domingo, 22 de novembro de 2020

A fiestra indiscreta

Seguindo con ese espazo de cine clásico na 2, levan varias semanas botando películas dirixidas por Alfred Hitchcock, protagonizadas por James Stewart, Grace Kelly, ou os dous ao mesmo tempo. Como foi o caso de "A fiestra indiscreta", de 1954, na que os dous papeis estelares son para eles. Por certo, o título orixinal foi "Rear window" (fiestra traseira, si dá a un patio interior, pero non semella ter outras fiestras ese apartamento); creo que calquera dos dous títulos podería considerarse aceptable. Un par de detalles máis do elenco: o asasino que se acaba descubrindo foi protagonizado por Raymond Burr (actor que despois se fixo famoso na serie "Perry Mason", da que oín falar moito pero non vin ningún capítulo), e Grace Kelly estaba aquí seguramente nun dos seus momentos de máis esplendor en todos os aspectos, tristemente un par de anos máis tarde decidiu deixar o cine para pasar a formar parte da familia real monegasca, xa hai que estar ben trastornada.

Pois nada, supoño que a veríades algunha vez, eu tamén, pero había moito tempo, e tiña ganas de refrescala. Un fotógrafo que ten unha perna rota e ten que gardar reposo no seu apartamento, dedícase a espiar a todos os veciños que dan ao patio interior da súa mazá. Hainos moi variados: un músico, unha bailarina, unha muller solteira e solitaria que intenta atopar un home para a súa vida, un matrimonio dun vendedor e a súa muller enferma, e algunhas outras persoas máis.

De súpeto, un día, de tanto espialos, comeza a notar algo raro no que ve a través da fiestra no apartamento do vendedor e a súa muller. Ela xa non está, tiña certos problemas de mobilidade, e non se explica como puido saír e irse, e semella que o marido non está demasiado afectado. Ademais ten unha actitude algo estraña. En noites de treboada, sae varias veces coa súa maleta de vendedor comercial. E tamén se lle ve limpando o apartamento con máis rigor do habitual.

O fotógrafo comeza a contarlle todo isto á súa moza e a un amigo seu que é policía. Eles son, en principio, bastante escépticos, pero aos poucos, vanse convencendo de que, se cadra, algo hai de verdade. E incluso a súa moza, sen o seu permiso nin consello, accede ao apartamento do vendedor cando está fóra, entón el volve, aparece tamén a policía, que fora avisada polo fotógrafo, e dese xeito o vendedor descubre quen está tramando toda a historia. Un pouco despois, o vendedor visita ao fotógrafo coa intención de matalo tamén a el, pero a policía chega a tempo, e conseguen apresalo, coa única consecuencia de que o fotógrafo rompe as dúas pernas, o que seguramente significará máis paranoias no vecindario, por culpa deste fotógrafo desocupado.

Saúdos.



O cabo do terror

Outra película clásica da que oíra falar moi ben durante moito tempo era "O cabo do terror". Soábame que había unha versión máis antiga e que hai poucos anos se fixera outra máis moderna protagonizada por Nick Nolte e Robert De Niro (se non me falla a memoria), pero non vin ningunha delas. E nese tipo de situacións, sempre prefiro a primeira versión ou orixinal, xa que me dá a sensación de máis frescura: a outra transmíteme oportunismo de intentar estirar un chicle que tivo éxito no pasado, moi pouco meritorio, na miña opinión. E aproveitando que agora hai un espazo de cine clásico na 2 os martes pola noite (cada vez máis publicacións deste blog fan referencia a películas emitidas aí), disfrutei do bo cine.

A historia semella interesante, pero claro, tendo en conta que sucede en Estados Unidos, ese país de chalados e paranoicos con altas doses de violencia. Un avogado de prestixio pasou un día por unha cidade na que non vivía, presenciou unha agresión dun home a unha muller, testificou contra o home, que foi enviado ao cárcere, e volveu á súa vida normal. Teoricamente non debería ter pasado nada máis.

Pero ao agresor non lle debeu facer demasiada graza, porque ao saír do cárcere oito anos despois, o primeiro que fixo foi ir á cidade onde vive o avogado, e presentarse ante el, para lembrarlle o caso, e deixarlle claro que está cabreado porque a súa testemuña o meteu no cárcere. A partires dese momento, de forma máis ou menos sutil, comeza a seguir ao avogado e á súa familia, deixándolle caer que a súa esposa e a súa filla lle parecen moi atractivas, e que podería pasarlles algo.

