luns, 31 de outubro de 2022

Sissi

Si, si, recoñezo a posible estupefacción que poida provocar a presenza dun comentario sobre esta película neste blog, pero fun incapaz de resistirme á tentación de ver que nunha cadea da TDT española botaban seguidas as tres películas da saga. A tentación non foi velas todas, porque xa supoñía que a primeira ía satisfacer dabondo a miña curiosidade, e así foi. Por outra banda, non teño eu moi claro se eu vin algunha vez unha película austríaca, pero estou case seguro que esta saga está entre o máis exitoso da súa produción histórica.

A película foi dirixida en 1955 por Ernst Marischka (dirixiu a triloxía completa), para total lucimento da actriz Romy Schneider (a primeira princesa e despois emperatriz austríaca Isabel, coñecida como Sissi) e de KarlHeinz Böhm (o emperador Francisco Xosé I). Como non creo que volvamos falar aquí de cine austríaco (Schwartzenegger aínda non actuaba, polo visto), non creo que pague a pena mencionar ao resto do elenco, aínda que non deixa de resultar curioso que a nai de Romy Schneider tamén facía o papel da súa nai na película (de feito, o parecido é moi salientable).

Pois probablemente os austríacos estean moi orgullosos destas películas e da nostalxia do Imperio Austro Húngaro (cando se rodaron, ese Imperio aínda se viñera abaixo só unhas décadas antes). Pero a historia está ambientada no seu momento de máximo apoxeo, a mediados do século XIX. De feito, parece como se rodaran esta triloxía para conmemorar os 100 anos pasados dende o suceso. Tamén podemos comentar que o reinado desta desdichada muller abrangueu toda a segunda metade do século XIX, e que as películas parecen ser bastante fieis á súa historia, que xa digo, foi bastante máis triste do que poderíamos pensar. Pero imos falar só desta primeira película (as outras non as vou ver), que é máis alegre.

A nai do novo emperador Francisco Xosé I, que é unha argallante, está buscándolle muller, cando el non ten demasiada presa nese tema. E pensa que a princesa Elena de Baviera, a súa sobriña, é a candidata ideal. Avisa á súa irmá, a nai de Elena, para que a leve á festa de aniversario do emperador, alí presentalos, e que xa quede selado o compromiso. O emperador é coñecedor de todos estes manexos, pero pasa bastante. Pero para disimular un pouco, deciden que nesa inocente viaxe tamén as acompañe a irmá pequena Isabel, coñecida como Sissi, que é unha rapaza máis desinhibida, non moi pendente das convencións sociais, e moi impetuosa e simpática. E o emperador, que a coñecía dende hai tempo, pero había moito que non a veía (de feito son curmáns), queda prendado de Isabel, non de Elena, con gran disgusto para as dúas irmás argallantes. A trama é así de chorras, así que imaxinade as seguintes, aínda que creo que a vida da señora deu para moito.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...