luns, 7 de decembro de 2020

Jumanji

"Jumanji" era unha película que tiña certas ganas de ver dende había tempo. Soábame que ía dirixida a un público familiar, pero que os seus efectos dixitais causaran sensación na súa época. Foi dirixida por Joe Johnston en 1995 e do seu elenco destaca especialmente Robin Williams, que sempre ten a capacidade de eclipsar ao resto de actuantes.

Un rapaz de boa familia que vive nunha mansión en New Hampshire séntese pouco querido polos seus pais, que teñen unha fábrica de calzado exitosa na zona. Tampouco é moi querido polos seus compañeiros de colexio, e só se leva ben cunha amiga, que algúns consideran novia, para desgraza del. Todo iso coincide con que atopa un vello pero atractivo xogo de mesa nunhas obras cerca da súa casa.

Unha noite, cabreado cos seus pais, só na casa, convoca á súa amiga a xogar unha partida nese estraño xogo de mesa que acaba de atopar. E dende o comezo, empezan a pasar cousas raras, como que as pezas móvense soas á súa casiña correspondente en canto se tiran os dados. Na pantalla central do xogo de mesa, despois de cada tirada, aparecen uns versos que vaticinan o que vai pasar, e nunca é bo, todo tipo de animais con aviesas intencións que comezan a facer destrozos en todas partes, na casa e fóra dela. Na segunda tirada, o xogo absorbe o neno, chamado Alan Parrish. Isto sucede en 1969.

26 anos máis tarde, en 1995, unha estraña familia formada por unha tía e dous sobriños orfos, veñen ocupar a casa, que levaba desocupada dende a desaparición do rapaz Alan. Os dous nenos, que son algo particulares, cren escoitar tambores africanos, e buscan a fonte do son, e no faiado atopan o xogo de mesa.

Póñense a xogar e volven pasar cousas incribles. Unha das primeiras é a aparición dun tipo desfarrapado e asilvestrado, que resulta ser Alan Parrish 26 anos despois, xa crecido, porque recoñece a casa na que vivía. Pretenden seguir xogando, pero non poden facelo porque non está presente Sarah, a amiga de Alan que comezara a partida. Van buscala á súa casa e non cre posible que ese home sexa Alan, pero di cousas que el só podía saber, así que accede a seguir no xogo.

O xogo segue, e van pasando desastres de todo tipo, estampidas de animais salvaxes, monos agresivos, inundacións, mosquitos, plantas carnívoras, leóns, cazadores tolos, morcegos, areas movedizas, etc. Hai que recoñecer que os efectos visuais están bastante ben, e agora aínda non cantan demasiado.

Alan saca a puntuación exacta para gañar a partida e a pantalla central do xogo absorbe todas as cousas estrañas que saíron del, e o tempo volve a 1969. Alan e Sarah acaban casando, Alan encárgase da fábrica do seu pai, e incluso en 1995 chegan a coñecer aos outros nenos que xogaron a partida e aos seus pais, que van traballar para eles, e conseguen evitar a súa morte. Tiran o xogo de mesa ao río, pero este acaba nunha praia noutra parte do mundo, onde parece que o van atopar outros rapaces.

Si, será para público infantil e familiar, pero hai que recoñecer que, polo menos, pasan cousas, e a película resulta movida e atractiva, polo menos a primeira vez, que era a curiosidade que quería saciar eu, e non estivo mal. Agora ben, xa saciada, creo que vou pasar das seguintes entregas da saga, moi recentes, e cun actor aparentemente nefasto como estrela. Neste tipo de películas non son as actuacións dos actores o que máis destaca, pero vista unha, supoño que vistas todas.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...