O avogado emparanóiase, e cos seus contactos na policía, intenta que o deteñan. Pero as faltas que podería ter cometido o agresor dende que saíu do cárcere son moi pequenas e discutibles. De feito, o agresor amosa que mellorou moito no seu coñecemento do Dereito estadounidense, e apoiándose en bos avogados, deféndese moi ben e incluso contrataca, porque é o avogado o que, a pesar do seu amplo coñecemento da lei, está empezando a pisar augas pantanosas dende o punto de vista legal.

Para min esa é unha das partes máis divertidas da película, cando o avogado e o xefe de policía comezan a pensar en posibles delitos que se lle poden aplicar ao agresor, e vese claramente que o sistema legal americano está (ou estaba) pensado para poder aplicalo de forma totalmente arbitraria ás forzas da orde. Iso se cadra explica o alto nivel de violencia que se vive alí (eu nunca estiven alí, nin creo que chegue a ir, pero a sensación que dan dende lonxe, para min, é esa).

O avogado contrata a un detective (o actor Telly Savalas aínda tiña pelo!!!) para seguir ao agresor. E algún tempo despois, véndose algo cercado e presionado, a través dese detective, contrata a tres matóns para que lle dean unha paliza ao agresor, pero resulta que é o tipo, el só, o que maza aos outros.

E chegan á conclusión final: o avogado simulará coller un avión a outra cidade. Pero realmente leva á súa familia a unha casa flotante a Cape Fear (Cabo do Terror ou Cabo do Medo, unha zona costeira de Carolina do Norte, creo). El unirase despois a eles, e o detective desprazarase ata alí de forma moi visible, para que o agresor o siga e localice a casa. A idea é facerlle alí unha emboscada ao agresor e matalo. Pero o tipo é máis listo ca eles e conseguirá decantar a balanza do seu lado ata case ao final, no que ganan os "bos". Que esperabades??

A película é de 1962, dirixiuna J. Lee Thompson, e os dous papeis principais son para Gregory Peck (o avogado, obviamente), e para Robert Mitchum (que en moitas ocasións fai o papel do malo). Chamoume a atención que, en determinados ambientes sórdidos, ao agresor o presentan como un home atractivo para as mulleres. Eu non o vexo, pero....

Saúdos.



mércores, 18 de novembro de 2020

O show de Truman

Unha película da que oíra falar moi ben e que tiña moitas ganas de ver dende había tempo era "O show de Truman". Botárona un día destes na televisión e aproveitei. Foi dirixida en 1998 polo australiano Peter Weir para total lucimento de Jim Carrey, actor americano ao que non soporto (e iso que non vin case nada del), e do que sigo pensando o mesmo, a pesar de que esta película está bastante ben.

Supoño que xa sabedes que esta película trata da vida dese personaxe chamado Truman Burbank, case "creado" por unha cadea de televisión que constrúe un xigantesco plató para que todo o público poida ver a súa vida televisada. Nun determinado punto da súa vida, Truman comeza a sospeitar que algo raro sucede, porque pasan cousas incluso repetidas ás que el non lle atopa sentido. Nós imos vendo o papel que desempeñan os diferentes actores e actrices contratadas para intervir na vida de Truman. E a película remata cun final algo esperanzador no que el descubre a súa "realidade" e decide fuxir dela para vivir a vida real, feito que fai moi feliz a toda a audiencia tamén, que xa lle collera cariño, a pesar de que remata unha das series preferidas do público.

Fai pensar moito en que cada vez hai máis persoas poseídas por este tipo de televisión, e supoño que haberá tamén persoas que intentar vivir dos concursos de telerrealidade deste tipo. Acabo de consultar o dato e resulta que Gran Irmán comezou as súas emisións en Holanda en 1999, xusto ao ano seguinte desta película. E resúltame moi preocupante que a tanta xente común lle resulte interesante a vida doutras persoas como eles. Non sei, eu non lle vexo o interese, pero se cadra o raro son eu.

Saúdos.



