo, o único que sae nas tres películas), Lee Van Cleef (o Malo, que sae en dúas delas) e Eli Wallach (o Feo, que só sae nesta). Gian María Volonté, que saía nas outras dúas, aquí non aparece. Cabe salientar o pequeno lío que se armaron co título. O título orixinal está en italiano, e parece dicir algo semellante á tradución española. En Estados Unidos pensaron en cambialo, pero ao final deixaron unha tradución fiel. Pero o curioso é que nalgúns países cambiaron a orde dos adxectivos, suponse que por razóns eufónicas, porque soaba mellor. En Hispanoamérica e na tradución ao inglés puxeron "O bo, o malo e o feo". E máis curioso é aínda que nalgún país se confundiron e pensaban que Eli Wallach era o Malo e Lee van Cleef era o Feo.

O Loiro (Clint Eastwood, o supostamente Bo) é un mercenario que vai ganándose a vida, por exemplo, conseguindo a recompensa por entregar a un colega que é perseguido, e cando o van aforcar, dispara a soga para que poida fuxir, así vai crecendo a recompensa e volven repetir o golpe noutro pobo. Ese colega é Tuco (Eli Wallach, o supostamente Feo), e van a partes iguais nas ganancias. Sentencia é outro cazarrecompensas que vai ganando cartos matando a xente, pero que ademais tamén é sarxento do exército da Unión. No seu labor, entérase de que soldado sudista roubou un cofre con cartos que era da Unión. O Loiro e Tuco tamén se enteran desta información. O que pasa é que ninguén ten a información completa. Tuco e Sentencia saben en que cemiterio está agochado o botín, pero só o Loiro sabe cal é a tumba exacta (ese dato é ben importante, como se verá despois).

Despois do dito, queda claro que a historia transcorre nos primeiros anos da década de 1860, durante a Guerra de Secesión ou Civil estadounidense (a verdade é que non sei se iso era necesario, porque me parece que ese detalle non menor alonga e encarece a película bastante, e podía evitase doadamente). Pois nada, que os tres personaxes van pasando por diferentes avatares para chegar á escea final. Nun deses avatares, Sentencia, que dirixe un campo de prisioneiros ao que chegan detidos Tuco e o Loiro, entérase da información que lle faltaba (só do cemiterio, non da tumba concreta). A película céntrase máis nos outros dous, Sentencia aparece de novo ao final por sorpresa. Pois chegan ao cemiterio, que é moi chulo e moito máis grande dos que se ve normalmente nas películas deste tipo (despois direi onde estaba realmente), e o Loiro mata a Sentencia. Tuco e o Loiro reparten os cartos, basicamente porque este último quere, que puido quedarse con todo facilmente.

Como curiosidade, diremos que a maior parte da rodaxe de exteriores tivo lugar en España. As esceas máis desérticas foron en Almería e os seus desertos. Pero moitas outras esceas icónicas foron na provincia de Burgos. Por exemplo, a épica batalla entre os exércitos para tomar unha ponte de madeira tivo lugar no río Arlanza, cerca de Covarrubias. E a mítica pelexa final no cemiterio de Sad Hill tivo lugar en Contreras, onde aínda se pode visitar este escenario cinematográfico. A película dura case 3 horas, e a min non me parece que o peso da Guerra Civil na trama sexa tanto como para incluír todas as esceas con vestiario dos dous bandos, ou a absurda escea da batalla pola ponte de madeira, coa escusa de que, se Tuco e o Loiro voaban a ponte, como así fixeron, poderían chegar máis doadamente ao cemiterio, que estaba cerca da outra beira. Non sei, penso que lle podían ter dado un xiro de guión que acurtase a película e, sobre todo, a fixera moito máis barata. Pero eles saberán en que líos se metían.

Saúdos.



martes, 21 de setembro de 2021

Vacacións en Roma

No espazo de cine clásico da 2 botaban onte "Vacacións en Roma", mítica película da que oín falar moitas veces, pero que nunca vira, e por suposto animeime. Resulta agradable de ver, pero xa me aburre un pouco ver a Audrey Hepburn algo encasillada no papel de muller, ou ben alocada por si mesma, ou ben que se aloca temporalmente por algunha pena que lle aflixe. Esta fantástica actriz é moi resultona nese rexistro pero xa teño algo de ganas de vela facendo outro tipo de persoas.

