domingo, 28 de xaneiro de 2024

O terror

Cheguei a esta película por varias vías diferentes en moi pouco tempo. Por unha banda, é unha das moitas que atopei en Youtube que se poden ver gratis e completas (unhas veces con máis calidade e outras con menos, éche o que hai). Pero aparte diso, tamén atopei na miña casa un DVD con esa película, e non teño nin idea de como chegou alí. Así que unha noite destas animeime, a pesar de que pouco sabía dela, pero non tiña mala pinta.

E resulta que "O terror" foi dirixida en 1963 por Roger Corman (vaia, semella que algunhas escenas foron rodadas por outras persoas do equipo, como Francis Ford Coppola ou Jack Nicholson, e outros). No elenco destacan Boris Karloff e Jack Nicholson, e algunha outra sorpresa, como Sandra Knight (que era a esposa de Nicholson nesa época). Pero vaia, basicamente actuan 6-7 persoas, non máis.

Porque as películas de Roger Corman merecen comentario aparte. Este director, nado en 1926 e aínda vivo (está xa cerca dos 100), produciu cerca de 300 películas e dirixiu unhas 50. Como se conseguen esas cifras tan elevadas, tendo en conta que agora xa apenas traballa, obviamente? Pois porque era un tipo algo ou bastante cutre e apañado, que aproveitaba material, vestiario, escenarios, dunha produción para outra, e que era capaz de rodar unha película destas características nun prazo de un mes ou menos. Semella que a súa época máis prolífica foi a década dos 60. Gustáballe moito o terror gótico e as historias de Edgar Allan Poe, e contaba moito con actores como Vincent Price. Pero o resultado non era moi profesional, por exemplo, nesta película hai unhas escenas nas que aparecen unhas aves que atacan a un dos personaxes, e cando sucede iso, case nin se ven as aves, os enfoques e os encuadres eran moi malos, e a montaxe non os melloraba. Ou sexa, que as historias podían resultar interesantes (para min o son), pero o resultado é moi mediocre. En calquera caso, vou ver se en Youtube hai películas deste tipo, que seguro que resultan algo atractivas. Por certo, nas súas películas debutaron como directores, produtores ou actores moitas figuras posteriores. Semella que non era moi esixente nas súas pretensións.

A historia é bastante rara de por si, pero non semella estar baseada en ningún relato e novela de ningún autor famoso, parece un guión orixinal. Un soldado napoleónico aparece nunha praia, aparentemente despois dun naufraxio, así que xa nos situamos a comezos do século XIX, pero nun lugar non identificado. O primeiro que ve ao espertar é a unha muller moi fermosa que semella levalo cara a algún lugar daquela illa, ou o que sexa. Acaban axudándoo e por algunha razón, decide ir en dirección ao castelo, que está nunha punta da "illa", e onde vive o barón Von Leppe, co seu criado Stefan. Chega alí, o barón prefire botalo axiña, non quere a súa compañía, porque parece unha persoa moi amargada (o barón, digo). Pero o soldado ve nun cadro un retrato da fermosa muller que viu ao espertar. O barón dille que é a súa muller, que morreu hai vinte anos, así que é imposible que a vira na praia.

Despois vaise sabendo que o barón descubriu á súa muller con outro home, e que os matou aos dous, hai xa tempo. Pero a nai dese home, que ten coñecementos de bruxería, está facendo trucos para que a muller do barón se lle apareza e o anime a suicidarse, para xuntarse os dous "na eternidade". O barón ao principio non está moi animado pero cada vez o está máis, porque xa vai vello e xa non lle parece unha mala saída. E coa aparición do soldado todo se acentúa.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...