Gravity

Hai unhas semanas botaron na televisión (non lembro en que cadea) unha película de ciencia ficción de certa fama que hai uns anos levou un lote de Oscars: "Gravity". Dirixida polo mexicano Alfonso Cuarón, chamoume a atención que unha película desta temática fora protagonizada por dous sex-symbols como Sandra Bullock e George Clooney, resulta cando menos curioso (aínda que Clooney xa ten pisado este xénero).

Tiña boas referencias dela e incluso algunha das persoas que me falou dela fíxoo moi ben, dicindo que era moi bonita e emocionante. Por outra banda, acabo de atopar webs que mencionan que, dende o punto de vista científico, é bastante pouco realista, e iso sempre hai que telo en conta.

Hai que recoñecer que, estando ben a trama, e sen saber moito do tema, resulta bastante incrible o que pasa. Dous astronautas, un piloto experimentado e outra científica que debuta, están facendo reparacións no telescopio Hubble. E parece que os rusos deciden, xusto nese momento, destruir algúns dos seus satélites antigos, pero a cousa váiselle das mans, e provocan un desastre en masa que pon en órbita un mogollón de lixo sideral. E, obviamente, golpea e destrúe ao transbordador no que subiron estes dous astronautas, polo que comezan a vagar polo espazo.

E a partir de aí aparece o máis incrible. Cos propulsores dos seus traxes, comezan a plantexarse excursións como "agora imos á Estación Espacial Internacional", a ver se podemos entrar alí, nos subimos a un dos seus módulos, e voltamos á terra. Pero cando chegan alí, máis ou menos o mesmo. E despois van á Soyuz rusa, onde hai un incendio, e volta a empezar. Cando chegan aí, xa só queda a científica, o piloto saíu despedido e vai morrer vagando polo espazo. Da nave rusa tamén hai que marchar, e chega, vagando polo espazo, á nave chinesa, onde, aí si, consegue facer despegar a cápsula e volta ela soa á Terra.

Buf, a idea resulta tan incrible que xa acaba perdendo algo de interese ao final. Xa se supón que queren que a historia acabe ben, e xa non saben que inventar, por máis impredecible que sexa.

Saúdos.



sábado, 14 de novembro de 2020

Jason Bourne

 Nalgún momento do pasado vin algunha película da saga sobre Jason Bourne, agora mesmo non lembro cal foi. E non me desagradou demasiado. A min se me conquista con certa facilidade se na mesma historia aparecen escenas en diferentes lugares do mundo, debe ser a paixón por viaxar. Así que me crucei con "Jason Bourne" e animeime a vela.

Pero coido que xa non vou picar máis. Aparte desa ansia viaxeira, nas películas desta saga hai bastante violencia (nalgúns casos, algo gratuita), e sobre todo, xa estou cheo desa paranoia estadounidense polos axentes dobres ou triples da CIA ou do FBI, aos que lles pasa algo raro, e de súpeto convértense en super-inimigos da nación, son perseguidos por todas estas axencias e todas esas caralladas que xa veríades máis veces. Están totalmente vixiados, todas as comunicacións do planeta intervidas, pero eles son listísimos, e conseguen escapar de trampas terribles, e todo iso para que prevaleza a "verdade"... ou sexa, estupideces que só caben na cabeza dun estadounidense. Así que esta foi a última.

Creo que a crónica da película non vai moito máis alá diso. A CIA descobre que Jason Bourne segue vivo, e lembran que agora é perigosísimo e que hai que eliminalo (eles pensaban que xa o fixeran). En diferentes lugares do planeta (agora lembro Islandia e Atenas), el ou algún dos seus cómplices, é perseguido ata a morte, que lle está rondando sempre pero nunca chega. Algúns da CIA pretenden negociar con el e que siga vivo, para que volva ao rego, e outros queren matalo sen remisión, para que non desvele o que sabe. O dito, estupideces estadounidenses.

Saúdos.




domingo, 8 de novembro de 2020

Sesión continua

Na situación actual, séguese programando teatro, aínda que hai moitas menos obras das habituais, e cada vez poden asistir menos persoas. No momento de escribir esta breve crónica creo que xa só poden ir 30 persoas a cada representación, hai unhas semanas eran 60, e cando asistín a esta, coido que era unha porcentaxe determinada do aforo total. Así que non anima moito a ir, porque dá a impresión de que as posibilidades de conseguir unha das escasas butacas é baixa. Pero se cadra todos pensamos o mesmo, e ao final se cadra si hai sitio. Por todas estas razóns, eu só vou ao teatro do Fórum Metropolitano (quédame a 10-15 minutos da casa), onde basicamente programan teatro galego de compañías de rango medio ou baixo (que en Galicia son practicamente todas).