Foi dirixida en 1953 por William Wyler. As estrelas totais da película son Audrey Hepburn e Gregory Peck. Entre os secundarios destaca Eddie Albert, actor cuxa cara me soa moito, pero non consigo lembrar onde puiden velo antes. Co título en español sucede de novo unha curiosa anécdota. A tradución textual do título orixinal é a que puxeron en España "Vacacións en Roma". Pero en Hispanoamérica foron máis creativos e inventaron "A princesa que quería vivir", moito menos fiel pero moito máis descritivo.

Supoño que xa sabedes de que vai. A princesa Anna é a herdeira dun pequeno país europeo, que obviamente non se identifica en ningún momento da película, é imaxinario. Está de xira por Europa co protocolo de actos habituais deses cargos, e recala en Roma. Alí, a princesa é presa da súa frustrada vida por estar sempre metida nese tipo de dinámicas e de non poder disfrutar da vida, como fai o resto da xente.

Así que unha noite fuxe da súa residencia oficial. Queda durmida na rúa polo efecto retardado dun calmante que lle suministraron. Ten a fortuna de cruzarse cun mal pagado xornalista estadounidense, Joe Bradley, que non vendo opción mellor, a leva a durmir á súa humilde habitación. Este debería estar seguíndoa na súa traxectoria por Roma, pero como non é moi profesional tampouco, non descubre ata o día seguinte quen é a persoa que meteu na súa habitación.

Aposta co seu xefe unha cantidade a que consegue unha entrevista en exclusiva coa princesa, con fotos sacadas por un paparazzi amigo seu. Pero ao final vaise encariñando con ela, namoran, e xa desiste de gañar cartos coa entrevista. A excursión para coñecer a liberdade dura unhas 24 horas nada máis, pásao moi ben nelas, indo a un baile nun barco sobre o río Tíber, fan carreiras en moto, son detidos polas mesmas, etc... Ao final, por iniciativa propia, a princesa volve ao palacio e prosegue a súa vida protocolaria.

Saúdos.



sábado, 18 de setembro de 2021

O Informe Pelícano

Se non lembro mal, nos anos 90 colleu certa fama un novelista ao que lle gustaba moito o mundo do dereito. Chamábase John Grisham e todas as súas novelas vendíanse moi ben, e tiñan entretida e retorcidas tramas en torno ao mundo da política e xustiza estadounidense, sempre tan corruptas. Unha delas foi "O Informe Pelícano". O outro día botaban a película homónima, e deille unha oportunidade.

A película foi dirixida en 1993 por Alan Pakula. Os dous papeis principais son para Julia Roberts e Denzel Washington. Están acompañados por un feixe de bos secundarios como Sam Sheppard, John Heard, John Lithgow, Robert Culp (veterano actor dos 70-80 facendo de presidente dos Estados Unidos), James B. Sikking (soábame a súa cara, saía en "Canción triste de Hill Street"), ou Stanley Tucci facendo o papel dun implacable asasino a soldo que morre sorpresivamente intentando cumprir un dos seus encargos.

Ao final, todo o que hai por debaixo é a corrupción da vida política estadounidense. Hai un rico empresario do petróleo que quere seguir abrindo pozos en reservas naturais do sur do país, que é moi amigo do presidente, e que conspira para asasinar a dous xuíces do Tribunal Supremo que tiñan sensibilidades ecoloxistas (un xa moi vello e o outro homosexual).

Axencias como o FBI e a CIA intentan investigar, pero non teñen nin a máis mínima pista nin idea de quen puido facelo nin por que. Unha xove estudiante de dereito investiga un caso que quedou sobreseído nun xulgado, e que lle transmite unhas raras sensacións, e elabora un traballo, chamado o "Informe Pelícano", que especula sobre quen puido encargar esas mortes.

Pásallo ao seu profesor na universidade (que tamén é a súa parella), de aí chega a un axente do FBI, e de aí ao Despacho Oval e lugares semellantes. E a partir dese momento, comezan a matar a todas as persoas que leron o informe. Obviamente, a estudante colle medo e fuxe. Ponse en contacto cun coñecido xornalista que investiga ese tipo de casos, e entre os dous conseguen desvelalo á opinión pública.

Saúdos.




Almorzo con diamantes

Un día destes botaban "Almorzo con diamantes" no espazo de cine clásico da 2. Sabía que a vira completa por primeira vez nos últimos anos. Efectivamente, foi en abril de 2011. Incluso localicei o artigo que publiquei daquela no meu antigo blog, que podedes consultar AQUÍ.

Non teño moito que dicir neste segundo visionado. Pero esta vez aburrinme máis que a primeira, e iso que apenas lembraba un par de cousas da película. Parece que o encanto de Audrey Hepburn xa non me afecta.

