sábado, 5 de decembro de 2020

Vertixe

Nese magnífico espazo de cine clásico da 2 dos martes pola noite, durante tres semanas seguidas botaron películas de Alfred Hitchcock. A terceira foi "Vertixe", de 1958, protagonizada nos seus papeis principais por James Stewart e Kim Novak. Xa a vira hai moitos anos, pero non me pareceu mal repetir, a pesar de que a min nunca me convenceu demasiado esta película, e segue sen facelo.

Agora que a teño fresca, recoñezo que a historia está mellor do que eu a lembraba, pero tamén é certo que é un tipo de trama que a min non me chama demasiado. Agora ben, sabendo quen é o director, o guión é moi retorcido, marca habitual da casa.

Un detective protagonizado por James Stewart ten que retirarse temperámente da súa profesión debido á vertixe que adquiriu no seu último caso, ao subir a unha determinada altura e non ser capaz de salvar a un compañeiro que morre dunha terrible e elevada caída.

Nese momento contacta con el un antigo compañeiro da universidade, ao que había anos que non veía. Pola antiga amizade, que está case extinta, pídelle un favor. Que siga á súa muller, porque cre que se atopa mal e que está como poseída, e quere saber o que pasa. O detective prefire rexeitar, aparentemente non hai ningún perigo para a doenza que provocou a súa retirada, pero o asunto tampouco semella interesarlle demasiado. Pero ao final acaba aceptando o encargo.

Comeza a seguir á muller do seu antigo colega, e efectivamente, fai cousas algo estrañas. Vai a un cemiterio e visita a tumba dunha tal Carlotta Valdés. Visita un museo e está todo o tempo vendo un cadro no que se ve un retrato desa mesma muller. Reúnese co seu colega e este dille que Carlotta Valdés foi a bisavoa da súa muller, pero que ela non o sabe. Carlotta suicidouse por unha fea historia familiar de amor. Sospeitan que pode haber algún tipo de posesión.

O detective segue investigando á muller e nunha visita a un parque baixo o Golden Gate, tírase á auga. El acude e sálvaa do seu posible suicidio. Lévaa á súa casa e semella que xurdiu algo entre eles. A partir de aí xa non hai persecución, senón que xa van xuntos a diferentes sitios, entre eles unha misión lonxe da cidade. Cando están alí, parecen xurarse amor, pero nun determinado intre, ela sube polas escaleiras da torre da igrexa, e el non pode seguila debido á súa doenza recentemente adquirida. Cando o detective chega arriba, contempla horrorizado que a muller se tirou da torre abaixo, seguindo as súas tendencias suicidas.

O detective é ingresado nun sanatorio, do que sae algún tempo despois. Pero segue obsesionado coa muller, á que cre ver en todas partes. Un día cre vela de verdade, aínda que algo cambiada, co pelo de diferente cor, falando cunhas amigas. Consegue contactar con esa muller, queda con ela, e vaina coñecendo, e tamén namorando dela.

Ao final, por unhas cousas ou por outras, acaba descubrindo que todo fora unha montaxe. Esta rapaza fixérase pasar pola muller do seu amigo para simular todo o que vimos anteriormente. Pero no incidente da torre da igrexa, realmente estaba o colega do detective escondido, e tirou abaixo da torre á súa verdadeira muller, da que estaba separado e quería desfacerse dela dun xeito "limpo", simulando ese estraño suicidio.

Volve repetirse a escena da torre da igrexa, esta vez o detective si consegue chegar arriba con ela, e decláranse amor, pero aparece por detrás unha figura na escuridade, que asusta á muller, e por un tropezón ou algo así a muller cae da torre, esta vez de verdade foi ela, non pode considerarse un suicidio pero tampouco un homicidio, caeuse ela por un despiste. E a figura da escuridade resulta ser unha monxa que estaba alí para tocar as campás.

Conclusión: case sempre hai unha monxa nun lugar insospeitado molestando cando pretende axudar.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...