domingo, 18 de decembro de 2022

O inimigo coñece o sistema

Hai varios anos merquei un libro titulado "O inimigo coñece o sistema", publicado en galego por Kalandraka, e escrito pola xornalista Marta Peirano. Hai unhas semanas tocoulle a súa quenda para ser lido. Casualmente, uns días máis tarde fun ver unha exposición sobre intelixencia artificial titulado "More than human", que pode verse na Coruña nestes meses. Mira ti por onde, na exposición falaban dalgún dos temas que saen no libro.

O libro trata sobre a vixilancia que exercen os gobernos a través das grandes empresas tecnolóxicas na vida dos usuarios electrónicos. Principalmente a través de Internet, algo nos ordenadores, pero sobre todo cos móbiles, que son unhas máquinas de produción inxente de datos e información moi golosa para as corporacións e gobernos que queren controlarnos.

Nas súas algo máis de 300 páxinas había moitas anécdotas xugosas, pero por destacar só algunhas, direi que as aparentemente inocuas "tarxetas de puntos" que usamos en moitas tendas, son unha fonte de datos inesgotable sobre os nosos hábitos, e ninguén sospeita delas e estamos encantados de telas, e cantas máis mellor. Por outra banda, tamén me chamou a atención o feito de que o coche de Google Street View que nos permite ver na pantalla as rúas das nosas cidades tamén vai rastrexando wifis por todo o planeta, para poder ubicar mellor a todo mundo e seguir os seus movementos (o móbil é moi doado de xeolocalizar, o ordenador fixo non tanto).

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...