Saúdos.


Lady Falcón

A mediados dos 80 tivo unha certa fama a película "Lady Falcón". A historia podía resultar algo intrigante e atractiva, interesante en efectos especiais (que agora abochornan) e lanzou á fama a unha fermosísima actriz estadounidense, acompañada por un actor holandés que tamén o estaba petando na época. E todo iso aderezado cunha banda sonora moi típica daquela década. Ou sexa, tíñao todo para triunfar, máis ou menos o fixo, e converteuse nunha película de culto.

Foi dirixida en 1985 por Richard Donner. Os tres actores principais son Matthew Broderick, Rutger Hauer e Michelle Pfeiffer. Matthew Broderick, ou é un actor mediocre, ou todos os papeis que fai son insustanciais, como neste caso. Rutger Hauer acaba de rodar uns anos antes "Blade runner" e estaba no cumio da onda. E Michelle Pfeiffer é unha gran actriz adornada cunha grande beleza, así que causou sensación. E a música da película é de The Alan Parson Project, así que ver esta película resulta unha viaxe ao pasado total. Iso si, na música parece que participou todo o mundo agás o propio Alan Parsons (que andaba liado daquela) e o cantante Eric Woolfson, porque a música era toda instrumental.

O máis interesante da película, para min con diferenza, e supoño que para moitos, é a romántica historia da maldición que bota o bispo sobre os dous amantes, para que nunca máis poidan verse nin tocarse. Está de máis dicir, despois disto, que transcorre durante a tebrosa Idade Media. El, Ettienne de Navarre, era o xefe da garda do bispo de Aquila, e agora viste sempre de negro, vai sobre un cabalo negro, está sempre fuxindo e acompañado por un falcón. Ela, Isabeau, era a súa namorada, pero a súa beleza deslumbrou tamén ao bispo, que non puido soportar que ela quixese a outro home. E fixo que ela só tivera a súa forma humana pola noite, e sempre ía acompañado por un terrible lobo negro. Os máis espabilados xa pillaríades que o falcón era ela durante o día, e o lobo era el durante a noite. No amencer e no solpor crúzanse os seus destinos. A película trata do intento de vencer a maldición, e ao final conségueno, obviamente.

Saúdos.



Casablanca

No espazo de cine clásico da 2, que agora é os luns pola noite, botaron un día destes "Casablanca". Como é unha película moi célebre, que algunha xente (non pouca) considera a mellor ou unha das mellores da historia do cine, non vou escribir moito sobre ela, que tampouco fai demasiada falla. Sei que xa a vira completa, pero hai xa bastante tempo, así que disfrutei de novo.

Pensaba que Peter Lorre, mítico secundario dos anos 40 e 50, saía máis na película, pero non, aparece brevemente en 2 ou 3 esceas e xa o matan, recoñezo que me sorprendeu. Tamén me chama a atención que o actor Paul Henreid, teoricamente a gran estrela da película xunto a Humphrey Bogart e Ingrid Bergman non lle sacou apenas partido a este papel, porque case está esquecido. Polo visto, o papel non lle convencía, e só aceptou cando soubo quen serían os seus dous compañeiros, pero finalmente levouse moi mal con eles, e Bogart e Bergman pasaban del.

E a outra cousa coa que flipei é o final. Supoño que todos sabedes a mitoloxía en torno a el, que os propios actores non sabían como remataba a película, e que non estaba claro con que home se marcharía Ilsa no avión a Lisboa. Pero acabo de flipar ao saber que en Estados Unidos se asinou en 1930 un código de conduta para guión cinematográficos que prohibía que as mulleres se fugaran con amantes. Así que esa norma xa deixaba claro cal sería o final, porque senón terían que inventarse algo bastante retorcido. Ai, ese país tan atrasado...

Saúdos.



Sinais

Recoñezo que tiña unha certa curiosidade por ver esta película. Xa me soaba algo que trataba sobre extraterrestres, como así é, pero o seu director é un tipo peculiar que nas súas películas sempre ofrece cousas que se saen do convencional, así que lle dei unha oportunidade.

Foi dirixida en 2002 por M. Night Shyamalan (director de orixe hindú que uns anos antes sorprendeu con "O sexto sentido"). Os actores e actrices protagonistas interpretan aos catro integrantes da estraña familia: Mel Gibson, Joaquin Phoenix e os nenos Rory Culkin (irmán de Macauley) e Abigail Breslin. O resto son secundarios case sen presenza.

