sábado, 5 de decembro de 2020

Os catrocentos golpes

Había xa moitos anos que oíra falar desta película e tiña ganas de vela, obviamente. Acabo de ler que foi a primeira película dirixida por François Truffaut, en 1959, e que foi a primeira de cinco case autobiográficas que fixo este director. Foi protagonizada polo neno Jean-Pierre Léaud, cando tiña uns 14 anos. É considerado un gran actor francés e un dos mellores de Europa pola súa longa carreira. Como non me soa de nada, queda clara a miña grande ignorancia sobre o cine francés e europeo.

A historia é ben simple. Conta uns meses na vida dun preadolescente parisino. É fillo de solteira, e a súa nai tampouco é que se preocupe demasiado por el. O seu padrastro faino un pouco máis, pero tampouco demasiado, así que el non se sente especialmente querido. Ademais, o seu rendemento no colexio é moi baixo e non encaixa nada ben cos seus severos profesores. Un día lata a clase cun colega e ve á súa nai cun amante, e isto aínda o illa máis. É collido nun pequeno roubo e enviado a un reformatorio, de onde escapa, e consegue ver o mar, xa que está cerca da costa, e ese era un dos soños da súa vida.

Claro, cheguei á película 60 anos tarde, é posible que me tivera chamado máis a atención véndoa antes, con menos influencias das que teño agora, pero tampouco me pareceu tanta cousa. Pero no momento debeu sorprender bastante. É unha das primeiras películas da Nouvelle Vague francesa, que semella que como características xerais tiña, entre outras, un estremo realismo e un intento de presentar a soidade do ser humano na sociedade actual. Non sei se podería emparentarse en certo xeito co neorrealismo italiano, pero parece que en Europa houbo varios movementos cinematográficos dese tipo, supoño que intentando competir co cine estadounidense, máis dado á fantasía e pirotecnia técnica.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...