sábado, 5 de decembro de 2020

Pena furada

Segunda entrega de literatura, deste novo blog. Estou xa case rematando a Colección Mandaio de Biblos Clube de Lectores. Este é o número 47 dos 50 da colección, amén de varios que sacaron na súa colección de novos valores da literatura galega, e que aínda non lin todos. O libro titúlase "Pena furada" e foi escrita por José Luís Sucasas, un xornalista e política que foi edil do BNG en Lalín, e que morreu hai varios anos.

A historia non está nada mal. Está ambientada nalgún lugar imaxinario do rural galego a comezos do século XIX. Conta a relación entre os señores do castelo e os dunha aldea cercana. Unha noite hai unha grandísima treboada e algo que semella un tremor de terra. Iso provoca varias cousas, como o nacemento prematuro dun neno no castelo, que era esperado uns meses máis tarde, e o derrubamento dunha casa na aldea, matando a cinco dos seus moradores, só sobrevive a nena máis pequena.

Cando chega o día e a xente descubre o que pasou coa casa, avisan no castelo, e comezan os preparativos para o soterramento. Ademais, o párroco está trastornado porque tamén caeu o campanario da igrexa e houbo algún desperfecto máis. Ademais, hai un problema loxístico para enterrar ás cinco persoas desa familia, non saben se facelo en tumbas paralelas, ou se facelo nunha soa e en vertical, xa que só mercaran un nicho. En última instancia decídense por esta opción, e hai que avisar aos operarios para que fagan o burato de toda esa profundidade.

As treboadas seguen pero finalmente ten lugar a misa e o soterramento. Os operarios xa notaran algo raro cando cavaban, e é que no fondo do burato, en troques de estar a terra máis dura ou rocha, estaba máis branda e húmida, e iso non lles cadraba, pero o caso é que deron feito o burato a tempo para o funeral, así que non lle deron moitas voltas. 

Un veciño tamén detectara nas últimas horas que había unha fenda na contorna que nalgúns puntos era perfectamente visible e noutros non. E na aldea, algúns veciños dicían que lles daba a sensación de que, ou o castelo se movera algo do sitio, ou o fixera a aldea, porque as perspectivas non eran exactamente as mesmas que antes do tremor. Pero estaban totalmente ocupados cos trámites do enterro, así que tampouco se preocuparon demasiado diso. Cando meten as cinco caixas no burato, cóanse para abaixo, e incluso algunha veciña que asistía ao enterro tamén cae no burato da impresión.

Hai que ter en conta que hai algún "flashback" na obra que conta a historia en orde diferente a como o fixen eu, de forma lineal. Por exemplo, a novela comeza de forma moi interesante, cun acta notarial na que os operarios que fixeron a foxa explican todo o que pasou co burato. Polo tanto, resulta unha trama bastante interesante, cun punto case sobrenatural que a fai atractiva.

Saúdos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...