martes, 23 de agosto de 2022

A chaqueta metálica

Xa que o ano pasado merquei un paquete que traía sete das películas do meu admirado director Stanley Kubrick, e ata agora só vira dúas (e ademais das máis gratas para min), era hora de seguir disfrutando dese paquete. O que pasa é que só fixo 13 películas (no paquete veñen máis da metade, as máis recentes), e non todas me gustan. Por razóns que non veñen ao caso, escollín ver "A chaqueta metálica", que creo que xa vira anteriormente (aínda que apenas lembraba nada). Por se non chegara con iso, é cine bélico, que a min me interesa máis ben pouco, así que a cousa pintaba regular.

A película foi dirixida por Stanley Kubrick en 1987. Foi a súa penúltima película e, a estas alturas da súa vida, as rodaxes xa ían moi espaciadas, de feito, morreu cando estaba rematando a seguinte, "Eyes wide shut". O elenco tampouco é que sexa moi destacado. O papel principal foi para Matthew Modine, un actor que daquela non era moi coñecido e tampouco o foi despois. Outro papel de certa importancia foi para Vincent D'Onofrio, que debutaba nesta película pero que despois diso só tivo un certo éxito en televisión. Tamén tivo un certo impacto Adam Baldwin (nada que ver cos irmáns do mesmo apelido) e Lee Ermey, quen se interpretou a si mesmo como instrutor militar. Intentaron contratar a Bruce Willis ou Arnold Schwartzenegger para algúns dos papeis pero non puideron.

A película ten dúas partes ben claras e diferenciadas. Na primeira, que dura uns 40 minutos, vese o seu duro adestramento militar nun campamento de Carolina do Sur. Despois diso, van ao Vietnam e alí enfróntase á dura realidade da guerra, con algúns incidentes destacados.

Na primeira parte destacan o "bufón" Davis (Matthew Modine), que xa se vai configurando como a figura principal da película (aínda que tampouco destaca moito sobre os demais), o salvaxe instrutor Hartman (Lee Ermey) e o recluta "patoso" Leonard Lawrence (Vincent D'Onofrio), humillado polo instrutor en moitas ocasións pero que, ao final da instrución, semella estar tan ben ou mellor preparado ca os demais, a pesar do seu desgarbado corpo. Esta parte da película, seguramente a máis lembrada (sobre todo polos amantes e nostálxicos da vida militar) remata de forma tráxica coa escea que vedes no vídeo de abaixo, na que un sobrepasado Leonard mata ao instrutor e despois suicídase.

Despois marchan para Vietnam e ao personaxe principal tócalle un papel de xornalista na retaguardia, así que pouco combate ve, e incluso quéixase algo diso. Ten unha actitude bastante ambigua, cun casco no que pon "Nado para matar" pero tamén leva unha chapa da paz, e algún superior seu bótalle en cara iso, e as súas explicacións non resultan demasiado convincentes. A súa unidade vaise metendo cada vez máis na guerra e teñen algúns incidentes serios nos que perden a moitos soldados.

A miña opinión sobre a película é bastante mala. Xa digo, creo que xa a vira hai moitos anos, e só lembraba vagamente os duros adestramentos e humillacións da primeira parte. Da segunda parte apenas lembraba nada. Pero vista agora, paréceme unha película bastante cutre. Claro, falo dende a miña posición de non gustarme a guerra nin o cine bélico, así que non teño moito co que comparar (nin o terei, esta película vina porque era de Kubrick, insisto). O de cutre dígoo sobre todo pola segunda parte, porque non pisaron Vietnam nin de lonxe. Rodaron todo en Inglaterra, importaron palmeiras e arbustos doutros países para dar o pego. A cidade en ruínas na que ten lugar a última parte da película era dunha empresa inglesa e parecíase bastante ás ruínas de guerra da cidade vietnamita de Hue. Xa por non dicir que intentaron contratar a varias estrelas que pasaron totalmente do tema e víronse obrigados a tirar dun elenco mediocre, que 35 anos despois non lembra case ninguén. Parece que Kubrick inicialmente quería facer unha película sobre o Holocausto, pero un guionista recomendoulle facer unha sobre a guerra do Vietnam e convenceuno cunha novela que xa estaba publicada, que lle encantou ao director.

Por certo, rematamos coa paranoia da tradución do título no mundo hispanofalante. Dado que o título orixinal era "Full metal jacket", a tradución española como "A chaqueta metálica" semella bastante fiel. Pero en Hispanoamérica decidiron ir por libre, coma sempre. A opción "Nacido para matar", non sendo nada fiel, aínda pode valer, porque era o que poñía o casco do personaxe principal. Pase. Pero nalgúns países decidiron titulala "Cara de guerra", miña nai....

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...