sábado, 29 de outubro de 2022

Do piñeirismo ao Consello da Mocidade

Hai máis de oito anos que un bo amigo que é un dos máximos expertos na historia do nacionalismo galego me agasallara con este libro, do que era un dos seus coautores. Xa sabedes que, para un libro, caer na miña biblioteca, é case garantía segura de esquecemento e ostracismo durante varios anos, para despois pasar a ser candidato a ser lido. Hainos que aínda esperaron máis.

Neste libro, editado pola Fundación Moncho Reboiras, e coordinado principalmente polos historiadores Xoán Carlos Garrido Couceiro e Uxío Breogán Diéguez Cequiel (aínda que hai varios artigos máis, de menor calado), fálase da historia do nacionalismo galego nunha época duns 30 anos. Máis ou menos dende que comezou a Guerra Civil ata mediados dos anos 60, cando nacen a UPG e o PSG, que máis ou menos dan lugar ao BNG uns anos máis tarde.

Obviamente, a figura de Ramón Piñeiro, que falaba de non actuar en política e si na cultura, pero que despois acabou militando no PSOE, non queda moi ben parada. El falaba de impregnar de galeguismo a todos os demais partidos e de non crear ningún propiamente galeguista ou nacionalista. Postura respectable pero que, obviamente, non gusta nada en determinados entornos. 

O que máis me chamou a atención foi a figura de Antón Moreda. Nacido no ano 34 en Galicia, tivo que emigrar de pequeno a Sudamérica, fíxose galeguista no exilio, e decidiu volver a Galicia no ano 60, cando tiña 26 anos. Os conflitos que tivo co grupo "piñeirista" naqueles anos, foron tan terribles e inesperados, que volveuse tolo e estivo internado nun manicomio na Terrá Chá durante uns 40 anos, ata a súa morte, que sucedeu hai uns 10 anos, aproximadamente. Moi interesante historia, da que xa se ten falado nalgún libro e película galega dos últimos anos.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...