Basicamente podemos dicir que esta familia vive nunha casa no medio dunha plantación de millo. E dende o comezo, senten como unha presenza que os axexa, e descubren uns estraños sinais na plantación, unhas formas xeográficas perfectas, moi difíciles de facer por humanos, aínda que sospeitan dalgúns gamberros da comarca, e que apareceron en varios lugares do planeta, non só alí. Algún integrante da familia e outras persoas nos medios de comunicación comezan a crer inmediatamente que son posibles planos e indicacións para unha invasión alieníxena, como finalmente se confirma.

Pero se cadra, o máis peculiar é a familia. O pai (Mel Gibson) é un ex-predicador que perdeu a fe debido á recente morte da súa muller nun terrible accidente de tráfico. O veterinario da zona quedou durmido ao volante e atropellouna cando estaba dando un paseo. O predicador chegou xusto para escoitar as súas últimas palabras. O seu irmán (Joaquin Phoenix) volveu para casa a botar unha man cando morreu a súa cuñada. Non parece ter moitas luces. Foi unha promesa das ligas menores de beisbol, pero finalmente quedou en nada.

E despois están os dous nenos. O fillo maior (Rory Culkin) ten asma, dificultades para respirar, e semella un pouco friki. Así que cando comezan a suceder os feitos, vai á biblioteca a buscar libros que falen sobre extraterrestres e mergúllase nese coñecemento, resultando moi doado convencer a xente como o seu tío. E aínda máis rara é a filla pequena (Abigail Breslin), aínda que a súa rareza principal é que cre que toda a auga está contaminada, e ten a casa chea de vasos de auga dos que non bebe case nada por esa suposta contaminación que ninguén detecta. Pero nada, permítenlle esa rareza porque tampouco destaca tanto nesa casa.

As escenas finais son moi curiosas, porque todas esas cousas raras conflúen nunha solución moi acaída para a historia. Os extraterrestres finalmente marchan, pero semella que algún deles queda aquí esquecido, e mira ti por onde, xusto vai á súa casa para facer a súa última maldade. Nos últimos tempos soubérase que raptaran e mataran a algunha xente botándolle algún veleno gaseoso que levan no seu interior, e tamén que non lles gustaba demasiado a auga da Terra, porque sempre atacaban en zonas de interior.

O alien intenta raptar ao fillo maior e insuflarlle o seu veneno, pero como tivo un ataque de asma, ten os pulmóns pechados e o veneno non entra, polo que non morre. O irmán, lembrando o seu pasado como bateador, colle un bate que hai pola casa, e golpea ao invasor con todas as súas forzas en numerosas ocasións. E por se non chegara con iso, os numerosos vasos mediados de auga que enchían a casa, van caendo sobre o invasor, co dano que iso lle fai. Hai que recoñecelo: curioso final que non se podía prever.

Saúdos.



mércores, 15 de setembro de 2021

A máquina do tempo

Falar dunha película baseada na fantástica novela de ciencia-ficción de Herbert George Wells sempre é un punto de interese. Eu xuraría que vin outra versión moi anterior, de hai 60 anos, que creo que tiña moito ou un certo encanto. Esta versión ten uns efectos moito máis conseguidos, claro. O que xa non teño tan claro é se tiña tanto encanto, xuraría que non. Tamén xuraría que teño a novela e que a lin hai tempo, pero lembro pouco dela, e iso non debe ser bo indicio.

Foi dirixida en 2002 por un tal Simon Wells. O protagonismo total foi para Guy Pearse. Despois hai un bo feixe de secundarios, entre os que destaca Jeremy Irons, que ten ao final un breve pero moi lucido brillo.

Un excéntrico profesor universitario de Nova Iork está traballando nas viaxes no tempo, que cre factibles. Unha noite, nun desafortunado incidente, morre a súa moza cando lle está pedindo que case con el, e el entra nunha obsesión por perfecciónar a máquina do tempo. Uns anos máis tarde xa a ten funcionando, e intenta volver recrear o incidente, para ver se pode salvala, cousa que, obviamente, non consegue, porque a súa moza morre tamén, aínda que dun xeito totalmente diferente do anterior.

Manipulando a máquina sofre un golpe, e o indicador de salta no tempo lévao a unha época moi lonxana no futuro. Alí atópase a terra case desolada, e a única especie con pinta de parecerse aos actuais humanos, sometidos por unhas bestas terribles que, de cando en vez, saen do chan e volven a el. Finalmente, decide quedar no futuro para intentar loitar xunto a eses futuros humanos.

Saúdos.



