martes, 31 de agosto de 2021

Indiana Jones e o reino da calavera de cristal

Nunha cadea española de televisión hai pouco colleron o hábito de amenizar as noites dos sábados con películas da saga de Indiana Jones. Pero algo debeu pasar, porque o último sábado de agosto decidiron botar dúas seguidas, das cales eu só vin a primeira delas, porque a outra remataba moi tarde. E lin por aí que a quinta e última desta saga sairá en 2022.

"Indiana Jones e o reino da calavera de cristal" é a cuarta da saga, foi dirixida en 2008 por Steven Spielberg, uns 20 anos máis tarde que as anteriores, e tamén está ambientada a finais dos anos 50, para que o paso do tempo afectara de xeito similar a actores e personaxes. Protagoniza de novo Harrison Ford, obviamente, e esta vez os inimigos son os soviéticos (claro, estamos na Guerra Fría), con Cate Blanchett á cabeza. Shia LeBeouf fai de fillo de Indiana, e volve aparecer Karen Allen, despois de protagonizar a primeira da saga, case 30 anos antes. John Hurt, no que debeu ser un dos seus últimos papeis, tamén ten un rol destacado.

Os guionistas do filme, aínda que están entre o máis granado de Hollywood, armáronse un lío importante coas culturas prehispánicas de Centro e Sudamérica, porque mesturaron churras con merinas, sen enterarse de moito. Claro, dende o país rico veciño do norte, todo o que está ao sur é a mesma sopa e poden mesturarse países e culturas de diferentes épocas incluso, que ninguén se vai decatar.

A historia vén tratando de que uns conquistadores españois, con Orellana á cabeza, estiveron buscando unha cidade toda de ouro chamada El Dorado (na película chámanlle doutro xeito, pero dá igual). Os heroes, sempre perseguidos polos malvados soviéticos, chegan á tumba de Orellana e os seus compañeiros, dos que non se sabía nada, e nunha das tumbas atopan a Calavera de Cristal. É un cráneo deformado e alongado, como supostamente facían algunhas das culturas da zona, pero parece ter certos poderes asociados a el. Pulula arredor a idea de que eses cráneos representan a algúns seres que deberon estar pola zona hai moito tempo, e que lles permitiu facer grandes obras que senón serían inexplicables, así que xa temos aos extraterrestres outra vez. Porque claro, os soviéticos, grandes amantes do paranormal, polo visto, tamén queren descubrir esa conexión con outros planetas. O final é bastante alucinante, cunha serie de esqueletos de cristal que representan a seres extraterretres provocando unha conmoción e despegando no seu platillo volante xigante.

Como película de acción non está mal, como sempre. Pero a cagada da mestura de culturas mesoamericanas é flagrante. Iso demostra de novo o pouco respecto que demostran os estadounidenses por calquera cousa que non sexa a súa "cultura". A confusión principal vén de México e a cultura maia, que é da zona de Yucatán (por iso hai música mexicana, fálase de Pancho Villa), con Perú e a cultura inca (confunden Cuzco con Nazca, que están a bastante distancia e en ecosistemas moi diferentes). Outro cagada notable é que nun mapa aparece Belize, país que non se chamou así ata os anos 70 (lembremos que a película está ambientada nos 50). E poderíamos seguir....

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...