sábado, 11 de marzo de 2023

O nacemento dunha nación

Pois si, teño moito retraso acumulado nestes artigos. O que estou comentando agora pasou hai xa mes e medio, e xa teño certas dificultades para lembrar en detalle as obras culturais. Dende que merquei a nova Smart TV, abriuse o escenario de ver películas que estiveran en Youtube, como "O nacemento dunha nación", a mítica obra de Griffith da que tanto oíra falar. E por fin o conseguín.

"O nacemento dunha nación" foi dirixida en 1915 por David Wark Griffith. É unha película muda, obviamente en branco e negro, de 3 horas de duración (estou intentando convencervos de que vela é un esforzo considerable) e seguro que o elenco foi moi célebre naquela época, pero o único nome que me soa vagamente é o de Lillian Gish. Como anécdota, diremos que nun papel moi secundario, o actor que mata a Lincoln no teatro foi Raoul Walsh, que despois si foi un director célebre.

Antes de contar o argumento, imos falar antes das súas consecuencias técnicas e ideolóxicas. Polo visto, esta foi unha das películas que cambiou técnicamente a forma de facer cine. Ata ese momento, o cine viña sendo algo así como "teatro rodado con cámaras". Había pouco dinamismo, as esceas sempre tiñan os mesmos tipos de plano, apenas cambiaban os escenarios. Porén, esta película xa parece moderna, no sentido de que hai múltiples escenarios, nunha mesma escena poden alternarse planos xerais con primeiros planos, etc. Así que hai que agradecerlle ao director a clarividencia en dar ese inmenso paso que todo o mundo asumiu como propio a partir del.

O que xa non hai que agradecerlle tanto é o racismo e supremacismo que destila a película por toneladas. Preséntase aos negros como vagos e borrachos, que na guerra civil están intentando liberar o Sur simplemente para poder gozar dos seus vicios ao máximo, incluso nos parlamentos e gobernos. E fálase de marabilla do Klu Klux Klan xustificando a súa creación e tropelías (de feito, o título orixinal da película era "The Clansman", que supoño que facía referencia a este Clan, pero iso xa é suposición miña). Tanto é así, que ningún actor negro quixo participar na película, e tivo que poñer a brancos coa cara pintada. Sorprendentemente, o director dixo que non era certo o seu racismo (resulta bastante difícil de crer despois de ver a película), e en resposta a iso, o ano seguinte rodou "Intolerancia", unha magnífica película que eu vin no CGAI hai uns cantos anos, que tamén dura 3 horas, e que tamén está en Youtube.

A historia da película vén sendo a amizade entre dúas familias da época da Guerra Civil estadounidense. A familia Cameron, de Carolina do Sur, únese aos Sudistas, mentres que os Stoneman (creo que son de Carolina do Norte) son leais aos federais de Abraham Lincoln. Está claro que a tensión entre as familias vai crecer debido a isto, pero aínda así seguen tendo afecto entre eles.

En calquera caso, na película tamén se fala doutros personaxes históricos máis relevantes que teñen máis ben pouca relación con estas dúas familias, aínda que sempre aparecen os contactos por un lado ou polo outro. Pois iso, déixase caer que a imposición de normas impopularse no Sur por parte do exército do Norte fai que ganen as eleccións mediante pucheirazo os partidos dos negros, e que entón os gobernos e parlamentos pasan a ser festas nas que os negros están sempre borrachos e bailando.

Por outra banda, os negros sempre están pensando en violar a mulleres brancas, e iso fai que algúns brancos do Sur funden o Klu Klux Klan, que as vai defender, e bla bla bla... as tonterías de sempre. Ao final, a familia norteña acaba dándolle a razón aos seus amigos do sur e uníndose aos seus postulados. En definitiva, bastante patético, e non me explico que esperaba Griffith que pensara todo o mundo despois de asinar unha película como esta.

Saúdos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...