Parque Xurásico

Pois xa sei que resultará raro, pero tiña bastantes ganas de ver esta película, porque non o fixera nunca. Ten xa case 30 anos, pero sóame que marcou un fito nos efectos dixitais, e estando Steven Spielberg detrás dela, xa se supón que debía haber medios. En calquera caso, máis alá dese tema, resultou tan simplona como era previsible, e non teño maior interese en ver ningunha outra da saga, pero calquera sabe.

Foi dirixida en 1993 por Steven Spielberg e os papeis principais foron protagonizados por Richard Attenborough, Sam Neill, Laura Dern e Jeff Goldblum. Chamoume tamén a atención ver como secundario a Samuel L. Jackson.

A historia non ten moita chicha. Un multimillonario que conseguiu supostamente o ADN dos dinosaurios dun mosquito prehistórico que atopou en ámbar, fai nunha illa remota un parque de atracións con dinosaurios reais. Nun determinado intre, convoca a varios científicos reputados no tema e a dous dos seus netos, porque quere comprobar que todo funciona no parque, para así poñelo a funcionar e forrarse. Pero todo sae mal debido á codicia do xefe dos sistemas informáticos, que quere conseguir unha boa comisión a cambio de pasarlle a alguén o ADN dos dinosaurios. Iso provoca que os sistemas de seguridade non funcionen e que os dinosaurios comecen a facer das súas. Non dá máis de si.

Saúdos.



sábado, 4 de setembro de 2021

O avó

Onte pola noite botaban a película "O avó" na 2. Tiña ganas de vela porque estaba baseada nunha novela de Benito Pérez Galdós e porque había uns cantos actores, sobre todo veteráns, que fixeron algún dos seus últimos papeis. Na presentación previa dixeron que era unha película de grandes diálogos (estou de acordo, nada raro baseándose nunha obra dese gran escritor) e que tiña moi bo ritmo (aí discrepo algo máis). Que a dirixira Garci é un punto neutro, ás veces me convence máis e outras non tanto.

A película foi dirixida en 1998 por José Luis Garci. Os papeis principais foron para Fernando Fernán Gómez e Cayetana Guillén Cuervo, que están magníficos. En canto aos secundarios, están Rafael Alonso, Agustín González, Fernando Guillén, Francisco Algora e Emma Cohen, por exemplo. E tamén destacan moito dúas rapaciñas que fan uns papeis moi importantes, protagonizadas por Cristina Cruz e Alicia Rozas. Creo que a primeira aínda triunfou algo máis noutras series, e a segunda menos. Pero non me soa que agora, xa adultas, teñas carreiras moi exitosas.

O conde de Albrit, antes moi rico, agora é pobre debido a que se arruinou ao ir xa maior a Perú a intentar atopar ouro nunhas minas. Na súa volta a Asturias, xa nada é o que parece, e o seu prestixio social baixou moito. A súa nora (esposa do seu fillo, xa morto), que é rica, vive en Madrid coas súas dúas fillas (netas do conde) e de cando en vez vén a provincias, onde é venerada. Porque cos seus contactos en Madrid consegue moitas cousas para a vila asturiana.

Pero a relación entre o conde e a súa nora é moi mala, nunca se apreciaron. E moito menos agora, cando o avó acaba de descubrir que unha das súas netas non é súa, senón que a tivo a súa nora nunha aventura extramatrimonial cun pintor. El quere saber cal das súas "netas" é a súa realmente. Pero non lle resulta nada doado, porque as dúas o veneran e lle demostran o seu cariño. Unha delas ten moitas aptitudes para a pintura, e el sospeita que esa é a que non é do seu sangue.

A nora dilles ás forzas vivas da vila que non quere saber nada máis do avó, e que hai que facer algo para apartalo da vida pública. Intentan metelo nun convento, pero en canto el detecta esa intención, marcha e volve á vila. Por rencillas entre as forzas vivas, unha das persoas máis destacadas da vila ensínalle unha antiga carta na que queda claro que unha das netas non é do suposto avó, pero non queda claro cal delas é.

Finalmente, a nora fai un último intento por xuntar a toda a familia, e ofrécelle ao avó ir con elas a Madrid, pero el négase. El reclama que a súa neta quede con el na vila, e ela dille finalmente cal é a súa neta lexítima. Pois resulta que é a que tiña aptitudes para a pintura, que todo o mundo pensaría que sería a filla do pintor, pero non. Pero para maís sorpresa, ao final, a neta que non é do seu sangue é a que decide quedar na vila con el e non ir a Madrid.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...