martes, 23 de agosto de 2022

A porta de palla

Neste verán literario, seguín tirando das vellas coleccións da Voz de Galicia que merquei hai máis de 15 anos, e que estou "descubrindo" agora. Unha delas era a de autores galegos que escribiron en castelán. Ao comezo do verán lin "A Casa da Troia" e agora foi a quenda de "A porta de palla" de Vicente Risco. Teño que dicir que a elección desta obra concreta (había algunhas máis para elixir) debeuse á casualidade de que hai pouco estiven aloxado nun hotel de Castro Caldelas que anteriormente foi a casa de veraneo da familia de Vicente Risco. Casualidades que ten a vida.

Esta obra é un auténtico delirio. Hai pouca información sobre ela. Atopei un artigo que di que o autor escribiuna nuns vinte días, como poseído, e que el non era demasiado consciente do que saía, ata que ao final comprobou unha certa coherencia. Por outra banda, estivo a piques de ganar o Premio Nadal de 1952 con esta obra. Parece un claro expoñente de novela católica da posguerra española, que estaría moi en voga naquela época, aínda bastante cerca da Guerra Civil. Tamén hai que ter en conta que o autor tiña case 70 anos, e faltábanlle uns 10 para morrer, e xa debía estar moi influído polo franquismo e polo seu recobrado fanatismo relixioso.

Vou contar moi por enriba de que vai, porque hai moitos personaxes e suceden cousas a todas horas. Basicamente todo xira en torno ao bispo Baldonio, da diócese de Nerbia, que foi excomulgado polo Papa, pero que pasa bastante del. Pero a xente dos territorios gobernados por Baldonio son felices e hai bastante prosperidade.

Por se non chegara con todo o demais, Baldonio ten encontros carnais con dúas mulleres da súa "corte", Rosinda e Alda. A primeira é a que máis lle gusta, máis discreta, e a segunda é como máis salvaxe, pero tamén lle agrada. En ningún sitio se concreta, pero podería ser que Alda fora xitana, por algúns comentarios sobre a "tribu" á que pertence, que ten certo protagonismo no resto da novela.

A crise xurde cando Rosinda desaparece do castelo bispal por algunha descoñecida razón. Baldonio entra en barrena e sofre estrañas alucinación pseudobeatas nas que é arrastrado, perseguido, etc, pero ninguén ten constancia de que sucedera iso. Pero iso coincide coa visita duns enviados do Papa que veñen a reprendelo pola súa pouco exemplar actitude. E Baldonio recoñece as súas faltas, pero quere ir ata Roma para que o propio Para en persoa llas perdoe. Un bo feixe de cidadáns, conmovido, acompáñao ata alá.

Mentres sucede iso, os aldeáns da zona rebélanse e toman a cidade, o cardeal e nuncio papal quédase practicamente só no castelo porque os nobres están discutindo entre eles e rivalizando polos seus cargos.

En Roma o Papa agradece o recoñecemento das faltas do propio Baldonio, e queda absolto, pero o posto de bispo pasa ao seu sobriño Finamor, moi aprezado por toda a poboación. Pero aínda así, os cidadáns que o acompañaron non están demasiado contentos co final da historia. Cando volven, a prosperidade na que vivían antes tarda en volver, e os mesmos cidadáns que o apoiaban, apedrean a Baldonio.

Este é un resumo así moi esquemático de todo o que pasa, que é un auténtico disparate. É probable que vos preguntedes por que o título dun disparate como este é "A porta de palla". En varios momentos da novela, Baldonio e Finamor atópanse diante dunha porta de palla que está nas aforas de Roma. A primeira das veces non están fisicamente diante dela, pero a segunda si. Finamor explícalle o que significa, o que hai a un lado e a outro da porta, que sucede se abre a porta e atopa unha realidade ou outra. Supostamente esta é unha novela metafísica ou teolóxica, e iso debe ser, porque algunhas disquisicións que se fan nela, polo menos a min, quédanme moi arriba e non teño maior interese en chegar a elas.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...