luns, 31 de outubro de 2022

O imposible

Curioso caso o desta película. Produción totalmente española, pero con elenco británico, rodada en inglés e no estranxeiro, e que tivo un grande éxito. Exemplo de que poden facerse bos produtos audiovisuais sen vivir en Hollywood e sen pretender avasallar a ninguén con soberbia. Polo menos aparentemente.

A película dirixiuna no ano 2012 Juan Antonio Bayona (que grazas a esta película xa está tendo moito prestixio a nivel internacional), e no elenco destacan Naomi Watts e Ewan McGregor, como os pais da familia, e Tom Holland como o fillo maior. O resto de papeis son moi secundarios. Aínda que na película contan a historia como se a familia de vacacións en Indonesia fora inglesa ou estadounidense, realmente sucedeulle a unha familia española, que colaborou na escritura do guión, concretamente a nai, que era doutora.

Unha familia acaba de chegar a un paradisíaco "resort" de Indonesia para pasar o Nadal de 2004, cando se produce o fantástico tsunami que todos lembramos naquela zona. A familia está formada pola parella e tres fillos. Despois do impacto da xigantesca onda contra o hotel de luxo (que por outra banda é un edificio de planta baixa, non unha torre nin nada parecido), a familia queda separada en dous núcleos.

Por unha banda, a nai e o fillo maior. Pola outra, o pai cos dous fillos pequenos. Ningún dos dous grupos sabe do outro ata días despois, así que xa non conservan moitas esperanzas de volven xuntarse todos. A nai sofre graves feridas cando está fuxindo da onda, e cando consegue chegar ao primeiro hospital, dánlle unha certa prioridade para operala, porque a ferida do peito e da perna teñen moi mala pinta (ela mesma é doutora e sábeo). O fillo maior, que está con ela, por un erro de organización no hospital, tamén perde o contacto con ela durante unhas horas, incluso chega a pensar que morreu, pero finalmente atópanse de novo.

O pai segue unha traxectoria totalmente diferente. Deixa que leven aos seus dous fillos pequenos con outras familias a un refuxio seguro nas montañas, mentres el segue buscando á muller e fillo maior, aínda que xa ten poucas esperanzas de atopalos. Vai mirando en todos os hospitais da zona, para saber se alí está ingresada a súa muller ou fillo, e incluso chega a perder temporalmente o contacto cos seus dous fillos pequenos. Pero por unha grande casualidade, no último hospital que lle queda por mirar, localiza de novo aos seus dous fillos pequenos e tamén ao fillo maior, que os xunta coa nai. Operan á nai e marchan para Singapur nun avión da compañía de seguros contratada coa viaxe.

Si, emotiva película. Obviamente, o que máis chama a atención, para ser unha produción netamente europea e principalmente española, son os efectos especiais necesarios para recrear o tsunami e todos os desastres producidos a partir del, o caos e a destrución xeralizada. E non están nada mal, certamente.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...