sábado, 11 de marzo de 2023

Recortes, caneos e outras formas de driblar

Tíñao todo para triunfar, pero non teño moi claro se o está conseguindo. Unha obra de teatro que trata de fútbol e que ten a Touriñán como principal estrela do elenco xa ten moito avanzado en Galicia, pero a sensación coa que saín do Teatro Colón da Coruña é que non entusiasmou demasiado, máis ben pouco. Creo que moita xente que asistiu fíxoo polos dous factores que mencionei ao principio, pero non foron ao teatro na súa vida, e polo tanto "non sabían moi ben ao que ían".

"Recortes, caneos e outras formas de driblar" é unha coprodución do Centro Dramático Galego e Ainé (a produtora de Touriñán). O elenco está formado por Xosé Antonio Touriñán, Manuel Cortés, Sergio Zearreta (se cadra estes os máis coñecidos, sobre todo o primeiro, con moita vantaxe sobre os demais), Christian Escuredo, Xoán Fórneas e Isabel Garrido.

O escenario é como unha grada con catro ou cinco chanzos ben amplos e espaciosos, con moita capacidade lumínica, que aproveitan para facer algún xogo de luces bastante espectacular. Polo medio tamén hai algunhas trampillas polas cales aproveitan para entrar, saír ou dar discursos algúns dos personaxes, o que lle dá certa vivacidade ao espectáculo.

Touriñán xa se ten manifestado publicamente como un grande siareiro do fútbol, especialmente do Deportivo, nesta dura época que está pasando. É probable que moita xente asistira á obra pensando que se ía falar das glorias do Deportivo ou algo semellante, e nada máis lonxe da realidade.

Fálase do fútbol en xeral, de todo o que o arrodea, sobre todo dende o punto de vista dos siareiros, pero preséntanse perspectivas, para min, moi interesantes, como o auxe do fútbol feminino, a actitude dos siareiros nos campos de fútbol, cos outros siaireiros, cos futbolistas, cos árbitros... 

Sospeito que as persoas que ían buscando un espectáculo futbolístico máis convencional que reforzara aínda máis a vertente comercial e de puro espectáculo que ten agora saíran moi decepcionados, porque non trata en absoluto diso. A min non me apaixoou demasiado, pero creo que me desagradou menos que a boa parte do público, porque eses temas "non convencionais" que xiran en torno ao fútbol parecéronme moi apropiados. Seguramente Touriñán aproveitouse da súa fama para facelos máis visibles, pero probablemente iso fíxolle perder un pouquiño de fama, porque dubido que sexa capaz de conmover as conciencias dos futboleiros, que teñen cousas melloras polas que apaixoarse.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...