martes, 31 de agosto de 2021

O solpor dos deuses

Moitas ganas tiña de ver esta película, e por fin puiden facelo, no famoso espazo de cine clásico da 2, os luns pola noite. Por comezar por algures, o título. O orixinal era "Sunset Boulevard", ou sexa, o nome da mítica avenida de Los Ángeles. Nos países hispanofalantes pasaron do tema e decidiron pasear en torno a outra idea, con títulos como "El crepúsculo de los dioses", "El ocaso de una vida" o "El ocaso de una estrella". Hai que recoñecer que estes títulos son moi creativos pero se achegan máis á idea que transmite a película.

A película foi dirixida en 1950 por Billy Wilder. Os tres papeis principais son para William Holden, Gloria Swanson e Erich von Stroheim. Nos secundarios destaca Nancy Olson. Está considerada como unha das mellores películas de cine dentro do cine, e chama a atención que para dous dos actores principais, Swanson e Von Stroheim, ten algo de parecido coa súa vida.

Joe Gillis (Holden) é un guionista en horas baixas que non dá atopado a vena de inspiración para presentar unha boa historia aos estudos cinematográficos. Debe cartos, e fuxindo duns acredores, por casualidade, acaba nunha vella mansión en Sunset Boulevard. El pensa que a casa está abandonada, porque esa impresión transmite, pero realmente nela vive Norma Desmond (Swanson), unha vella estrela do cine mudo, xa case esquecida, e o seu chófer e servinte Max von Mayerling (Stroheim).

Ela, sabendo que el é guionista, proponlle que revise e corrixa (pero non moito) un macro-guión que leva anos escribindo sobre a historia de Salomé, e que a ela lle gustaría protagonizar, obviamente. Ela é inmensamente rica, pero case non sae da súa mansión, e cre que segue tendo unha lexión de seguidores, pero realmente é o seu servinte quen lle escribe todas as cartas. Ao guionista non lle seduce a idea, pero como lle vai pagar moi ben e incluso lle ofrece aloxamento, acaba aceptándoo, aínda que de non moi boa gana.

Norma acaba namorando de Joe, que é moito máis novo, pero el desprézaa. Como ela ten un caracter moi fráxil e obsesivo, ao verse rexeitada por el, intenta suicidarse, aínda que xa o fixera máis veces no pasado. Van un día de visita aos estudios da Paramount (recibiran chamadas dende alí nos días anteriores), pensando que Cecil B. de Mille estaba interesado en rodar a película de Salomé con ela, da que o gran produtor e director non tiña a máis mínima noticia. Aí aclárase que realmente a Paramount estaba interesada en alugar o seu coche, moi vello e lustroso, para unha película clásica.

Trátana moi ben, pero desfanse dela con sutileza, pero todos perciben que a ninguén lle interesa a película, agás a ela, que comeza a coidarse de xeito esaxerado. Nese momento, Joe comeza a traballar de noite cunha correctora de guións da Paramount (Olson) creando unha nova historia que ten moita mellor pinta. Como era previsible, eles dous namoran, aínda que ela estaba prometida cun amigo de Joe.

A rapaza, estrañada pola vida e costumes de Joe, vai visitalo á mansión. El aproveita para explicarlle onde vive e de que. Invítaa a marchar, e el comeza a recoller as súas cousas para marchar tamén, despois dela. Norma colle unha pistola que mercara nos últimos días coa intención de suicidarse, pero finalmente úsaa para matar a Joe.

Gran película, pero chama a atención que a fixera un gran director de comedias como Wilder. Porque menos unha comedia, é calquera cousa. E debe reflexar moi ben como pode ser a vida de moitas estrelas de cine no seu día que se converten en xoguetes rotos a partir dos 40-50 anos, porque é moi difícil seguir triunfando despois desa idade.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...