Nesta ocasión foi a quenda de Bucanero Teatro (Pedro Picos e Xosé Bonome) xunto con Sabela Hermida, ou sexa, os mellores colegas de Lino Braxe. El era o director e os autores eran eles, así que todo quedaba na casa. En definitiva, un divertimento máis, que é o que fan cando se xunta toda esta tropa. Teatro sen moitas pretensións, divertido, para pasar un bo rato, que non é pouco nos tempos que vivimos.


Como di nos folletos promocionais, é unha pequena homenaxe a grandes películas como "2001: Unha odisea no espazo", "O resplandor", "Pulp Fiction", "Febre do sábado noite", "Instinto básico", "Psicose" e outras. Botamos unhas risas un venres pola noite, actualmente iso xa é un planazo.


Saúdos.

domingo, 1 de novembro de 2020

Presunto inocente

 Un día destes botaban unha película cuxo título me soaba algo, e que podía ter varios puntos de atracción. A película é “Presunto inocente”, dirixida en 1990 por Alan Pakula, con protagonismo principal para Harrison Ford, pero na que tamén aparecen Brian Dennehy, Bonnie Bedelia e Greta Scacchi. Polo que vin da sinopse, xa cheiraba a drama xudicial, que non me vai moito, pero animeime, e ao final a cousa non quedou tan mal.

 

O avogado protagonizado por Harrison Ford é o xefe do equipo de avogados dun fiscal (creo recordar) que se presenta á reelección para o seu cargo, cunha campaña electoral moi intensa e na que as cousas non pintan demasiado ben. E xusto cando están na recta final desa campaña, aparece asasinada outra das avogadas dese equipo, que polo que parece era o xoguete sexual de varios dos altos cargos desa oficina, entre os cales está o fiscal e o super-avogado, e todos o saben.

 

As sospeitas comezan a apuntar a todos eses importantes homes, especialmente ao avogado xefe, e a verdade é que as probas semellan apuntar todas na mesma dirección. Ademais, el non pode aseguralo, porque co frenesí da campaña electoral, xa non lembra exactamente que días a chamou, que días pasou pola súa casa, e todo iso é esencial para incriminalo ou liberalo. Ademais, o outro fiscal que pretende pretende facerse co cargo, tamén ten aos seus avogados e investigadores a pleno rendemento intentando ensuciar a campaña o máximo posible e intentando culpar aos da oficina.

 

Por outra banda, está a familia do avogado, xa que a muller sabía perfectamente da aventura do seu marido coa avogada, e bótallo en cara cando se enteran do seu asasinato. Por se non chegara con iso, na causa tócalles un xuíz negro con fama de ser bastante estricto. Pero resulta que cando van tirando dos fíos da investigación, acaban descubrindo que nun mal momento da súa vida, o xuíz aceptou sobornos, e como el teme que iso se desvele, por esa razón e por moitos erros na investigación oficial, decide dar a causa por sobreseída, e o avogado protagonista queda libre.

 

SPOILER: Na última escena, o avogado, facendo limpeza na súa casa, descubre que foi a súa muller quen matou á avogada, e ela o recoñece, pero deciden deixar todo igual, porque ninguén vai chegar a sabelo nunca.

 

Conclusión: que o sistema xudicial americano está bastante podre, como todos os demais.

 

Saúdos.

 



Tralo corazón verde

 

Debo recoñecer unha vez máis que a pandemia e o confinamento conseguiron que me reconciliara coa televisión, ou case mellor podería dicir co cine que botan por televisión, porque estou aproveitando para ver películas polas que tiña certo interese, que non vin nunca, que só vin fragmentos, ou que vin hai moitos anos pero case non lembraba nada. Tamén vexo episodios soltos dalgunhas series, pero con moito menos interese, sobre todo porque o índice de repeticións é moi elevado.

 

Unha desas películas é “Tralo corazón verde”. Vira fragmentos hai tempo e tiña pinta de que podía ser entretida. Aventuras, ritmo frenético nun ambiente exótico. Os dous protagonistas principais foron Michael Douglas e Kathleen Turner, mito case erótico dos 80 que desapareceu do cine porque uns problemas de saúde a fixeron engordar moitísimo. Pouco despois protagonizaron a secuela, titulada “A xoia do Nilo”. Na cadea onde vin esta película hai unhas semanas, botaban as dúas seguidas, pero preferín parar. Xa digo, como se repiten bastante os contidos, seguro que poderei vela no que falta de 2020 sen moitas dificultades. Estaba convencido de que eses dous actores eran parella ou algo así, pero semella que non, cousas que pasan. A película foi dirixida por Robert Zemeckis en 1984.

 

A historia é un tanto rocambolesca. A actriz principal é escritora de novelas románticas, e ten unha irmá en Colombia. O marido da irmá é asasinado e ela secuestrada, pero ao marido deulle tempo a enviarlle á escritora a EEUU un sobre que ten unha información moi importante. Cando a escritora recibe esa información, tamén a chama a súa irmá para dicirlle que está secuestrada e que o paquete que recibiu é precisamente o que pode liberala, así que debe ir a Colombia e seguir as instrucións dos secuestradores.

 

A escritora chega a Colombia, e xa dende o minuto 1, nótase que os americanos queren deixar claro que Hispanoamérica é o terceiro mundo, e que todo é un caos en Colombia (a película rodouse en México realmente). O comezo do traslado en Colombia é un auténtico desastre. Ademais, ela non o sabe, pero está sendo perseguida por dous homes diferentes e que non teñen nada que ver entre sí: un é o cómplice do secuestrador da súa irmá, e o outro é o militar que matou ao seu cuñado. Despois dun accidente no autobus que a leva, coñece de casualidade ao cazarrecompensas protagonizado polo actor principal, que lle axuda a saír da situación.

 

O home axuda á muller a chegar á cidade onde está secuestrada a súa irmá, pero polo camiño descubren que o máis importante que hai no paquete que lles reclaman é un plano que parece indicar a ubicación dun tesouro ao que chaman o Corazón Verde. De forma moi casual atopan o lugar, e o tesouro resulta ser una esmeralda moi grande coa forma dun corazón.

 

Sepáranse e quedan en verse en Cartagena, a cidade onde está secuestrada a irmá. Alí aparece ela co plano (que agora xa non vale para nada, porque xa atoparon o tesouro, pero os outros non o saben aínda) para presentarse aos secuestradores, e tamén aparece o militar, que capturou ao cazarrecompensas, que é quen levou a esmeralda. Hai a típica pelexa na que acaban ganando os bós, obviamente. E a película remata cos dous protagonistas atopándose de novo en Nova Iork, para seguir xuntos a súa vida, despois de que a escritora conseguira plasmar toda a aventura nunha novela, que emociona moito á súa editora, sen sospeitar que todo sucedera “realmente”.

 

Como outras veces, rematamos co delirio hispano da tradución dos títulos das películas rodadas en inglés. O título orixinal en inglés é “Romancing the stone”. Non son un experto nese idioma, pero semella que o sentido da frase podería ser algo así como “Cortexando a pedra” ou “Coqueteando coa pedra”. Vista a película, tampouco me parece un título moi acaído a verdade. A tradución en España foi “Tras el corazón verde”, que vistas as opcións, tampouco está tan mal. En Hispanoamérica o título foi “Tras la esmeralda perdida”, que tampouco está mal, e preserva a sorpresa da forma da esmeralda, cousa que os españois estragaron. E en México (que foi onde se rodou a maioría da cinta) xa se lles foi a pelota e titularon “Dos bribones tras la esmeralda perdida” (que necesidade había).

 

Saúdos.




Nova plataforma para Viaxes O Lóstregho

Este blog naceu o 25 de decembro de 2006 na plataforma galega Blogoteca. Esa plataforma está comezando a facer cousas algo estrañas, e ademais, antes ou despois, estaba cantada que acabara chegando a unha das grandes plataformas planetarias, que dan moita máis estabilidade. Por razóns que non veñen ao caso, a elixida foi Blogger.

Neste 1 de novembro de 2020, damos o salto. Se queredes ver as publicacións da plataforma antiga, só tedes que pulsar aquí.

Saúdos.

Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...